Entrevista á tradutora Eva Almazán García

A nosa singradura polo mundo da tradución continúa da man dos seus profesionais. Despois de pasaren por aquí María Alonso Seisdedos e Gabriel Álvarez Martínez, ten vez Eva Almazán García para nos falar coa súa propia voz (e non, como adoita facer decote no exercicio da súa actividade, mediante a voz doutros).

Eva María Almazán García é tradutora desde 1998, ano en que se licenciou na Universidade de Vigo. O seu currículo profesional está ligado de maneira inherente á tradución editorial: traballou para a Editorial Galaxia, Rinoceronte Editora ou Faktoría K, entre outras. Así, asinou as versións galegas de clásicos como O corazón do negror de Joseph Conrad ou Cruceiro de verán de Truman Capote, mais tamén de autores modernos como Paul Auster, Kazuo Ishiguro, Martin Amis e de supervendas como J.K. Rowling ou Dan Brown.

Foi galardoada, entre outros, co Premio de Tradución da Universidade de Vigo (2004) pola tradución galega do discurso Os alicerces da paz de Wiston Churchill, o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (2007) por Brooklyn Follies de Paul Auster, o Premio Lois Tobío ao Libro Traducido (2009) por Contos completos de Allan Poe ou o Premio de Tradución do Ministerio de Cultura (2014) pola cotradución do Ulises de James Joyce.

É un pracer e un orgullo contar con ela no DERRUBANDO ISOGLOSAS. Grazas, Eva!

soa_Eva

© G.B. (2014)

1. Como foron os teus inicios no mundo da tradución?

Alá polos anos oitenta, cando eu aínda estaba na EXB –xa ves que me retrotraio abondo!–, vin na tele unha serie que me gustou moito; era unha adaptación dun clásico da literatura infantil-xuvenil, as novelas de Anne of Green Gables, da autora canadense L. M. Montgomery. Percorrín todas as librarías e bibliotecas da miña cidade á procura delas e non tardei en descubrir que non estaban traducidas nin para o galego nin para o español. (Haber había unha tradución solta para o español, mais iso sóubeno anos despois; daquela non existía internet e eu era unha rapaciña que buscaba por un libro raro desde unha vila pequena… De todos os xeitos, tanto había ter sabelo ou non, porque igualmente estaba descatalogada desde había anos e aínda por riba era americana.) O caso é que quedei sen ler os libros, con moita pena.

Uns aniños despois, estando en BUP, cando xa me defendía bastante ben co inglés, aproveitei unha viaxe ao estranxeiro para mercar a colección completa. Moito me prestou lela por fin! Saltamos outros aniños máis: estabamos en 1997, eu comezaba o derradeiro curso da licenciatura de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo e tiña que escoller tema para o traballo de fin de carreira. Vino moi claro: quería traducir a novela aquela que non puidera ler de cativa. Por sorte o profesor ideal aceptou a proposta e guioume pasiño a pasiño en todo o proceso, que me levou o ano enteiro.

Ao cabo del, o tribunal que me avaliou o traballo achegoulle á cualificación unha recomendación de publicación, porque consideraba que era un título interesante e que estaba ben traducido. Outros profesores, pola súa vez, prestáronme tamén grande axuda poñéndome en contacto coas editoras, e alá fun eu coa miñas fotocopias para lles presentar a tradución e preguntar se lles interesaría publicala. A resposta sempre foi que non –seica o título non casaba cos seus programas de publicación–, mais aquelas entrevistas cos editores servíronme para que coñecesen o meu traballo, e así foi que un daqueles me encargou a tradución doutro título que xa tiñan pensado publicar. Foi a miña primeira encarga, e aí comezou a miña actividade de tradutora editorial.

2. Tras lidares con varias tipoloxías textuais ao longo da túa carreira como tradutora, cales consideras que son as peculiaridades máis significativas da tradución literaria?

Cando rematei a carreira, durante un tempo compatibilicei o exercicio da tradución coa investigación teórica. Daquela aprendín que os mecanismos lingüísticos e cognitivos que se poñen en marcha cando facemos unha tradución son sempre os mesmos, independentemente de que esteamos a traducir unha receita de cociña, unha certificación académica, un poema de Goethe, o manual dunha lavadora, un artigo xornalístico, o testamento dun finado, as obras completas de Proust ou a letra da canción duns debuxos animados. Ademais, os tipos textuais non son compartimentos estancos, de maneira que podes atopar elementos «literarios» en traducións de textos que non son literatura e viceversa.

Así as cousas, eu diría que as auténticas peculiaridades da tradución literaria non son os aspectos netamente lingüísticos/textuais, senón os extralingüísticos/extratextuais (as circunstanciais, vaia, se queres chamarlles así). Refírome ás condicións que circundan a encarga, factores que poden ir desde os máis prosaicos (manexas prazos máis longos e organízaste doutra forma, por exemplo) ata os máis elevados (imaxina que estás a traducir unha obra mestra da literatura: dá vertixe), ou desde os máis tranquilizadores (por exemplo, sabes que o texto vai pasar por unha revisión profesional) ata os máis desacougantes (tes que dar por seguro que a crítica ha ler a tradución con lupa).

3. Cales son os puntos clave que definirían, para ti, unha boa tradución?

Ao longo dos anos teño reflexionado bastante sobre isto. Cheguei á conclusión de que na facultade sementaron en nós unha concepción da tradución como aspiración á naturalidade. Cando os profesores nos facían ver que ningún falante galego diría xamais «Chegaron coas cabezas molladas», por exemplo, ou que «Du hast ganz Recht» non ten por que ser necesariamente «Tes toda a razón» (xa que podemos optar por «Tamén cho digo», «Dígocho eu», «Aí, aí», «Amén» e un millón de opcións máis), estaban a nos encarreirar por unha vía moi concreta, a da naturalidade do discurso. As miñas traducións están inzadas de barbaridades diversas (por motivos varios), mais teño a sensación de que os acertos son invariablemente o resultado de ir tirando por esa vía, que vén sendo preguntarte decontino: «Como diría isto esta persoa se fose galega?»

4. Sentes unha gran responsabilidade ao seres a voz en galego de Paul Auster, Edgar Allan Poe ou Martin Amis?

A responsabilidade séntela sempre, cada vez que te pos diante do ordenador e empezas a traducir; se o pensas ben, o que facemos é fedellar nun discurso alleo, e iso sempre impón respecto, sexa quen sexa o autor. Por iso eu diría que, máis ca unha responsabilidade especial, cando traducimos obras de autores potentes como os que citas o que sentimos é a presión de saber que o noso labor ha ser fiscalizado (polo público, pola crítica, polo encargante, ás veces polo propio autor, polos colegas, polos estudantes de tradución…) ata extremos que non se darían no caso doutros textos menos visíbeis. Iso tense moi presente –antes dicía que dá vertixe– e estou convencida de que inflúe á hora de tomarmos decisións de tradución.

Auster_Galego

© EDITORIAL GALAXIA, S.A.

5. Hai algún traballo concreto do que gozases moito ou do que te sintas especialmente orgullosa?

Éme difícil escoller un traballo por riba dos demais. Traducir consiste, se o pensas ben, en tomar unha serie enorme de decisións lingüísticas e textuais, unha tras outra. Podería falarche de decisións concretas das cales hoxe me sinto satisfeita e doutras que quizais (ou seguro) mudaría, pero non hai ningunha tradución en que todas as decisións sexan malas, igual que non hai ningunha tradución en que todas sexan boas sen excepción. Ademais, o noso é un labor perfectible que xamais se pode dar por rematado. Entregamos as traducións cando chega a data límite, mais quedamos co comechume de que, se tivésemos tempo infinito, poderiamos pasar a vida enteira a melloralas. No meu caso a teima chega ao extremo de pensar cun calafrío nas miñas traducións publicadas. Intento por todos os medios non ter que relelas unha vez impresas e nas noites de insomnio abúrame o recordo dos erros que cometín ou das decisións que me gustaría modificar.

Así e todo, se o penso devagar quizais diría que unha das traducións que me son máis caras é o Brooklyn Follies de Paul Auster. Aí atrás vinme obrigada a relela (cotexándoa co orixinal, aínda por riba); empecei con moito medo, mais conforme avanzaba na lectura fun acougando. A tradutora que son hoxe non concorda co cento por cento das decisións tomadas pola tradutora que era cando a fixen, por suposto, mais en xeral quedei tranquila: pareceume un bo traballo. Penso que conseguín reproducir axeitadamente o estilo propio de Auster (que de tan fluído e natural deixa de notarse: velaí a dificultade), tanto na narración como nos diálogos.

Ademais, quizais diría que precisamente Brooklyn Follies foi unha das traducións que máis importancia tiveron na evolución do sistema cultural galego. Refírome ao cambio de paradigma (se me permites a expresión pedante) que se produciu por volta do ano 2000, cando a tradución editorial pasou de ser un exercicio de militancia cultural galeguista a consolidarse como actividade profesionalizada. En certo modo Brooklyn Follies foi simbólica: nela cristalizaba a vontade (e capacidade, xaora) galega de montar no tren de alta velocidade que hoxe é o mercado literario internacional, sen atrasos, complexos nin muletas de ningún tipo. Foi unha aposta valente da editora que saíu ben e que abriu o camiño novo polo que transitamos agora.

Por esa coincidencia de características –título moi importante para o sistema cultural galego e traballo digno pola miña parte–, penso que Brooklyn Follies sería a candidata a aparecer nesta resposta.

6. De todos os autores aos que te levas enfrontado, cal consideras que foi o máis complicado de traducir?

Curiosamente un dos máis complicados, aínda que ninguén o diría, foi Martin Amis. Por algures lin que o pai, Kingsley Amis, era moi crítico coas obras do fillo e o acusaba de «[b]reaking the rules, buggering about with the reader, drawing attention to himself». Pois ben, como tradutora non podería estar máis de acordo… Por poñerche un exemplo, a Amis réinalle rebentar colocacións: se o substantivo X adoita ir modificado polo adxectivo Y, podes estar ben seguro de que el NON vai usar esa parella habitual, senón que vai empatar un nome e un adxectivo que normalmente non aparecen xuntos. Por esa tendencia estilística e outras parecidas, traducir a Amis vén sendo como camiñar con tacón de agulla por unha praza de lastros: tes que ir a paso de burra, mirando ben onde pisas, con moita incomodidade e sabendo que en calquera momento vas escordar un nocello, fagas o que fagas. É esgotador! Para máis inri, é un choio que non che arrequece: cando te pos a traducir a Amis, xa podes ir contando con oír que «esta tradución non se entende» ou algo parecido. (E nese momento podes intentar explicar que non é cousa da tradución, senón do estilo orixinal, e/ou tirarte dunha ponte abaixo, segundo o ánimo que che quede…)

(Note to self: esperemos que Amis non lea este blog…)

7. Cónstache cal foi o traballo teu máis valorado polo público?

É unha pregunta mala de responder. Nestes anos fixen traducións moi diversas dirixidas a distintos tipos de lectores, o que significa que non existe un «público» único que lese toda a miña produción e preferise unhas obras sobre outras. A persoa que me di canto lle gustou a tradución d’O caderno dourado de Doris Lessing, por exemplo, non creo que a vaia comparar coa de Anxos e demos.

Ademais, cómpre ter en conta que os lectores normais (isto é, os non especialistas) adoitan reaccionar ás obras en por si, non á tradución exclusivamente (agás en casos en que destaque moitísimo, para ben ou para mal). Volvendo ao exemplo de antes, a gabanza da lectora d’O caderno dourado talvez debería ir para o texto orixinal, non para a tradución.

Outra dificultade é que, como dixen antes, intento non pensar demasiado nas traducións xa feitas (para non tolear pensando nas decisións que lamento) e por ese motivo nunca me deu por indagar na reacción dos lectores, máis ben o contrario.

Malia todo o anterior, teño a sensación de que –de novo– Brooklyn Follies debeu de ser unha das traducións mellor acollidas, se cadra a que máis. E logo, como é natural, o Ulises constitúe en si unha categoría á parte; pola monumentalidade da obra e polos premios que granxeou a tradución (singularmente o Premio Nacional) é unha obra que impresiona moito, e así mo fan saber os lectores.

ulises

© EDITORIAL GALAXIA, S.A.

8. Cal é a parte do traballo coa que gozas máis?

Para responderche a isto tiven que facer un exercicio de reflexión, porque nunca mo preguntara así, tal cal. Vouche contestar por descarte.

A parte económica non é, nin de lonxe, a máis importante; evidentemente quero vivir do meu traballo como todo o mundo, pero renunciei a actividades moito máis lucrativas (outros tipos de tradución, sen ir máis lonxe) porque non me enchían.

A parte de visibilidade, sona, premios e recoñecemento tampouco me chama nada; todo o contrario, sempre o considerei un prezo que me tocou pagar por dedicarme a isto. Queda moi mal dicilo cando pertences a un gremio que sempre loitou precisamente pola visibilidade e o recoñecemento, mais o certo é que, se da miña preferencia persoal se tratase, canto máis invisible, mellor.

O que máis gusta, daquela, é o traballo en si. Un día caín na conta de que a miña profesión é unha prolongación en versión adulta do que me gustaba facer de cativa: meterme no cuarto a ler e escribir, en varios idiomas se fose posible. Nese senso sei que son unha privilexiada, porque traballar no que a un lle reina non é o máis común do mundo.

9. Todos os premios que recibiches ao longo da túa traxectoria avalan e recoñecen a túa calidade como tradutora. Cal é o segredo de tan bo facer?

Cando era pequena, meus pais tiñan en dobre vinilo a ópera rock Evita. A min gustábame ir seguindo a letra no libreto segundo oía a música, aínda que non sabía moito inglés e non entendía case nada. (Tamén é certo que as letras de Tim Rice non son precisamente as máis sinxelas do mundo…) A poder de escoitar e ler, acabei sabendo o libreto de memoria. Pois ben, vouche contestar cuns versos desa ópera:

I was slap in the right place at the perfect time.

Filled a gap, I was lucky.

But one thing I’ll say for me:

No-one else can fill it like I can.

En cristián: cando no mundo da tradución editorial galega se produciu o cambio cualitativo de que antes falaba, o azar quixo que me cadrase estar alí e formar parte da nova xeración de profesionais que estaban a mudar o panorama. Foi cuestión de sorte; se chego a ser vinte anos máis nova ou vinte anos máis vella, a miña carreira había ser ben distinta. Mais tamén é certo que se estaba alí foi porque –como contei ao principio– levaba na man as fotocopias dunha tradución ben feita, o resultado da boa formación que me acababan de dar na universidade. A suma desas dúas circunstancias (chegar nun bo momento e contribuír con boas competencias) é, imaxino, o que ti chamas o segredo de recibir premios e recoñecementos.

club_Eva

Eva Almazán co club de lectura Sete Vidas, do colectivo Espazo Lectura de Gondomar. © B. L. (2014)

10. Un tradutor ten que saber documentarse e traballar con bases terminolóxicas. No caso da tradución literaria, sobre todo en traducións compartidas ou sagas de libros, hai que manter unha coherencia enorme. Como se consegue esta?

Contéstoche cun exemplo: os supervendas de Dan Brown –O código Da Vinci, Anxos e demos e mais O símbolo perdido– traducímolos para o galego un trío formado por Carlos Acevedo, Fernando Moreiras e mais eu. Optouse por esta forma de traballar porque a editora precisaba as traducións con moita urxencia (cousas do mercado…), e facer unha repartición do texto orixinal entre os membros dun equipo consolidado acelera moito o proceso. (Abro esta paréntese para insistir no de «consolidado»: nós estabamos afeitos a traballar xuntos, coñeciámonos á perfección, compartiamos espazo físico, sabiamos harmonizar estratexias etc. Se cortas o texto a machado e o distribúes entre tradutores que non teñen nada en común, o máis probable é que ao final teñas que facer un traballo de unificación tan enorme que perdas aínda máis tempo, e aínda por riba quede peor.)

Para manter esa coherencia textual á que te refires, no primeiro libro explotamos a proximidade física: como traballabamos no mesmo espazo, dialogabamos decontino de viva voz e iamos apuntando as decisións de tradución pertinentes nun encerado que quedaba á vista dos tres. Tamén o utilizabamos para idear entre todos as solucións aos xogos de palabras, elementos simbólicos, criptogramas, anagramas e todos eses divertimentos da novela. No último libro fixemos o mesmo, pero en versión virtual, se queres chamarlle así: non compartiamos espazo físico, mais estabamos en comunicación permanentemente grazas a diversas ferramentas tecnolóxicas (Skype e similares) e apuntabamos as decisións nun encerado virtual, que en realidade era un documento compartido na nube. O segredo para manter a coherencia nas traducións colectivas é, daquela, a comunicación permanente (sexa cal sexa o medio).

11. Aínda que dependerá da natureza da obra, canto tempo se lle pode dedicar, de media, a un proxecto de tradución literaria?

É imposible calculalo. Poder, poderiamos sacar unha media a partir dunha batería de libros traducidos, mais ese dato non tería moita utilidade, xa que non nos permitiría calcular a priori canto se tardaría en traducir tal ou cal libro. As variacións son enormes; mesmo sen saír da mesma obra, ás veces pasas horas a roer en dous parágrafos e, ao outro día, avanzas vinte páxinas nunha mañá. Ata que entras en materia nunca sabes o que vas tardar. A forza de experiencia vas coñecendo autores, entendendo os teus propios ritmos, sabendo que prazos adoita manexar cada editora etcétera, e con eses datos e unha primeira lectura rápida podes aventurar un prazo de entrega e facer un calendario de traballo, mais tendo moi presente que o segundo vai ter que ir variando sobre a marcha para poder cumprir co primeiro.

12. Existe relación entre a tradutora e aqueles axentes que se encargan dos paratextos, da corrección e da revisión?

Outra vez recorro á resposta preferida das tradutoras: depende! Algunhas editoras fomentan moito o traballo común de revisores e tradutores, mentres que outras o impiden expresamente. A maioría, porén, non ten políticas definidas para este tema, e o máis habitual é que todo flúa con espontaneidade. Se traballas con regularidade para a mesma editora, o normal é que coincidas a miúdo coa mesma revisora, a mesma maquetadora e demais traballadores do gremio. Indo e vindo días, todos acabamos coñecendo as teimas de cadaquén e adaptámonos: como sei que a correctora me vai mudar A por B, xa poño B directamente; como ela sabe que vou insistir en que non me cambie C por D, xa non propón a mudanza…

debuxo_Eva

Eva, retratada no exercicio do seu labor por unha artista novel.  © A. T.

13. Estamos ante un sistema en vías de normalización como o galego. Condiciona iso o teu traballo en comparación coas traducións que se insiren dentro de sistemas plenamente normalizados, como o castelán?

Rotundamente si, condiciónao todo. Desde a escolla de títulos para traducir por parte das editoras ata a consideración de que gozamos os tradutores no sistema, pasando por aspectos tan prosaicos ou técnicos como o número de exemplares que se tiran de cada tradución. A pouco que coñezas os dous sistemas que mencionas, o galego e o español, percibes que non teñen nada que ver e que presentan cadansúas luces e sombras.

14. Tes algunha arela, algunha obra literaria que aínda non tiveses ocasión de traducir?

Esta é unha pregunta que me fan arreo. Como hai tantas, tantísimas obras que me gustaría traducir, non adoito repetir a resposta. Hoxe, imaxino que polo exercicio de retrospección que acabo de facer pola túa grandísima culpa, diríache que me gustaría retraducir o Anne of Green Gables. Sería interesante volver facer a mesma tradución, vinte anos e moitos libros despois, e logo comparar o resultado. E quen sabe?, quizais desta volta si haxa algunha editora interesada en publicala…

15. E xa para rematar… Gustaríache compartir algunha anécdota co DERRUBANDO ISOGLOSAS?

Seguindo coa vea retrospectiva, cóntoche unha parvada que vén xuntar pasado e presente. Expliquei antes que hai vinte anos fun polas editoras cunha fotocopia do traballo de fin de carreira. Pois ben, o día que me tocou ir a Galaxia, estaba eu na porta a falar coa persoa da recepción cando da rúa chegou Carlos Casares (que daquela era o director). Entrou, contou un chiste e, coa mesma, volveu marchar. Eu quedei mirando para a porta coa boca aberta, preguntándome se fora real ou a miña imaxinación, porque non me deu tempo a máis. Agora que se lle dedicou o Día das Letras deume por pensar naquilo. A pena é que non me acorda o chiste.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s