Tense falado moito da tradución dos títulos das longametraxes: dise que non respectan a denominación orixinal, que son invencións dos tradutores, que son unha aberración para a obra audiovisual xenuína… Normalmente, son as distrubuidoras das películas as que deciden os títulos cos que estas serán coñecidas entre o público meta da tradución. Estes ben poden proceder do título orixinal, ben poden respectalo parcialmente ou ben poden ser unha creación dos axentes paratradutores, nos casos en que o título da película na cultura receptora non sexa directamente o da lingua de partida. A decisión responde, exclusivamente, a estratexias comerciais e de mercadotecnia e, xa que logo, o tradutor pouco ou nada ten que ver con esta cuestión.
En galego, o caso é un pouco máis complicado. Como é ben sabido, o cliente principal que encarga estas traducións é a CRTVG e, habitualmente, séguese unha táctica concreta: tómase o título da versión en español e tradúcese á nosa lingua para que o público galego poida recoñecer a obra que previamente se comercializou en castelán. De aí que filmes como Some like it hot ou The Hangover sexan, na súa dobraxe, Con saias e a rachar e Resacón nas Vegas, respectivamente.
Pero fóra dos produtos encomendados pola compañía pública, pódese intuír que non se segue esta práctica, xa que é posible encontrar discrepancias de títulos entre o español e o galego. É dicir, o título galego non bebe do título español, e achégase ao orixinal, pois non se encontra motivado pola estratexia que fomenta a televisión galega. Lo que el viento se llevó é Foise co vento (encargada por TVE) e Shin-chan: ¡Los adultos contraatacan! é Shin-chan: O imperio dos carrozas! (para Luk Internacional).

© Metro-Goldwyn-Mayer
Velaquí recóllese o conxunto de longametraxes emitidas pola TVG (ou cofinanciadas por esta para cinemas) en maio do 2015. Non se inclúen as películas rodadas en español ou as películas galegas que emitiu a canle autonómica.
GALEGO | ESPAÑOL | ORIXINAL |
Agora ou nunca | Ahora o nunca | The Bucket List |
42 | 42 | 42 |
Alén da vida | Más allá de la vida | Hereafter |
Bo día | Buenos días | Ohayo |
Jonah Hex | Jonah Hex | Jonah Hex |
Whiteout | Whiteout | Whiteout |
Pasaxeiro 57 | Pasajero 57 | Passenger 57 |
Cargo | Cargo | Cargo |
Infiltrados | Infiltrados | The Departed |
Supermán, o regreso | Superman Returns: el regreso | Superman Returns |
A dolce vita | La dolce vita | La dolce vita |
Impacto inminente |
Impacto inminente |
Jingcha Gushi 4 zhi Jiandan Renwu |
O príncipe namorado | Cala reial | Cala reial |
Saídos de contas | Salidos de cuentas | Due Date |
Seven | Seven | Se7en |
Sherlock Holmes | Sherlock Holmes | Sherlock Holmes |
Os sete samurais | Los siete samuráis | Shichinin no samurai |
Cidade de ladróns | The Town: ciudad de ladrones | The Town |
Quero ser un Thunder | Quiero ser un Thunder | Thunderstruck |
Sucker Punch | Sucker Punch | Sucker Punch |
Primavera tardía | Primavera tardía | Banshun |
No centro da treboada | En el centro de la tormenta | In the Electric Mist |
O noso último verán en Escocia | Nuestro último verano en Escocia | What We Did on Our Last Holiday |
O especialista | El especialista | The Specialist |
Luís II de Baviera | Luis II de Baviera, el rey loco | Ludwig |
Pódese observar na táboa que a tradución do título ao galego está subordinada ao título que posúe o filme na dobraxe en español, como se expuxo anteriormente. Non obstante, hai catro casos que foxen desta práctica e figuran salientados en letra grosa. Como pode observarse, en tres destes exemplos a diferenza encóntranse na utilización dun subtítulo explicativo que acompaña o título orixinal (Superman Returns: el regreso e The Town: ciudad de ladrones) ou nun mesmo subtítulo a carón da nova denominación da película (Luis II de Baviera, el rey loco). Na versión en galego prescíndese das palabras aquí subliñadas. No cuarto caso, a película catalá Cala reial seguiu outra praxe e creouse un título completamente novo, se cadra máis explícito en relación ao argumento da longametraxe: O príncipe namorado.

© BBC Films

© BBC Films
Emporiso, debe aclararse que o máis frecuente é que os guións se traduzan do guión orixinal e non do correspondente español. Así, só no caso dos títulos comerciais o galego depende do español, e non no resto do texto audiovisual.