Entrevista á tradutora María Alonso Seisdedos

O mundo da tradución, xa se sabe, é un dos máis ignorados e esquecidos. Os profesionais que nel traballan merecen un recoñecemento equitativo ao resto de oficios liberais, máis aínda cando desenvolven a súa empresa de maneira sobresaliente. E ese é o caso de María Alonso Seisdedos. Se hai alguén a quen admiro neste campo é a María, polo esmero e coidado que pon no seu traballo e que se plasma en cada tradución que asina. E tiven a profunda sorte de facerlle unha entrevista.

María del Carmen Alonso Seisdedos é tradutora audiovisual e literaria, labor que compaxina coa corrección ortotipográfica e de estilo. É licenciada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa e no seu currículo cóntanse, como idiomas de traballo, o galego, o castelán, o inglés, o francés, o italiano, o catalán e mais o portugués.

Traduciu literatura para a Editorial Galaxia: de Orhan Pamuk verteu ao galego (xunto con Bartug Aykan) O museo da inocenciaChámome Vermello, O libro negro e Neve; de Kazuo Ishiguro achegounos Nocturnos: cinco contos de música e anoitecida e de Herman Koch (ao pé de Antón Vialle) mediou co texto da obra A cea. Ademais, tamén traduciu o célebre Ulises de James Joyce onda Eva Almazán, Antón Vialle e Xavier Queipo. Así mesmo, traballou como correctora e revisora para esta mesma editorial. E traduciu literatura infantil para Vicens Vives e Edicións la Fragantina.

Leva traballando no eido da tradución audiovisual desde as orixes mesmas da CRTVG e, desde aquela, asinou series como O detective ConanOne Piece, DamagesQuita e ponO pallaso ou Walker, ranger de Texas e longametraxes como a saga completa de Harry PotterMillion Dollar Baby ou Alén do tempo.  Entre outras moitas máis. Nos primeiros tempos tamén fixo axuste (a adaptación da tradución á imaxe e á sincronía do produto audiovisual). Coido que todos os nenos galegos (e os non tan nenos) medramos mentres escoitabamos as súas magníficas traducións. 

É un pracer e un orgullo contar con ela no DERRUBANDO ISOGLOSAS. Grazas, María!

María

 © María Alonso

Como comezaches no mundo da tradución?

Se non me lembra mal, foi en 1985, cando unha empresa de dobraxe procedente de Euskadi (Imaxe Galega S. L.) se instalou en Galiza. Convocaron unhas probas para tradutores e colléronme, ao primeiro como independente e despois contratada, xunto a Rosa Camiña (Interlingua S. L.) e Paco Bedoya, xa falecido. Alí aprendín tamén a axustar.

Tocouche traducir de todo. Que prefires traducir: series, películas ou documentais? Imaxe real ou animación?

Realmente, tanto me ten mentres o produto sexa de calidade, algo que por desgraza non é frecuente. Pero partindo desa premisa, o que máis me gusta, sen dúbida, é traducir para o público infantil: cancións, xogos de palabras…

Hai algún traballo concreto do que gozases moito ou do que te sintas especialmente orgullosa?

Non che sabería dicir. Hai produtos que me entusiasmaron, como unha serie canadense creada en 1990 que se chamaba Chicken Minute ou outra xaponesa (os únicos debuxos xaponeses que me gustaron), Samurai Champloo, ambas dobradas en SODINOR S. L. Tamén recordo a versión que se fixo en CTV de The Young Ones en 2006, pero para o meu pesar, como era costume nese estudio —que hoxe leva outro nome—, o traballo repartiuse entre varios tradutores, algo que nunca se debera facer porque creo que non contribúe en absoluto á calidade. Agora, orgullosa orgullosa, non creo que me sinta de nada. En calquera tradución das que levo feito seguro que cambiaría mil e unha cousas ou todo.

Samurai Champloo HD Desktop Background

© Fuji TV

Cónstache cal foi o teu traballo máis valorado e cal, se existise, o máis criticado?

O máis valorado cónstame, porque non deixan de recordarmo, doce anos despois de que traducise o último capítulo, e non me quedará outra que citalo para os despistados: Shin-chan. E supoño que a versión a oito mans do Ulises, pola parte que me toca, tamén entra aquí.

En canto ao máis criticado, non estou moi ao tanto da valoración que se fai de nada do que se emite por televisión, nin sequera sei se hai algún tipo de crítica seria.

Tamén fixeches axuste para dobraxe. É unha disciplina ardua?

Como ardua non creo que se deba cualificar. En todo caso, require estar moi pendente da pantalla e leva o seu tempo. Non sei agora, pero en tempos polo menos esa parte compensaba economicamente.

No relativo ao tempo, canto podes tardar en traducir un episodio ou unha longametraxe de 90 minutos?

Négome a contestar esta pregunta sen a presenza dun avogado ou, no seu defecto, dun «depende», incluíndo dentro deste os prazos de entrega. Non é o mesmo unha película que se basee na acción ca unha que se basee nos diálogos, ou?

Por suposto! E cónstache como evolucionou a tradución audiovisual en galego desde os seus inicios?

Responder a esta pregunta paréceme que esixe unha tese e ha de haber quen poida responder moito mellor a ela. Non seguín nin sigo a súa evolución nin vexo a tele, así que non podo xulgar se mellorou ou empeorou porque só sei o moito que evolucionei e aprendín eu.

Como se lida coa adaptación das referencias culturais no proceso da tradución? 

Antes galeguizábanse máis porque para o espectador era difícil entendelas. Hoxe o público, en xeral, está máis familiarizado con esas referencias, polo menos coas do mundo anglosaxón, e non creo que se deba recorrer a iso, salvo en contadas ocasións.

Un tradutor ten que saber documentarse e traballar con bases terminolóxicas. No caso da tradución audiovisual, sobre todo en sagas de longametraxes ou series longas, hai que manter unha coherencia enorme. Como se consegue esta?

Pois aquí haberá que recorrer outra vez ao «depende», porque se che dan a serie enteira podes manter a coherencia, pero se non, ese labor corresponderalle ao revisor/coordinador e ao interese que este ou a empresa para a que traballa teña en mantela.

E si, dá moito traballo documentarse, pero iso é tamén parte do encanto deste oficio, fóra presións e prazos de entrega.

Falando de sagas, fuches a tradutora da película máis vista da historia da TVG: Harry Potter e a pedra filosofal. Tamén de series que causaron moito impacto entre o público como a anterior nomeada Shin-chan. Que supón esta transcendencia para ti?

Grazas a Shin-chan, os tradutores de dobraxe saímos un pouco á luz. Como anécdota terei que contar que esta serie permitiu que na aldea onde vivo a xente soubese a que me dedicaba. O de Harry Potter acabo de sabelo agora e, sinceramente, a min non me supón nada.

Shinchan_e_Kazama

© TV Asahi

As túas traducións caracterízanse pola vivacidade e riqueza do galego, pois sempre apuntan cara á forma «máis galega de dicir». Cal é o segredo?

Darlles (moitas, moitas) voltas ás frases, tentar «interpretar» no sentido de ‘actuar’, meterse na pel de quen escribe ou fala, pensar en como diría eu isto en galego se fose esa personaxe, por simplificalo un pouco.

Estamos ante un sistema en vías de normalización coma o galego. Iso supón unha gran responsabilidade?

Se cadra debera supor unha gran responsabilidade, pero eu non o sinto así. Coidaría de igual modo (isto é, o mellor que sei e se me permite) un produto que fose nunha lingua totalmente normalizada coma o castelán. Sorpréndeme cando cae ante os meus ollos algún guión escrito en castelán por cineastas novos a cantidade de calcos do inglés que empregan, imitando as peores traducións da dobraxe en castelán. E isto non creo que teña xa volta de folla. Como diría Shin-chan, é o que hai. As linguas que aínda están vivas evolucionan, pero nunca na historia ese proceso foi tan rápido e para peor.

Tamén traduces e adaptas cancións para dobraxe, mesmo desde linguas tan exóticas como o xaponés. Como se fai esa «maxia»?

Non hai maxia ningunha aí, senón traballo. Fago unha primeira tradución para entender o que se di. Logo escoito a música varias veces. A seguir xúntolle o texto orixinal e vouna cantando (baixiño), para ver onde están as pausas, os acentos, o ritmo e as rimas, se as hai. Por fin, adapto a tradución e cántoa (ata que tremen as paredes da casa) para comprobar que todo encaixa. O que se faga despois con elas… é outro cantar.

Na tradución audiovisual os prazos sempre mandan. Como che afecta iso no traballo?

Teño dito moitas veces que ende ben hai prazos, porque se non, unha estaría eternamente dándolles voltas ás traducións e nunca máis daría acabado nada… pero claro que afectan os prazos de forma negativa. Primeiro, porque case nunca hai a posibilidade de ver antes a serie enteira e hai que cinguirse á primeira escolla que se fixo, aínda que logo se che ocorra outra mellor; segundo, porque cando cómpre entregar un ou dous episodios diarios, as máis das veces non quedo nada satisfeita do resultado.

Traduciches tamén obras de Pamuk, Ishiguro ou Herman Koch ao galego. E como mencionaches antes fuches unha das tradutoras do Ulises de James Joyce. Mediaches tamén na versión ao galego de obras literarias infantís. Como foi a experiencia?

Desde que me matriculei en Filoloxía, quixen (e sigo querendo, poida que algún día o consiga, se antes non morro) ser tradutora literaria. O de entrar na tradución audiovisual foi mero acaso, as circunstancias que me colocaron nun lugar axeitado e no momento axeitado ante un anuncio nun xornal. O triste é que da tradución literaria nunca se puido vivir dignamente, pero tampouco se pode xa vivir dignamente da tradución audiovisual. E mesmo así, se me dás a elixir, entre a tradución literaria e a riqueza, ai amor, quedo contigo, que dirían Los Chunguitos, con perdón, pero sobre todo quedo coa tradución para nenos: o que máis me gustaba de pequena (e de grande) son os bos libros de literatura infantil.

ulises

© EDITORIAL GALAXIA, S.A.

Tamén traballas como revisora e correctora? Como é ese traballo? É, se cadra, pouco agradecido?

Supoño que che son un algo rariña, porque a min gústame moito tamén ese labor, mesmo que acabe cabreándome polo pouco respecto que hai ás veces pola lingua. A ningún escritor se lle ocorrería cometer faltas de ortografía en castelán… Por que se cometen en galego, logo, e aínda algúns se senten orgullosos diso? Máis un misterio insondable da natureza humana.

E xa para rematar… Cal é a parte do teu traballo coa que gozas máis?

Cando me pagan porque tamén me vexo obrigada a comer (e a pagar a luz, o ADSL, os impostos —tan necesarios para que o sistema público de seguridade social e pensións, educación, etc funcione—, un pouco de calefacción para que non se me entalen os dedos no teclado) e, creo, un bo xogo de palabras.

Gustaríache compartir algunha anécdota co DERRUBANDO ISOGLOSAS?

Hai pouco estiven na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo falando sobre a miña experiencia na tradución literaria e audiovisual. Ao remate achegóuseme unha moza e díxome que nunca ouvira un tradutor alí falar con tanta paixón do seu traballo. Nun primeiro momento alegreime pero despois pensei que era ben triste que non houbese máis paixón en todos os que nos dedicamos a isto, en calquera das súas áreas.

Hai unha semana, baixei aos aseos dunha cafetería madrileña para lavar os dentes. Nestas estaba, cando entrou a limpar os váteres unha muller —que xa debera estar cobrando tranquilamente unha xubilación decente—, cantando… e cantando divinamente. Sorrinlle, que para iso tiña o dentame relucente, e fíxenlle un comentario sobre o alegre que estaba tan de mañá. Respondeume que por que non levar o choio con alegría «para dous días que imos estar aquí». Pois iso: paixón e alegría mesmo nas catacumbas. Amen.

Advertisements

5 comentarios en “Entrevista á tradutora María Alonso Seisdedos

  1. Pingback: Con Manuel Arca… Derrubando isoglosas | María Alonso Seisdedos

  2. Pingback: O oficio de tradutor | Aí falaches!

  3. Pingback: O tratamento das referencias culturais na tradución de Damages | DERRUBANDO ISOGLOSAS

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s