O exercicio da tradución require un transvasamento de información entre culturas e códigos, non restrinxido a factores interlingüísticos. No caso do mercado audiovisual, as producións traducidas que consumimos habitualmente pertencen ás comunidades anglófona e francófona, e na tradución aplícanse determinadas estratexias para lidar coas discrepancias interculturais que se vertebran nos propios textos.
Lucía Molina e Amparo Hurtado, cuxa clasificación sobre o tratamento dos chamados culturemas alcanzou unha certa celebridade no marco teórico dos estudos da tradución, definen a adaptación como «to replace a ST cultural element with one from the target culture, e.g., to change baseball, for fútbol in a translation into Spanish». Segundo o tipo de produto, a finalidade e o contexto, cómpre tirar desta técnica ou doutras para ofrecer ao público un texto que transmita o mesmo senso que transloce o orixinal.
Doraemon, o gato cósmico é unha das series de animación xaponesas máis coñecidas e recoñecidas en todo o planeta. Estreouse no ano 1994 na Televisión de Galicia e, desde aquela, foron emitidos máis de 900 episodios dobrados ao galego, o que a converte, quizais, no produto audiovisual máis extenso traducido na nosa lingua. Os textos mesmo experimentaron a mudanza normativa do ano 2003, alén doutra serie de modernizacións inherentes ao propio decurso do tempo pois, no Xapón, emítese ininterrompidamente desde o ano 1979.
Así e todo, certos episodios modernos son meras versións actualizadas dos primeiros capítulos. En liñas xerais, os guións son os mesmos, catar o estilo de animación e o propio reparto da dobraxe. Por iso, é moi interesante comprobar como evolucionou o tratamento da cultura xaponesa presente na serie, consoante ao maior coñecemento desta na sociedade receptora. Así, é asaz revelador analizar os episodios traducidos nos noventa e senllas versións dos capítulos modernos para comprobar como a conservación das referencias orixinais é, no momento presente, máis habitual.
Un dos principais problemas con este tipo de produtos xorde ao tratar a adaptación (e potencial conversión) das divisas pois, por unha parte, poida que o público meta non coñeza o valor da moeda estranxeira e, por outra, o espectador pode percibir como «ruído» as denominacións que lle resultan alleas. Compróbase nestes exemplos, pertencentes ao episodio 180 («Rico gracias á cabina dos desexos») e 964 («Nobita é rico») da serie, como as técnicas para resolver esta dificultade foron distintas nos noventa e na actualidade (e, de feito, constátase a «caducidade» da adaptación escolleita):
Doraemon, episodio 180 |
Doraemon, episodio 964 |
NOBITA: Quero que todo sexa moi barato, pero que o meu billete de dez mil pesetas siga valendo o mesmo ca agora. A ver canto baixou todo! Vou comprar contos! Este, ese e tamén aquel. DORAEMON: Non collas tantos, Nobita, se non, vas quedar sen un can. NOBITA: Ai. Canto valen estes? LIBREIRO: Pois son… dous céntimos e medio. NOBITA: Dous céntimos e medio canto é? DORAEMON: É a milésima parte de vinte e cinco pesetas. |
NOBITA: Que pasaría se estivese nun mundo no que as cousas valesen menos? Pero que os dez mil iens conserven o seu valor actual. Veña, imos ver como baixaron os prezos! Hai tempo que quería merca-lo número seis. DORAEMON: Estás mercando máis da conta! NOBITA: A ver que máis hai… LIBREIRO: Son dez libros en total, tres sens e cinco rins. NOBITA: Doraemon, iso canto é? DORAEMON: Unha milésima parte de trinta e cinco iens. |
Outro exemplo é a diverxencia no sistema de cualificación das probas examinatorias. Mentres no Xapón se adoita avaliar o alumnado sobre 100, aquí o máis habitual é que a nota máis alta sexa un 10, en tanto que en países como a Francia o sistema puntúe sobre 20. Cómpre indicar que a imaxe debería imperar á hora de «traducir» este culturema, presente no episodio 5 («Por unha vez na vida un dez!») e no 852 («Un cen por unha vez na vida!»), mais só no segundo dos casos se gardou a previsíbel coherencia coa canle visual (expondo, no primeiro, informacións contraditorias):

© TV ASAHI
Doraemon, episodio 005 |
Doraemon, episodio 852 |
PROFESOR: Vouvos entrega-las notas do exame. Nobita? NOBITA: Si! PROFESOR: Un dez, coma sempre. Como fas para sacar un dez en tódolos exames? Deberiades aprender de Nobita! NOBITA: Que pesadez! Non haberá unha nota máis alta ca dez? |
PROFESOR: Aquí teño os vosos exames de onte. […] O primeiro, Nobita. NOBITA: Si! PROFESOR: Nobita… Coma sempre: cen sobre cen. […] E os demais fixádevos ben, a ver se tomades exemplo de Nobita. […] NOBITA: Vaia leria! Por que non se poderá sacar máis de cen? |
Emporiso, non quere dicir isto que se adopten, sistematicamente, todas as referencias culturais xaponesas e, por exemplo, o ramen segue sendo fideos instantáneos e o taketombo é, segundo o episodio, o gorrocóptero ou o casco voador. Ende ben, as adaptacións están razoadas e son consecuentes co texto de partida, pois certas versións alteran o sabor orixinal en favor dunha innecesaria americanisation, a pesar da internacionalización de Doraemon, que foi nomeado embaixador da nación polo Ministerio de Asuntos Exteriores no ano 2008. El non haberá invento no peto máxico capaz de pór fin ás asneiras comerciais que deostan a digna profesión da tradución?