As traducións indirectas foron moito máis habituais en tempos do que o son hoxe en día. Así e todo, no caso dalgunhas combinacións que parten de linguas exóticas, aínda son necesarias, pois non existen profesionais capacitados para desenvolver un traballo óptimo en certos pares lingüísticos e, alén disto, atopamos casos singulares en que o que é, en teoría, unha tradución directa adopta, en realidade, a imperceptible forma dunha tradución indirecta.
Os Pitufos (Les Schtroumpf no orixinal francés) é unha célebre franquía creada polo debuxante belga Peyo, que ganou sona a través do mundo do cómic, de varios filmes e da serie de animación producida por Hanna-Barbera (1981-1989). Este produto foi o único que se puido ver en lingua galega, estreado no ano 1986 na TVG, pois nin a banda deseñada nin as longametraxes para cine foron traducidas para a lingua propia.

© Warner Bros
Esta casuística provocou que as traducións «canónicas» dos nomes dos personaxes, as consagradas en galego, procedan directamente do inglés e non do orixinal francés. Polo tanto, o que é, de facto, unha tradución directa contén trazos e particularidades propias que a asocian cunha tradución ponte pois, para falaren en galego, os Pitufos tiveron que pasar, desde o francés, polo baruto do inglés. Por iso sería desexable que, se o tradutor tiver coñecementos lingüísticos da lingua «orixinal» e documentación dispoñible, realizase estas adaptacións baseándose no propio francés, malia non ser este o idioma «orixinal» de produción da serie.
FRANCÉS |
INGLÉS | ESPAÑOL | GALEGO |
PORTUGUÉS |
Grand Schtroumpf | Papa Smurf | Papá Pitufo | Papá Pitufo | Papai |
À Lunettes | Brainy | Filósofo | Sabido | Gênio |
Schtroumpfette | Smurfette | Pitufina | Pitufiña | Smurfette |
Grognon | Grouchy | Gruñón | Rosmón | Ranzinza |
Costaud | Hefty | Fortachón | Cacharulo | Robusto |
Farceur | Jokey | Bromista | Argallán | Joca |
Maladroit | Clumsy | Tontín | Zoupón | Desastrado |
Bricoleur | Handy | Manitas | Mañoso | Habilidoso |
Coquet | Vanity | Vanidoso | Fachendoso | Vaidoso |
Gourmand | Greedy | Goloso | Lambón | Fominha |
Ademais, estas criaturas do bosque non só pasaron polo bortel do inglés. Como é habitual na tradución da produción allea da TVG, o propio título da serie, ergo, a denominación «Pitufo», provén do español (Los Pitufos; creación discursiva que xorde do Patufet, personaxe típico da cultura catalá). Non é o caso do catalán ou o euskera, que nun exercicio de orixinalidade e individualismo, adoptaron as denominacións Barrufets e Pottokiak, respectivamente. Do Miño para baixo son os Estrunfes.
Sexa como for, o éxito que conseguiron estes seres azuis, que aínda é notorio nos nosos días, lexitima a orixinalidade destas domesticacións. Desgraciadamente, non se emprenderon novas iniciativas para que o público galego puidese gozar dos Pitufos no seu idioma mais, en fin, ante os inimigos da lingua, quédanos transmitir o espírito alegre «pitufado» sen parar.