A figura do tradutor audiovisual representa un dos labores máis versátiles. E é que tanto pode traducir unha comedia coma un drama, un documental ou cinema de autor. E non só iso. Mesmo pode que nunha soa obra aparezan personaxes variados, estrafalarios, distintos. E sempre, un dos trazos máis definitorios de cada personaxe é o seu xeito propio de falar, o seu idiolecto.
Un dos casos máis salientables e que maior labor de documentación esixe é o dos personaxes que aparecen do pasado. Cómpre destacar especialmente o da película Shin Chan: A ambición do Kakafede (クレヨンしんちゃん 雲黒斎の野望 Kureyon Shinchan: Unkokusai no Yabō ), cuxa trama se sitúa durante as guerras civís do Xapón, ano 1570.

© TV Asahi
Alén do éxito que tivo a serie e o que supuxo para a normalización do galego, neste filme a tradución volve gañar outra medalla. Velaquí algúns exemplos da maneira de falar dos personaxes cos que se atopa a familia Nohara na película, que supoñen un verdadeiro desafío para a tradutora e mesmo para os propios actores de dobraxe:
«Atendía a vosa chegada. A miña graza é Fubukimaru, señor do noutrora sobranceiro castelo de Kasukabe. Son o herdeiro daquesta fortaleza. Intúo que me acho perante os tres heroes e o can que conforme a lenda han acudir redimi-los bastións seus. (…) Mal pecado, un can que departe! Oh, non atendía eu tal milagre…»
«A graza del é Angie, é a cabalgadura máis garrida de toda esta contorna. Sé indulxente. Angie é sabedor da súa valía e moitas vegadas obra por vaidade»
«Presumo que naquesta tenzón non hai razón que valla»
«A fachenda é a única arte na que fazen mestría»
Documentarse para acadar unha lingua medieval que soe crible é difícil. Pero se aínda por riba lle sumamos a eiva que presenta o galego, unha lingua en proceso de normalización, o reto duplícase. E é que achegarlle ao espectador o texto sen ter que recorrer ás expresións do castelán que si recoñece como arcaicas (Pardiez!, por exemplo), é dicir, sen contaminar a propia lingua é merecente de recoñecemento. Outras palabras que se poden ouvir na película en boca destes personaxes son: caristía, coteife, facenda, felón, ousar, doncel, acometida, ficar…
Desde logo que se consegue o resultado buscado de maneira admirable. A empresa levárona a cabo María Alonso e o equipo de dobraxe do estudio SODINOR.