O número de títulos dobrados ao galego que estreou a Televisión de Galicia no 2023 superou a cifra programada durante o ano anterior, cun total de 53 obras cinematográficas. As máis foron, como sempre, producións con lingua orixinal en inglés, pero tamén se contan sete títulos que parten do francés e un con orixe no alemán.
Neste ano, dobráronse versións contemporáneas de títulos clásicos como Os sete magníficos (2016) ou A sedución (2017), con traducións de Rosa Moledo. Destacan tamén éxitos da carteleira como Puñais polas costas (2019) ou Sicario (2015), cuxos textos galegos asina Manuel Arca; con todo, respecto do primeiro filme, é de lamentar que a emisión galega se producise ás 00:30 h do mércores 5 de xullo, en tanto a versión castelá se estrease en TVE o 11 de outubro, véspera de festivo, ás 22:35 h. Entre outras obras de interese tamén se incorporaron ao catálogo galego longametraxes como Queen & Slim (2019), con tradución de Magdalena Sánchez; A rapaza do tren (2016), traída por Adrián Ramos; e Os homes libres de Jones (2016), anosada por Rosa Camiña.