Netflix e o galego

Nos últimos anos, o consumo de produtos audiovisuais experimentou un cambio de paradigma sen precedentes. A aparición de Internet abriu o acceso a unha gran cantidade de contidos, mormente de maneira ilegal, o que certas empresas viraron do seu favor para ofrecer as primeiras plataformas de «vídeo á carta», con beneficios para elas e para os creadores de tales contidos. Así, Netflix, que naceu como unha sorte de videoclub por correo postal, soubo acollerse a este servizo de reprodución e adaptarse á cultura da inmediatez.

Ao noso país, esta plataforma chegou no ano 2015, con contidos variados e dirixidos a diferentes públicos. A súa política é adscribirse ás normas de tradución de cada espazo cultural e así oferta dobraxe ou subtitulado segundo as tendencias que se sigan no territorio da lingua que corresponda. Con todo, no caso galego, as versións que chegan ás nosas latitudes ofrécense só en castelán, co claro prexuízo que iso supón para a lingua propia, que se encontra en desvantaxe, máis unha vez, por agravio comparativo.

Así as cousas, uns meses antes produciuse un fito salientábel ao respecto: TVE, TVG, TV3 e ETB asinaron un acordo plurianual coa distribuidora Planeta Júnior para emitir as novas producións animadas de DreamWorks Animation nos seus respectivos canais coas correspondentes dobraxes a cadansúa lingua. Entre os títulos que comezaron a figurar na pequena pantalla de 2015 en diante encóntranse producións como Turbo Fast, All Hail King Julien, The Adventures of Puss in Boots ou Voltron: Legendary Defender.

fotograma_All_Hail_King_Julien_VG

Fotograma da serie All Hail King Julien na súa versión galega (© DreamWorks Animation)

A relevancia deste acontecemento é dupla. Por unha parte, o acordo garante que as series de animación máis atractivas e contemporáneas do panorama actual se encontren dispoñíbeis, inmediatamente após a súa estrea, en galego, catalán e vasco. Por outra parte, estes produtos son os mesmos que compoñen a oferta para o público infantil e xuvenil da plataforma Netflix desde o ano 2013, o que supón outorgar a estas linguas minorizadas ibéricas unha posición equivalente á do alemán, italiano, neerlandés ou polaco. Dito doutro xeito, en diferentes latitudes desenvólvese un proceso de tradución e de dobraxe paralelo, en que se adaptan os diferentes idiomas ás necesidades comunicativas que imprimen os textos de orixe, algo que aínda é un soño, en moitos casos, para os espazos literarios minorizados.

Sirvan como exemplo os seguintes casos: a serie Dinotrux estreouse nas pantallas da Televisión de Galicia con escasos meses de diferenza a respecto do lanzamento orixinal e estanse a emitir nestes momentos, na Televisió de Catalunya e na Euskal Telebista respectivamente, episodios de Home: Aventures amb la Tip i l’Oh (Home: Adventures with Tip & Oh) e de Spirit, zaldi askea (Spirit: Riding Free) producidos no seu país de orixe neste mesmo ano 2018. En total, contabilízanse máis de 400 capítulos de diferentes series traducidos a estas linguas durante os últimos anos, fóra outras producións europeas ou xaponesas, alleas ao cómputo que aquí nos ocupa.

fotograma_Adventures_with_Tip_And_Oh

Fotograma da serie Home: Adventures with Tip & Oh (© DreamWorks Animation)

A cara amarga da cuestión encóntrase nos canais de distribución destas series, posto que non é posíbel acceder en Netflix aos anteditos produtos nas linguas propias, a pesar de estas versións existiren para o seu consumo na pequena pantalla e nas aplicacións móbiles das televisións públicas. Alén de a incrementar a oferta nas nosas linguas (con produtos para outros públicos, como 13 Reasons Why ou Stranger Things, por exemplo), ao que debemos aspirar é a reivindicarmos a incorporación a esta plataforma das versións xa traducidas, para estarmos en pé de igualdade co amplo abano de idiomas que goza do universo destas creacións audiovisuais. É alí desde onde é frutuoso trazar, con seguranza, camiños eficaces cara á normalización.

2 comentarios en “Netflix e o galego

  1. Por desgraza, co goberno que temos, vexo pouco probable que a Xunta dea subvencións ou esixa engadir o galego a Netflix. Segundo o PP, “no queremos llenar las arcas de las grandes multinacionales”. Hai que telos ben gordos, iso si. Se houbera algunha forma de achegar a Netflix a petición, e que nos fixeran caso, igual o engadirían.

    En calquera caso, grazas por este post 🙂

    Gústame

  2. Pingback: Netflix anuncia a primeira dobraxe ao galego dunha serie non-infantil | DERRUBANDO ISOGLOSAS

Deixar un comentario