Entrevista á tradutora Luisa Lage

Coa vontade de continuar a debuxar o mapa galego da tradución audiovisual, sumamos o nome de Luisa Lage á páxina de entrevistas deste portal. Os seus traballos caracterízanse polo afinado dominio da expresividade, pola exploración dos recursos que ofrece a fala viva e pola calibración meticulosa das palabras a teor das exixencias do orixinal. Nótanselle ben os anos que leva a alzar pontes entre o inglés, o alemán ou o italiano coa lingua de noso, e con todo, destácase nela a humildade, como boa profesional do oficio que é.

A súa traxectoria como tradutora audiovisual agasallou o público cun alto número de traballos sobresalientes; é autora das versións galegas de filmes como Memorias de África (1985), Frenético (1988), Casino Royale (2006) ou O gran Gatsby (2013), de seriais como O virxiniano (1962), Monk (2002) e Chuck (2007) e mais tamén de títulos infantoxuvenís destacados tales que Pippi Mediaslongas (1969), Código Lyoko (2003) ou O carteiro Pat (2016). No último ano tamén nos trouxo obras para Netflix e Prime Video como O monstro mariño (2022), Scrooge: conto de Nadal (2022) ou Moonfall (2022), e mais desempeñou labores de revisora e supervisora de traducións asinadas por outras compañeiras.

Luisa Lage, coa ponte que representa a actividade translaticia por tras de si.

Como converxen os camiños de Luisa Lage cos da tradución audiovisual?

Despois de acabar a carreira de Tradución empecei a facer traballos para a axencia Interlingua, que me deu a primeira oportunidade de traducir textos de todo tipo. Logo marchei para a Coruña porque tiña un coñecido en Estudio Uno, e alí aprendín de todo, desde subtitular, cortar e corrixir subtítulos a entender o proceso da dobraxe. E así, pouco a pouco, acabei especializándome nisto.

Cales son os puntos chave que definirían, para ti, unha boa tradución?

Fidelidade, por suposto, naturalidade, precisión e dominio das linguas de traballo.

Ao longo de case tres décadas de oficio, tocouche traducir todo tipo de obras. Que che reina máis traducir: series, películas ou documentais? En que terreo te sentes máis cómoda, no da imaxe real ou no da animación?

Empecei facendo algo de todo e sempre me considerei unha tradutora versátil. Por exemplo, traducir textos legais encántame, pero cos anos derivei cara ao audiovisual, e nese campo o que me cuca máis ca nada é facer algo que me empuxe a superarme cada vez, e aí as series e as películas permiten máis creatividade. A animación infantil tamén me gusta moito porque vai dirixida a un público que absorbe a lingua sen complexos, aínda que iso tamén implica a responsabilidade de darlles aos nenos produtos ben traballados e de calidade.

Fotograma de Pippi Mediaslongas. ©1969 Sveriges Radio AB

E fóra dos xéneros, cal é a parte do oficio coa que gozas máis?

Pois igual que a María Alonso, a parte de cobrar encántame, hehe, pero tamén a de investigar na procura das palabras e expresións máis axeitadas. Gústame remexer ata dar cos termos e as expresións que me parece que funcionan mellor en cada caso.

Das traducións que confeccionaches ao longo dos anos, hai algunha da que te sintas particularmente orgullosa?

Estou tranquila con todas porque procurei facelas con honradez e vertín nelas todo o que sabía en cada momento.

E recordas algún traballo que che resultase singularmente complicado de traducir?

Tódolos textos teñen dificultades. Sen dúbida, para todos nós o máis complicado é conseguir que o resultado final sexa unha tradución aquelada e natural, e para o tradutor audiovisual o máis difícil é manter a axilidade mental para darlle alma á tradución en pouco tempo.

Como lidas cos prazos que rexen a tradución audiovisual? Coidas que inciden sobre a calidade final dos traballos?

Coma todos, fago o que podo co tempo que me dan, que sempre é escaso, pero aínda así, a calidade do traballo ten que estar por riba de todo, porque tamén é o que distingue a un.

Fotograma do serial Chuck. ©2007 Warner Bros. Television

Tamén traballas como revisora e correctora. Como é ese labor? É, se cadra, pouco agradecido?

É un labor no que hai que respectar ao máximo o traballo do tradutor, que é o autor. As traducións son fillos que se botan ao mundo con moito traballo e o meu cometido é puír os erros de sentido, gramaticais ou a falta de expresividade. Dito iso, tamén hai casos nos que a calidade da tradución non está á altura que merece a lingua de chegada, e entón boto unha man para que o texto sempre saia gañando, porque ese é o obxectivo, que entre todos o resultado da obra sexa bo.

É innegable que a tradución audiovisual ao galego, desde que naceu nos oitenta ata a actualidade, evolucionou un mundo. Ao teu xuízo, que puntos destacarías desta progresión?

Hai mellores tradutores, máis formados, a norma tamén vai asentando e a calidade das traducións mellorou moito. Penso que todos fixemos un grande esforzo nese aspecto. Agora o galego saltou ás novas plataformas e, á parte de darlle visibilidade á lingua e ao noso traballo, vexo que a xente respondeu ben e aprecia o nivel das traducións, aínda que por outra banda, non creo que o problema fose a falta de espectadores, senón a falta de apoio institucional. É unha mágoa a miopía da Xunta respecto ao galego coma recurso.

Fotograma de O gran Gatsby. ©2013 Village Roadshow Pictures

Consideras que esa situación que atravesa o galego inflúe nos teus traballos, en contraste coas traducións que che encargan para sistemas plenamente normalizados como o castelán?

Inflúe así así, porque o meu método de traballo é igual para calquera lingua de chegada: para todas investigo do mesmo xeito e ando a cazar palabras aquí e alá. En galego, non obstante, ás veces custa atopar material de axuda lingüística e iso fai perder tempo, pero son as cousas que ten o oficio.

Soñas con algunha obra audiovisual que aínda non tiveses ocasión de traducir?

Non, para min non hai obra pequena e en todas procuro facer un traballo digno.

E xa para concluír… Gustaríache compartir algunha anécdota cos lectores deste portal?

Pois mira, vouche contar unha que recordei o outro día falando cunha compañeira. Despois de traballar no audiovisual case 30 años, de facer o demo de documentais, series e películas, o ano pasado encargáronme traducir un documental sobre coches e preguntáronme se sabía algo diso. Non sei se porque son muller e algún aínda ten prexuízos ou porque non se sabe que unha das tarefas que fai un tradutor é a de documentarse. Que cadaquén tire a súa conclusión, pero xa ves que aínda queda moito por arar.

Advertisement

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s