FILMES ESTRANXEIROS DOBRADOS AO GALEGO QUE ESTREOU A TVG NO 2023

Netflix anuncia a primeira dobraxe ao galego dunha serie non-infantil

En marzo do ano 2022, Netflix comunicou que incorporaría o galego ás linguas a que traduce as súas producións internacionais, de maneira que cada ano amecería á plataforma vinte horas de contidos con dobraxe e duascentas horas de material subtitulado. Ata o momento, isto supuxo que o galego asistise, en igualdade de condicións canda outras linguas de cultura, á estrea internacional de títulos de sona como Pinocchio de Guillermo del Toro, Scrooge: conto de Nadal ou Sonic Prime.

Se ata o de agora Netflix só dobrara producións destinadas ao público infanto-xuvenil, hai uns días estreou na súa plataforma os tráilers en galego da serie All The Light We Cannot See, o que converte esta obra no primeiro título para espectadores adultos que se estrea con dobraxe na lingua propia. Neste acontecemento tamén estarán presentes o catalán e o vasco, que alcanzan o mesmo fito, e que se integran ao pé dun total de quince pistas de audio confirmadas ata o momento.

All The Light We Cannot See, baseada no supervendas homónimo de Anthony Doerr gañador do Premio Pulitzer de Ficción no ano 2015, é unha serie protagonizada por Aria Mia Loberti, Louis Hofmann, Mark Ruffalo, Lars Eidinger, Hugh Laurie e Marion Bailey ambientada na segunda guerra mundial. As vidas de dous mozos, unha nena francesa cega e un xove soldado alemán, entrecrúzanse nunha carreira pola supervivencia contra o réxime nazi. Estrearase o 2 de novembro de 2023 e a propia Netflix indica na súa interface que a serie se recomenda a espectadores maiores de 16 anos.

O galego, presente entre as pistas de audio do tráiler da serie.