Ao fío das dobraxes dobradas e dobregadas

Cando se saca a colación a controvertida cuestión da dobraxe, é habitual que a crítica logo relacione o seu nacemento coa censura e cos poderes ditatoriais do século XX. Os allos pouco teñen que ver cos bugallos. Non se deben esquecer as altas taxas de analfabetismo da época en que se instalou esta modalidade de tradución e, por tanto, os sacrosantos intereses comerciais que rexeron a escolla inicial da dobraxe como modalidade predilecta de tradución audiovisual.

Así e todo, non é novidade ningunha indicar que as propias linguas, alén de se empregaren como ferramentas de comunicación, adquiren un valor identificador para o pobo que as fala. De aí que a existencia da tradución para a dobraxe nalgúns contextos si poida responder a certos criterios ideolóxicos, fóra das ideas de «ponte entre culturas» e «vehículo para a comunicación» que con certo romanticismo decimonónico asociamos a elas. 

Por exemplo, a pesar de existir pleno entendemento, o mercado ofrece produtos diferentes en sociedades que comparten o mesmo idioma: a dobraxe en lingua española que se fai en Europa é diferente da que se fai para o mercado Hispanoamericano (naquel remexido alleo que é o español neutro), a versión europea en lingua francesa tampouco se corresponde coa que se distribúe para o público do Quebec e a dobragem portuguesa é tamén distinta da dublagem brasileira. Son as propias multinacionais as que decidiron, no caso destas linguas, emprender dobraxes diferenciadas ás dúas beiras do Atlántico, con claros propósitos comerciais.

No caso doutras linguas, non son as grandes empresas de seu as que facilitan versións dispares, o que nos somerxe nun arduo debate: o de cuestionarmos, por exemplo, por que existen até tres dobraxes en catalán do mesmo produto (financiadas por TV3, Canal Nou e IB3, como foi o caso de Doraemon) con senllas diferenzas dialectais mais textos practicamente idénticos. Porén, este interrogante insírense nunha polémica aínda máis complexa: como delimitar as isologlosas dunha variedade diatópica e mesmo como distinguir entre unha lingua e un dialecto, discusión que transcende os lindes da lingüística. Os factores sociais, históricos e, si, tamén políticos entran en xogo.

Por que a BBC, por exemplo, cando se dispón a emitir a sobranceira Lazy Town decide facelo cunha dobraxe nova, en que os monicreques empregan o inglés que promove a devandita corporación? Non entra nos ouvidos do público infantil o acento estadounidense? E entón, por que non sei fai o propio cos actores de carne e óso que completan o elenco coral da serie?

O criterio para as grandes empresas é o de sufragar aquelas dobraxes que lles reporten beneficios económicos e tamén precisar que variedades poden ser obxecto de dobraxe e cales non (por exemplo, finánciase unha tradución nunha modalidade «ibérica», mais non en «español rioplatense» ou «español andino»). A consideración do que constitúe a variedade estándar tampouco é arbitraria: escóllense os trazos supostamente «maioritarios», apoiándose, neste caso, na tradición do propio territorio (e, por exemplo, censúrase o ceceo nas dobraxes españolas ou os trazos fónicos do portugués do Alto Minho nas dobragens).

As dobraxes ás linguas «minorizadas», pola contra, déixanse a mercé da política lingüística do goberno rotativo, que resolve a cuestión: nin a tradición, nin a inintelixiblidade nin o número de falantes condicionan a existencia da dobraxe e o seu correspondente modelo de lingua. O asturianu ou o bretón ilustran ben este caso: estas traducións derivarán unicamente das vontades do propio sector público ou de iniciativas privadas. Velaí onde xorde o xogo: dependendo das políticas que se queiran emprender, ofreceranse máis ou menos produtos dobrados (por iso, só se ofrece versión en catalán nos cinemas se a Generalitat a financia e o público, aí, pouco importa, aínda que despois un campe pola riqueza lingüística que proxecta) e, ao tempo, ofrecerase naquelas variedades diatópicas cos criterios lingüísticos (que, en certos casos, son ideolóxicos) que os gobernos decidiren, nunha estratexia por unificar ou por dividir a realidade lingüística.

plataforma_cinema_catala

A dobraxe ten un papel chave na consolidación (normalización e normativización) das linguas e de aí deriva o seu interese político. Mais non é o único exemplo en que a tradución adquire un papel diferenciado do da comunicación intercultural: pensemos nos imperativos carteis bilingües que abundan no noso país para dar presenza á irrenunciábel lingua estatal (aqueles do tipo «Estación/Estación» ou «Próxima parada/Próxima parada»). Hai un fío moi fino entre a tradución como vehículo de comunicación e como vehículo de identificación. Por iso nestes casos, precisamente, xamais se dá puntada sen fío.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s