FILMES ESTRANXEIROS DOBRADOS AO GALEGO QUE ESTREOU A TVG NO 2022

O número de títulos dobrados ao galego que estreou a Televisión de Galicia no 2022 superou as estreas programadas durante o ano anterior, cun total de 45 obras cinematográficas. As máis foron producións con lingua orixinal en inglés, pero tamén se contan catro títulos en francés, dous en italiano, dous en ruso, un en polaco, un en noruegués, un en español e un en alemán.

Só se estreou un traballo de animación, no Aninovo: Cegoñas (2016), traducido por Andrea Ucha. Destacan éxitos da carteleira como 12 anos de escravitude (2013), Green Book (2018) ou Skyfall (2012), cuxos textos galegos asina Rosa Moledo, e mais clásicos contemporáneos como As normas da casa da sidra (1999), con tradución de Rosa Camiña e de Miguel Vijande, ou O derradeiro dos mohicanos (1992), con tradución de Manuel Arca.