O DRAG no gabinete do tradutor cinematográfico

O Dicionario da Real Academia Galega é unha obra de carácter normativo, elaborada polo Seminario de Lexicografía da institución correspondente. En actualización constante desde abril do ano 2012, data en que foi habilitado na rede, herda a autoridade en materia lexical dos dicionarios en papel que publicara a RAG ata o momento, o que se traduce no establecemento de prescricións e proscricións para os niveis formais da lingua, fundamentalmente, no plano escrito. Así mesmo, nalgúns dos 60 000 artigos lexicográficos de que se compón ofrécense etiquetas ou observacións que matizan o uso: coloquial, literario, pexorativo, popular, vulgar

Dispor dun dicionario dixital amparado por unha institución académica facilita aos escribentes da lingua —en xeral, e, no caso que nos corresponde, aos tradutores cinematográficos en particular— un mundo o desempeño das funcións comunicativas máis elementais. O DRAG, por exemplo, advírtenos dun castelanismo que non criamos tal ou esclarécenos cales son as variantes máis representativas do galego, aquelas que deben figurar nun texto que aspira a chegar a un gran número de falantes, posto que hai casos en que nin o uso nin a tradición cultural lograron ponderar un elemento dun conxunto de sinónimos como forma «non marcada» ou «supradialectal». A pesar disto, tamén é verdade que o dicionario da Academia dista de ser unha obra exhaustiva ou mesmo cohesiva, adaptada ás realidades que imprime a ficción cinematográfica, o que, queiramos que non, déixanos á nosa sorte ante un océano de dificultades.

O que o DRAG lle facilita inequivocamente a un tradutor son advertencias derivadas da natureza normativa e académica da obra, tales como:

  • incorreccións explícitas (as formas *grinalda e *noraboa figuran manifestamente condenadas, o uso do verbo trepar «co significado de gabear, rubir» declárase «incorrecto», a forma cadanseu, cadansúa «sempre acompaña o obxecto posuído e nunca a persoa ou persoas que o posúen» etc),
  • usos recomendados (en tanto cor, Touro e roxón se recomendan fronte a color, Tauro e rixón, para todas as acepcións de ganar, hebraico e presuposto ofrécense como sinónimas as formas gañar, hebreo e orzamento; outras veces, a definición establece cal é a forma preferente, caso de ar, brincadeira e mai respecto de aire, brinca e nai)
  • e usos, a priori, sobre os que a norma non di nada (recóllense bubela, fazula e feito/feita e mais cóxegas, tornecelo e xabaril, pero non poupa, bochecha ou cuco/cuca nin cócegas, tornocelo e xabalín¹, que non se condenan expresamente, igual que acontece, malia o seu contrastado uso nos textos escritos modernos, con encetar, inquérito ou perruqueiro/a cos valores respectivos de principiar, enquisa e peiteador/a).

Así e todo, moitas das decisións que se toman nunha tradución tampouco se deben procurar nas sancións ou suxestións do DRAG, pois, como non hai dous filmes iguais, case nunca reclaman as mesmas particularidades estilístico-expresivas. Por exemplo, certos usos recomendados poden non ser adecuados para determinado texto que busca reproducir certo ton poético ou poden non se adaptar ao estilo que marcou quen contrata a encomenda ou, mesmo, non contentar o espírito crítico (e subversivo) que se lle presupón a calquera profesional². Sempre atina quen se guía pola sensibilidade e o xenio lingüístico³, que é xusto onde o DRAG (ou outro dicionario), aínda que poida axudar, non chega.

Por iso, e por moi obvio que pareza, ás traducións audiovisuais non se lles debería atribuír a responsabilidade de seren «modelos» dun suposto «ideal de lingua» tomado dun dicionario; con seren comunicativas, se a versión orixinal lles corresponde, abondo teñen. Tampouco se deberían concibir como «reflexos» fidedignos da fala espontánea —por moito que as convencións inherentes á súa natureza de «oralidade prefabricada» o permitiren, que nunca o acaban por permitir de todo—, pois, desde unha perspectiva máis realista, collen polo camiño do medio. Isto é, as dobraxes, aínda que falan de xeral coa corrección que tende a esixir o código cinematográfico (e isto acontece en italiano, en catalán e en español tamén), non se deben ao DRAG (en todo caso, será ao revés); adecúanse desde o estándar ás situacións comunicativas, e de aí, o vocabulario e a sintaxe discorren á solta por onde a capacidade e o gusto do tradutor llelo permitan. Por esixencias do guión, mesmo poden chegar a transgredilo.

Se precisamos unha palabra expresiva para designar unha persoa moi devota, altareiro/a non ten mal ningún, porque dan boa fe da súa existencia o Carré Alvarellos e o Eladio; chaíñas ou falabarato, voces de pura cepa, quedaron autorizadas por Xohán Cabana, Ferrín ou Forcadela na súa produción literaria; choupela está avaladísima polo vulgo e polo Estraviz; dicir dun tipo que é un perrecho, no uso, é como dicir que é un carallo, pero a todo hai quen gañe e aínda é máis grande un perrecho do carallo. O DRAG, por iso, hai que entendelo como o que é: un dicionario en construción, con algunhas limitacións, pero sen vontade de lle pór cancelas a nada, e menos á fala viva ou á vida da fala, como tira a demostrar o uso que fan os académicos de voces ou expresións que nel non figuran (aliás, nomeadamente ou vir a lume, por exemplo), pois o léxico xeral non se estandariza ao xeito dun paradigma verbal.

En definitiva, nunha tradución audiovisual (e tamén literaria, que para o caso, obriga ás mesmas esixencias) ten preferencia a adecuación á diversidade expresiva e comunicativa da obra orixinal —que se resolve cos infinitos recursos que nos deixa o xenio do galego— sobre un uso ríxido e descontextualizado do DRAG, porque mesmo a corrección abre un universo alén do número limitado de entradas que un dicionario (incluso dixital) nos pode ofrecer. Iso non quita que a sociedade debe aspirar a unha obra lexicográfica modélica que non desmereza as posibilidades do idioma e que procure reflectirnos nela, mais isto non será posible en tanto os poderes políticos non confíen na imperiosa empresa de atesourar o herdo tal. Entrementres, e aínda ben, a lingua vive nos seus donos máis auténticos: os falantes.


¹ A pesar de se mostrar máis xeneroso con formas xeolectais como estalote ~ estraloque ~ milicroque, bedugo ~ bedulo ~ bídalo ~ bido ~ bidueiro ~ budio ou barrosiña ~ coccinela ~ maruxiña ~ papasol ~ papoia ~ reirrei ~ voaniña ~  voíña ~ xoana.

² Aínda que todos teñamos as nosas filias e fobias lingüísticas, non parece moi pertinente declarar ás bravas como sinónimos totais, entre outros, agardar e esperar ou compra e merca, nin recoller calcos expresivos como «de collóns».

³ Que vén sendo quen escoita con humildade os demais.

Xente

María Alonso Seisdedos

9788491517993-1

Desta non había esperanza para el: era a terceira apoplexía. Unha noite e outra pasaba por diante da casa (estaba de vacacións) e esculcaba no rectángulo de luz da fiestra, e unha noite e outra atopábao iluminado igual, cunha luz tenue e uniforme. Se morría, pensaba, vería o reflexo das candeas na persiana escura, pois sabía que na cabeceira dun cadáver se colocaban dous cirios. Algunha vez tíñame dito: “Non vou durar moito máis neste mundo,” e eu considerara infundadas esas palabras. Agora sabía que eran certas. Cada noite, ao levantar a vista á fiestra, pronunciaba baixiño, para os meus adentros, a palabra “perlesía”. Sempre me resultara estraña ao ouvido, coma o gnomon de Euclides ou a simonía do Catecismo. Agora soábame a nome de ser maléfico e pecadento. Infundíame medo e, con todo, devecía por aproximarme e contemplar a súa obra letal.

Joyce, James: Dublineses (Dubliners). Editorial Galaxia…

View original post 5 palabras máis