Sobre modelos de lingua

Moito tempo ten pasado xa desde os anos en que se facían alleas as lideiras en galego dos vaqueiros; tantos, que algúns nin chegamos a sentir tales estrañezas. Para os que tivemos a sorte de nacer e de crecer cos produtos audiovisuais falados na nosa lingua, de sempre foron normais nos nosos oídos palabras de escasa ou nula presenza na fala viva contemporánea (deus, avó, polbo…) e mais resultaban verosímiles na boca dos personaxes estranxeiros que axudaban a socializalas. E resultaban verosímiles, sobre todo, canto máis se aproximaba o modelo de lingua que se seguía na tradución dos guións e na interpretación dos actores (tons, entoacións, prosodia…) á referencia que achegaba o galego popular, a pesar desta lóxica peneira normativa que experimentaban. Paradigma deste modelo de lingua, amparado na frescura e na naturalidade, son as traducións de María Alonso Seisdedos, quen atinxiu con Shin-chan (cando menos, cos seus 300 primeiros capítulos) o recoñecemento profesional (e mesmo social) que a súa traxectoria merece.

O tradutor experimenta en cada folio co seu patrimonio lingüístico ―as palabras que utiliza na súa comunicación diaria e as que recolle de raíz das rúas van substituíndo aos poucos, tecla a tecla, aquelas nas linguas foráneas―, grazas á habilidade profesional que adquiriu co tempo de intuír, en favor do estilo e dos diferentes rexistros, cales son os trazos léxicos e morfosintácticos que cadran en cada unha das situacións comunicativas a que se enfronta, de acordo cun achegamento á expresividade dos falantes. O actor e o axustador exercen o seu labor dunha maneira análoga, pois para interpretar e descifrar coa maior naturalidade posible o texto traducido, nunha sorte de «oralidade prefabricada» baseada nunha actuación previa nunha lingua allea, necesitarán das claves que emanan do galego vivo e, xa que logo, do seu propio patrimonio lingüístico. O quid da cuestión está en saber acertar coa medida de cada recurso, de tal maneira que un texto non soe tan enxebre que se sinta estraño para os ouvidos do falante medio nin que as entoacións que o interpreten acaben recordando a unha caricatura; cómpre encontrar o termo medio.

Con todo, as producións audiovisuais posúen unha identidade única e requiren de cadanseu estilo propio, pois non é o mesmo fiar nunha escena dunha telenovela na que discuten dous personaxes brasileiros que traducir un documental sobre mapaches, un filme sobre a vida de Nelson Mandela ou uns debuxos animados duns dinosauros fantásticos con forma de escavadoras. Velaí o variado abano de situacións con que traballamos a diario. Por iso, o modelo de lingua ten que ser amplo abondo para que os marcos non acaben por abafar o idioma e, xa que logo, traizoar a espontaneidade das versións orixinais. En liñas xerais, o noso modelo parte dunha lingua normativa e coidada, cuxo cabo ten que ser a fala viva, pois cada unha das frases da dobraxe, sempre que acompañen a intención primixenia, deben soar tan naturais como se as pronunciara un galego auténtico, e recoñecibles a un tempo para todos os falantes, independentemente da isoglosa que cerque a súa fala.

E en función desta premisa, foise facendo camiño, por carreiros por veces sinuosos e desde puntos de partida lamacentos¹, ata chegarmos a unha situación de calidade que a ninguén lle escapa. Un dos mellores galegos orais, de todos os que se senten na Televisión de Galicia, é o dos produtos dobrados. Polo uso de recursos, matices e expresividade, sen descoidar ao mesmo tempo a corrección, sen dúbida, é o mellor. Por iso, temos que seguir defendendo con forza esta ferramenta de tan alta importancia social, que nos permite, nin máis nin menos, que pór a nosa lingua no mundo e o mundo na nosa lingua.

¹ Dicía Miguel Castelo o 18 de xuño de 1986, nun artigo titulado «A dobraxe de películas: unha léria, unha leira», publicado n’A Nosa Terra, o seguinte verbo dos problemas derivados da cuestión que nos ocupa:

As causas [dos problemas] están nas ignominiosas traducións realizadas por xentes que na súa maioría dominan deficientemente o idioma orixinal (nomeadamente o inglés) e non dominan o galego: realizan a colocación do pronome átono ao xeito do castelán (non lle considero/non o considero); utilizan incorrectamente os pronomes “che” e “te”, xeneralizando indebidamente o primeiro, ao que consideran como única forma galega (admíro-che/admíro-te), ou introducen a segunda das formas precisamente cando non debe ir pronome nengún (non te marches/non marches); remedadores da “finura” do castelán, trasplantan os leísmos e outros usos dun idioma a outro (chamarei-lle/chamarei-no); ignoran a dobre forma numeral “dous/dúas”, baixo o influxo da forma única do castelán “dos” (saquei dous balas / saquei dúas balas); pero para contrarrestar, apoiándo-se en falsas analoxías co castelán (camino/camiño, cabina/cabiña) e levados por unha incotrolada fúria diferenciadora, inzan os papeis de sonoros hipergaleguismos (oficiña / oficina, determiño / determino).

Estes tradittores descoñecen ademais a existencia do diccionário, ignoran que un idioma é algo vivo e que o feito de traducir supón algo máis que verter conceitos. Polo regular estes beneficiários son irmáns, primos e demais família de alguén da empresa. Defenden o seu traballo con contumaz forza, argumentando de xeito variopinto e surrealista.

Así, ademais da utilización de castelanismos a eito, a estrutura sintáctica brilla pola súa ausencia e a tradución literal de certas expresións convirten actitudes conciliadoras en situacións agresivas, ameazas en confidencias, etc., cando non se di algo que non ten nada que ver ou mesmo o contrário do que o orixinal di. Pero traduce, que algo queda.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s