O que dece o Camilleri en galego

Traducir ao galego e aventurarse nun proxecto editorial son dous labores comprometidos, emblema de empeño cultural e social que denota un fondo aprecio polo idioma e pola necesidade de o pensamento crítico e o coñecemento seren divulgados. Por iso, é motivo de celebración que do Brasil (Sombras de Reis Barbudos), da Sicilia (La concessione del telefono) e da Inglaterra dos anos 90 (The House of Sleep), NovoVinilo Edicións S. L. achegue á cultura galega tres escritos para enriqueceren os andeis da tradución á nosa lingua. A calidade lingüística abrolla por toda parte e ningunha decisión é fortuíta na tradución destas tres obras —a profesional que asina as versións galegas é a conspicua María Alonso Seisdedos, cuxa garantía de bo facer é indiscutíbel—, mais talvez sexa A concesión do teléfono, de Andrea Camilleri, aquela que máis permite reflectirmos sobre unha serie de consideracións interesantes do plano lingüístico.

Pippo Genuardi, único propietario dun automóbil na illa de Sicilia, ten outra idea extravagante: solicitar a instalación dunha liña telefónica. A maraña de intereses persoais do protagonista, do seu sogro, dos funcionarios, policías, carabineiros, políticos, mafiosos e veciños, desencadean nunha serie de divertidos incidentes, que amosan un retrato completo da sociedade siciliana durante os primeiros anos da unidade de Italia.

A trama que tece o autor recrea a brincadeira do «teléfono sen fío», nunha sorte de xogo intercultural entre as idiosincrasias italiana e siciliana, cunha atmosfera de traxicomedia impoluta. Unha obra desta categoría quere unha sensibilidade especial na tradución, para atinar con suma exactitude na intención que transloce cada «acto de fala» (re)creado por Camilleri.

A versión galega, considerando que o orixinal está redactado mediante unha estrutura epistolar entre os diferentes personaxes e visto que se ambienta no período decimonónico, presenta trazos ortotipográficos propios desa época: os nomes dos meses («5 de Xaneiro de 1891»), as denominacións dos cargos institucionais («Prezado Comendador») e o feche das cartas («En Palermo, a 15 de Novembro de 1891») figuran seguindo convencións antigas, isto é, co uso da maiúscula ou con fórmulas en desuso. Sendo ben consciente de que segundo as regras ortotipográficas actuais se incorría en erros de carácter formal, a tradutora preferiu sacrificar esta norma en favor dun punto de verosimilitude ao texto, en harmonía con outras opcións lingüísticas stricto sensu que recreaban esa diacronía.

concesion_telefono

Cómpre incidir neste texto porque, na lingua orixinal, Camilleri emprega tres códigos lingüísticos ben diferenciados —italiano formal, italiano informal e siciliano— que suscitaron dificultades no proceso de mediación interlingüística. En liñas xerais, tentouse aplicar un certo rexistro arcaizante («e fixo tres vegadas o Sinal da Cruz»), mais mantendo a distinción entre os tres rexistros mencionados: o italiano formal («Os facinorosos puideron actuar sen importunamentos por canto que o devandito almacén […]»), o italiano coloquial («Ca, non, ho, querido avogado Rusotto, ti non nos contas da misa a media!») e o siciliano («viu a Genuardi “disparar aos gurripachos”, que dese xeito pintoresco se expresou: disparar aos pardais»).

A tradutora empregou, no seu labor de documentación, escritos epistolares en galego do século XIX que condicionaron certas modificacións: o uso do verbo decer en lugar de dicir («Non sei, que dezo eu se non será que me querían facer unha afronta…»), o uso da interpolación como recurso estilístico («Xa che non rexe a cabeza, ou?»), o uso do futuro do subxuntivo («Sexa como for, volvendo á carta do Prefecto […]») e a forma vosa mercé no canto de vostede («Non ten vosa mercé por que»); sobra indicar, que sempre en liña co texto orixinal.

concessione

Por outra parte, o compoñente paratextual foi obxecto de especial coido. O libro foi impreso nun formato atípico no mercado galego, mais ao caso para respectar o contido da novela e recrear o enredo que envolve os personaxes ao longo dela. O papel, dun ton amarelecido, suxire tamén un procurado anacronismo que caracteriza, máis unha vez, o texto de Camilleri. Así mesmo, o lector curioso reparará en que o logo da editorial, que representa un «V» que simboliza un libro aberto, presenta as cores da bandeira do país de procedencia da obra traducida e, neste caso, adopta os tons do símbolo de Italia.

Este texto senlleiro, xunto aos outros dous mencionados anteriormente, inicia un periplo novo no sinuoso mundo da edición en galego. Esperemos que sexa venturoso, pois cos próximos títulos (O proxecto Lázaro e Limónov, que xa se anticipan na lapela do libro) perdurará o compromiso referido, nun proxecto en que se tornan internacionais as palabras de noso, con gosto de vinilo exquisito que brinda un novo ar cultural.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s