Despois de darmos voz a diferentes actores da práctica da tradución ao galego, participa nesta tribuna a tradutóloga alemá Christiane Nord, que achega un novo enfoque —talvez máis teórico— sobre o exercicio translativo. A Dra. Nord é coñecida por introducir a teoría do funcionalismo nos estudos da Tradutoloxía, cuxos postulados supuxeron un xiro de 180º no mundo da investigación.
É licenciada en Tradución (español e inglés) pola Universidade de Heidelberg (1967), doutora en Filoloxía Hispánica e Tradutoloxía pola mesma universidade (1983) e catedrática emérita de Tradutoloxía. Desenvolveu os seus labores docentes en varias universidades, alén de na súa alma máter, na India, Indonesia, Tailandia, Arxentina, Brasil, México, Suráfrica, Xordania ou Rusia. Ten, no seu haber, máis de 80 publicacións sobre teoría, metodoloxía e didáctica da tradución, entre as que destacan Textanalyse und Übersetzen (1988,), Einführung in das funktionale Übersetzen (1993) e Translating as a Purposeful Activity (1997), así como varias traducións, como unha nova versión en alemán do Novo Testamento e dos textos apócrifos paleocristiáns (Das Neue Testament und frühchristliche Schriften) ou unha tradución do latín ao alemán das Orationes meditativae de Guillermo de Saint-Thierry.
É unha honra que tivese a ben participar, con esta entrevista, no DERRUBANDO ISOGLOSAS, despois de nos coñecermos en Vigo, no ano 2017, grazas ás profesoras Luna Alonso e Montero Küpper. Benvinda, profesora Nord!

Fotografía da Dra. Montero Küpper
Como se foi enfocando a súa traxectoria profesional (e persoal) cara ao mundo da tradución?
Esta traxectoria case que comezou cando nacín, pois son filla dunha tradutora e neta dunha secretaria bilingüe, mais non terminou ao ser nai doutra tradutora e avoa de catro netos dos cales, iso si, non sei quen exercerá a tradución. Nótase ben que a tradución é un defecto xenético!
Máis en serio, despois do Bacharelato cursei a carreira de Tradución na Universidade de Heidelberg —onde tamén estudara miña nai 25 anos antes— e formeime como tradutora pública con alemán, español e inglés como linguas de traballo. A respecto da tradución ao español (e un chisquiño, talvez, da Tradutoloxía, que daquela non existía), a miña mentora foi a profesora Katharina Reiss. Uns cinco anos despois de me graduar, a profesora Reiss chamoume ao seu despacho para me preguntar se tiña interese en impartir clases de español e de tradución español-alemán; dúas semanas máis tarde, encontrábame perante os meus primeiros alumnos, algúns case dos meus mesmos anos. E, desde aquela, fun profesora de tradución, máis tarde tamén de Tradutoloxía, e até hoxe, aínda que agora en calidade de emérita na Universidade, pero sigo impartindo clases onde queira que me chamen.
Aínda que a tradución é unha das actividades máis antigas da humanidade, por que se demorou tanto o nacemento da Tradutoloxía (Translation Studies) como disciplina claramente definida?
Os primeiros documentos que nos falan da tradución de maneira pre-científica, por así dicilo, datan da antigüidade. Podemos mencionar a Cicerón, Horacio, San Xerome e a un longo etcétera. No mundo académico, a tradución sempre foi —e nalgúns lugares aínda o é— unha actividade que se practica nas Facultades de Teoloxía e de Filoloxía Antiga, onde serve para entender mellor os textos en grego, en latín, en hebreo ou noutros idiomas. A base «teórica» que alí se empregaba era a «regra de ouro» de traducir o máis fielmente posíbel e tomar só as liberdades absolutamente necesarias para o texto traducido ser lexíbel e comprensíbel. Na Alemaña, polo menos, practicouse a mesma forma de tradución tamén nas filoloxías modernas, na formación dos docentes de linguas. Por iso, penso que durante séculos non se viu necesario posuírmos unhas bases teóricas independentes para a tradución.
Nun tempo máis recente, a Lingüística Contrastiva ofreceu os medios metodolóxicos suficientes para a comparativa entre sistemas lingüísticos. Na práctica profesional, os tradutores —formados ou «naturais», por saberen idiomas— operaron segundo o que puidese satisfacer os desexos dos seus clientes, o que acotío se pareceu moito ao que hoxe en día postula a teoría funcionalista.
Ironicamente, foron as primeiras tentativas de crear sistemas electrónicos de tradución automática —pensados para tornar superfluos os tradutores humanos— os que deron o impulso decisivo para o nacemento da Tradutoloxía como filla ou neta da Lingüística Contrastiva, por unha parte, e a creación de centros de formación para tradutores profesionais no ámbito académico, por outra, a mediados dos anos 50 do século pasado.

A Dra. Nord na Universidade de Vigo
O seu traballo no ámbito da Tradutoloxía supuxo unha revolución copernicana en toda regra, mais que aplicación posúe a teoría funcionalista na actividade diaria dun tradutor profesional?
Como xa indiquei, moitos profesionais tentan, intuitivamente, producir traducións que «funcionen» para os seus clientes. Non obstante, a intuición non é un asesor moi fiábel. O funcionalismo ofrece un marco de referencia fiábel para xustificar ou, no seu caso, defender as solucións translativas encontradas intuitivamente e para procurar que estas solucións sexan consistentes no marco dun proxecto máis grande de tradución (inclusive aqueles en que traballan varios tradutores en grupo).
Vivimos nun territorio cuxa lingua propia é o galego, mais en que se fala, por circunstancias sociohistóricas e políticas, tamén o idioma español. Que funcións adquire a tradución no día a día dos falantes (pensemos nos carteis bilingües en que existe plena intelixibilidade)? Isto é, como se estuda este fenómeno desde a perspectiva da teoría funcionalista na Tradutoloxía?
Neste caso, cómpre valorar que unha das funcións —ou poida que a función máis importante— sexa a promoción e o desenvolvemento ou a posta ao día da lingua galega. Hai uns días tiven que escribir unha recensión sobre un artigo da tradución da Biblia a varias linguas africanas. O autor (ou autora, que era anónimo) falaba do «valor engadido» destas traducións que, ademais de para comunicar, serven para aumentar o prestixio e a importancia da lingua a que se traduce.

Aeroporto Rosalía de Castro (Santiago de Compostela)
Como ve o tradutor o mundo, en contraste coa visión que del teñen os profesionais doutras disciplinas?
Un tradutor ve no mundo, sobre todo, a necesidade de que exista unha mellor comunicación entre as diferentes comunidades, co obxecto de evitar malentendidos culturais, provocados, entre outras razóns, polo uso estendido do inglés como lingua franca. Porque o uso dunha lingua estranxeira non muda os conceptos das cousas ou as ideas que un ten na mente, así que dúas persoas que empregan o inglés como idioma común, alleas ás propias culturas desta lingua, empregan a mesma palabra inglesa, mais refírense a conceptos ou prototipos de obxectos distintos.
Que competencias estima que son conditio sine qua non no perfil dun tradutor profesional?
a) Saber que a comprensión de calquera texto depende do horizonte especificamente cultural de cada receptor.
b) Coñecer as normas e as convencións do comportamento verbal e non verbal do «outro», en contraste co da propia cultura.
c) Saber analizar un texto en todos os niveis da interacción comunicativa para identificar os problemas pragmáticos, culturais e lingüísticos que xorden no exercicio da tradución.
d) Coñecer os conceptos teóricos básicos da tradución e saber aplicalos na práctica translativa —que pode incluír os diferentes tipo de formas de tradución que son axeitados para determinadas situacións e encomendas—.
Vostede tamén defende que se «gaña» polo mero feito de traducir, isto é, que o concepto de «perda» en tradución é desatinado. Como explicar isto ao público leigo?
Moi facilmente: un texto escrito nunha lingua concreta está confinado a un público limitado que fala ou entende esta lingua. Se se traduce a outra, o mesmo texto chega a máis xente que pode gozar del ou ampliar os seus coñecementos.

©Pontificia Universidade Católica de Chile
Como afrontarmos o debate da invisibilidade e da visibilidade do tradutor? Como conseguimos que o tradutor permaneza «invisíbel», que funcione a «maxia» para que o lector non perciba que se encontra perante un texto traducido e que ao mesmo tempo se valore a actuación do profesional?
Parece a cuadratura do círculo, non? Eu creo que dentro do propio texto o tradutor debería permanecer o máis invisíbel que poida, facilitando a comunicación entre o emisor do texto orixe e o público meta (salvo nos casos en que se demanda unha tradución-documento, que posúe outras funcións). Mais fóra, no que se chama paratexto, isto é, nos prólogos ou epílogos, o tradutor pode e debe explicar e xustificar as súas decisións translativas para que a xente se decate do tan importante labor do tradutor. Claro, isto vale sobre todo para a tradución literaria, porque a tradución económica ou técnica, en forma de tradución-instrumento, funciona mellor se o tradutor permanece absolutamente invisíbel.
Que pensa que resta por investigar no mundo da Tradutoloxía, dentro das inmensas pólas que del nacen?
Entre outras materias:
a) As aplicacións da teoría do escopo e do funcionalismo a proxectos de todos os ámbitos da tradución: técnico-científica, económica, turística, literaria, bíblica, audiovisual etc.
b) Verificar (ou falsificar, no seu caso) as hipóteses funcionalistas como, por exemplo, na orientación ao público destinatario, nas distintas encomendas de tradución, ao «educar os clientes» etc.
c) O posto de traballo do tradutor e a súa situación profesional como autónomo ou semi-empregado.
d) As ferramentas electrónicas (e tradicionais) do tradutor.
e) A ética da tradución (lealdade e outros).
E xa para terminarmos, cre que paga a pena dedicarse á tradución nun mundo globalizado en que o inglés se impón como lingua franca?
A pesar diso, si, como referín na pregunta 5.