O tratamento das referencias culturais na tradución de Damages

Tratouse, nun artigo anterior, a adaptación das referencias culturais nunha dobraxe ao galego de 1986, pero cómpre coñecer que actualmente se seguen outras estratexias de tradución para lidar con estes referentes. Como se destacaba daquela, Lawrence Venutti distinguía dúas posturas: a domesticación e mais a estranxeirización. O primeiro caso consistía en trasladarlle o referente á cultura meta e o segundo en trasladar o público meta á cultura de partida.

Por iso, imos tomar como exemplo unha tradución para dobraxe dos anos 2010-2014: a serie estadounidense Damages, que xa se tratou na entrada anterior e que ten que ver co mundo da xurisprudencia. A tradutora foi María Alonso e a directora de dobraxe (que axusta e tamén adapta o texto) foi Charo Pena.

damages

© ZKZ Productions

María comentaba nunha entrevista anterior neste blog que:

Antes [as referencias culturais] galeguizábanse máis porque para o espectador era difícil entendelas. Hoxe o público, en xeral, está máis familiarizado con esas referencias, polo menos coas do mundo anglosaxón, e non creo que se deba recorrer a iso [á domesticación], salvo en contadas ocasións.

Imos observar tres exemplos, da primeira temporada desta serie, constituídos por referentes culturais:

VERSIÓN ORIXINAL DOBRAXE GALEGA

GRETA: I’ve invited you to the show a hundred times before. You’ve never come, so why now?

PATTY: Well actually I thought it was Deal or No Deal. Where’s the bald guy?

GRETA: He’s backstage. We stuffed him in a briefcase.

Damages (ep. 1): Pilot

GRETA: Téñoa convidado un cento de veces ó programa e nunca aceptou. Por que agora?

PATTY: Porque pensei que era o concurso das maletas de cartos. Onde está o presentador?

GRETA: Non o sei, igual escapou con unha.

Damages (ep. 1): Piloto

Na versión orixinal faise referencia ao concurso Deal or no Deal, que na versión española se converteu en ¡Allá tú! e na portuguesa se titulou Pegar ou Largar. No programa aparecen maletas con cartos e preséntao o canadense Howie Mandel que, como se indica no diálogo, é careco (bald). Á hora de adaptar esta referencia non cumpriría facer alusións á versión española, polo que se mantivo a referencia a un concurso con maletas e, ademais, se conservou a brincadeira relativa ao presentador.

VERSIÓN ORIXINAL DOBRAXE GALEGA

PATTY: What is this?

ELLEN: A Ding Dong.

PATTY: A what?

ELLEN: A Ding Dong.

PATTY: It’s delicious. Go home it’s late, try again tomorrow. You know it tastes like a Ho Ho.

Damages (ep. 4): It tastes like a Ho Ho

PATTY: Isto que é?

ELLEN: Un ding-dong.

PATTY: Un que?

ELLEN: Un ding-dong.

PATTY: Está delicioso. Ide para a casa. É tarde. Mañá probades outra vez. Pois saber sabe a ho-ho.

Damages (ep. 4): Pois saber sabe a ho-ho

Os ding-dong e os ho-ho son pasteis de chocolate moi populares nos Estados Unidos. Os primeiros son do tipo Phoskito e os segundos semellantes aos Tigretón que se venden por estes nosos lares. Por que non se adaptou este diálogo? Pois porque, alén de seren marcas comerciais rexistradas, a última intervención de Patty é o título do propio episodio, polo que o cambio se faría máis ca evidente.

Xa que logo, a intertextualidade existente entre os títulos dos episodios e os diálogos destes son outra cuestión que o tradutor non debe ignorar.

VERSIÓN ORIXINAL DOBRAXE GALEGA

FISKE: Accommodation’s okay?

GREG: Your boss is worth billions and you stick me in this shithole? I can’t even get ESPN.

Damages (ep. 7): We’re not animals

FISKE: Está ben o aloxamento?

GREG: O teu xefe vale miles de millóns e métesme neste cortello? Nin canle de deportes hai.

Damages (ep. 7): Non somos animais

Na versión orixinal faise referencia á canle de deportes ESPN (Entertainment and Sports Programming Network) que, posiblemente, o público xeral non recoñeza. Por iso, cambiouse polo xenérico canle de deportes, que transmite a mesma información ca o referente orixinal.

Tamén posúen relevancia cultural as linguas diferentes da orixinal que aparacen no propio guión en inglés. Na cuarta tempada da serie tórnanse protagonistas varios personaxes que supoñen un reto para o propio tradutor e os actores de dobraxe por posuíren un acento de seu ou falaren unha lingua diferente da inglesa: a lingua francesa e a lingua pashtu (lingua iraniana oficial no Afganistán). Á hora de traducilos, no primeiro caso, os personaxes dóbranse e deben posuír un acento galo crible (unha imitación había ridiculizar a dobraxe). No segundo caso subtitúlanse, como na versión orixinal.

PATTY: Que fai a taquígrafa na antesala?

GIROTTO: Pedinlle que saíse. O señor Coupet quería falar contigo antes de comezarmos.

COUPET: Señorita Hewes, s’il vous plaît. Esta demanda xudicial é desagradable para todos.

Damages (ep. 46): Estou preocupado pola miña cadela (I’m Worried About My Dog)

Por se fose pouco, o tradutor e os axentes paratradutores tamén se enfrontan ás diferenzas existentes entre os dous sistemas xurídicos: o tratamento á Fiscalía, o escalafón no mundo xudicial, os propios bufetes, a aparición do lema relixioso dos EUA (In God We Trust) nos propios xulgados… As diferenzas son moitas e, en moitos casos, deben permanecer na tradución.

vlcsnap-2016-01-24-00h17m13s136

© ZKZ Productions

No fin de contas, o profesional da tradución toma decisións importantes en materia cultural, pois condiciona a entrada dos referentes na cultura meta. A súa sensibilidade e o seu criterio son vitais á hora de se edificaren as pontes entre culturas que é, á fin e ao cabo, o obxecto principal da disciplina da tradución.


Agradecementos á tradutora María Alonso e á directora de dobraxe Charo Pena. Sen elas, entradas como esta non habían ser posibles.

Advertisements

Un comentario en “O tratamento das referencias culturais na tradución de Damages

  1. Pingback: Retrospectiva da tradución audiovisual ao galego | DERRUBANDO ISOGLOSAS

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s