O decurso do tempo reflectido na tradución

Unha autarquía literaria supón renunciar ao valor das letras estranxeiras e perder a inmensa riqueza cultural inherente a elas. Como resposta, a tradución estabelece o contacto entre os diferentes pobos: canto máis vizosa esta for, maior proxección se presupón ás linguas presentes na actividade translativa. Este axioma estivo presente no espírito guieiro dos séculos XIX e XX, en tanto se estaba a erixir o sistema literario galego desde o farelo dos Séculos Escuros.

Ulysses_Nós

Sen dúbida, a iniciativa desta natureza que atinxiu a maior envergadura e a que consolidou a Xeración Nós como referente internacional foi a tradución que Otero Pedrayo asinou, no ano 1926, dunha escolma de fragmentos da obra que catro anos antes impulsaría a viraxe do panorama literario mundial: o Ulysses, do irlandés James Joyce. O simbolismo da acción interpelaba ao recoñecemento do idioma galego e da súa cultura como vehículo universal xa na Europa daquela altura.

Aínda habendo certos erros no texto de 1926, destaca a calidade da lingua meta que Pedrayo, douto coñecedor do idioma propio, posuía. Os especialistas sosteñen que o autor de Arredor de si realizou a versión galega a partir dunha tradución francesa, ao este non posuír o nivel de inglés requirido para tal empresa. Sexa como for, o Ulysses (1926) que Pedrayo «anosou» constituíuse como a pedra angular da singradura da tradución ao galego e cumpría facer xustiza a tal acción coa versión completa e sen mediacións da obra.

Sobre eses cimentos, o Ulises (2013) que a Editorial Galaxia impulsou, asinado por María Alonso, Antón Vialle, Eva Almazán e Xavier Queipo, cumpriu o degoiro que prendera na Xeración Nós case un século antes. Precisamente, esa acción salienta na actualidade a nosa capacidade para non dependermos de linguas intermedias na actividade translativa e que a versión completa do Ulises posúe unha calidade xebre de boa, recoñecida con varios premios concedidos por institucións galegas e estatais.

ULYSSES (1926)

ULISES (2013)

Que fixo Bloom en chegando ô seu destiño?

Na escaleira da casa do 4.º do equidifrente desigoal dos númaros, númaro 7 rúa Eccles, botou mecánicamente a mau na alxibeira d’airás dos seus calzós, procurando a chave de [sic]

Ond’estaba?

Estaba na alxibeira correspondente do pantalón que tiña trocado no día.

Por qué s’enrabechou dobrementes?

Por mor do esquecemento e mais por lembrar ter pensado por duas veces en se non esquecer.

Que acción realizou Bloom ao chegaren ao seu destino?

Unha vez nas escaleiras de acceso á cuarta casa dos números impares equidiferentes de Eccles Street, número 7, introduciu maquinalmente a man no peto posterior dos pantalóns co fin de extraer a chave da súa vivenda.

Estaba alí?

Estaba no peto equivalente dos pantalóns que levara non ese día senón a véspera.

Por que se irritou dobremente?

Porque a esquecera e porque lembraba que por dúas veces se recordou que non a debía esquecer.

Coas dúas traducións sobre a mesa —a primeira extraída da páxina 4 do número 32 da Revista Nós e a segunda das páxinas 838 e 839 da edición da Editorial Galaxia—, podemos apreciar o decurso do tempo: na lingua, na calidade da tradución e no propio sector editorial que, a pesar de non chegar ao seu estado óptimo, dá boa conta do noso progreso, pois podemos ler en galego autores que pensan en xaponés, neerlandés, turco ou sueco. Esa universalidade para a lingua era o soño da Xeración Nós, materializada hoxe, entre outras accións, coa posibilidade de as nosas verbas recolleren calquera sentimento ou reflexión nunha viaxe que parte desde todas as latitudes, por moi odiseico que for este periplo, e marca a arribada en nós.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s