A fidelidade de «eire»

A tradución é un proceso complexo que require estar somerxido sempre na disxuntiva: é unha toma de decisións continua. Como en todo, hai dúbidas máis difíciles de resolver que outras pois, en certos casos, o que se sacrifica con respecto ao orixinal é moito. Noutros, é moi complexo encontrar, na lingua de chegada, unha equivalencia real para aquel matiz que encerra o texto de partida.

En galego, por exemplo, pode resultar moi difícil estabelecer rexistros de lingua entre personaxes, ao non se acharen ben definidos na lingua espontánea, ou ao recear (o dicionario) de outorgar marcas de coloquialismo ou vulgarismo a certas palabras. Por iso, cómpre ser creativo e saber documentarse ben para encontrar mecanismos que permitan atinar naquilo que se di ―igual de importante que o que non se di― no texto orixinal.

Poñamos por caso a distinción entre a forma arcaica thou e o seu hómologo you, pronomes persoais de segunda persoa no inglés. Poderiamos sinalar un certo paralelismo (non absoluto, naturalmente) co voseo do galego que, segundo Frexeiro Mato, é un «vós, inviariábel, referido a un interlocutor singular ou plural seguindo tamén o uso antigo» que «tende a desaparecer, reservándose para o trato con persoal de avanzada idade (Vós chegastes esgotado, non si, avó?)».

MSDHAML EC020

© Warner Bros

No terceiro acto de Hamlet, o texto de Shakespeare preséntanos un contraste entre as dúas formas inglesas, que se resolveu na tradución da seguinte maneira:

TEXTO ORIXINAL

TRADUCIÓN AO GALEGO

QUEEN

Hamlet, thou hast thy father much offended.

HAMLET

Mother, you have my father much offended.

RAÍÑA

Hamlet, tes a teu pai moi ofendido.

HAMLET

Madre, tedes a meu pai moi ofendido.

Neste exemplo, aínda que poida parecer contraditorio, para traducir o thou, a raíña en galego atúa o fillo, mentres que o you cobra vida en galego mediante un voseo arcaico. A animadversión de Hamlet cara a súa nai é a que, precisamente, conduce o personaxe a se dirixir a ela con you en inglés, tentando plasmar un certo distanciamento ao tratar a proxenitora cun ton ampuloso. Isto débese a que a forma thou era a que, en tempos de Shakespeare, se consideraba como coloquial, mentres que you era aquela marcaba un certo respecto. Na tradución, a pesar de para o lector actual resultar estraño o thou (e, daquela, parecer na actualidade máis atinado o voseo), prefírese manter a carga semántica que encerraban os dous pronomes na época orixinal.

shrek

© DreamWorks Pictures

Outro exemplo diferente, en que os trazos diacrónicos se empregan co obxecto de crear certos rexistros e paralelismos diastráticos en textos contemporáneos, achámolo en materias fílmicos. Por exemplo, na longametraxe Shrek, na escena en que os dous protagonistas se coñecen (nunha sorte de parodia dos contos clásicos de príncipes e princesas), Fiona diríxese cun marcado respecto ao que identifica como un cabaleiro mediante o tratamento sir e mesmo empregando o arcaísmo beeth. Na tradución en galego, resólvese co característico voseo pretérito e coa forma mi, que denota unha certa deferencia.

TEXTO ORIXINAL

TRADUCIÓN AO GALEGO

FIONA: But wait, Sir Knight! This beeth our first meeting! Should it not be a wonderful, romantic moment?

SHREK: Yeah, sorry, lady. There’s no time.

FIONA: Hey, wait. What are you doing?

FIONA: Pero agardade, sir cabaleiro! É o noso primeiro encontro! Non debería ser este o momento romántico e marabilloso?

SHREK: Xa, síntoo, mi lady, pero non hai tempo.

FIONA: Ei, agardade! Que estades facendo?

Mais o realmente interesante é o debate que se xera na tradución dos textos antigos: convén conservar o sabor anacrónico do orixinal ou achegar a mensaxe á lingua actual? Esta cuestión non se aplicaría só no caso da lingua antiga, evidentemente. Por exemplo, nun texto datado da década dos oitenta ou dos noventa, en que interveñen personaxes que falan nun rexistro coloquial, o tradutor debería reflexionar sobre a pertinencia de empregar (entre outros recursos) o tan actual e omnipresente «en plan», pois podería producir un certo desconcerto no lector.

As variedades diacrónicas son un desafío máis na tradución, de aí que posuír unha certa bagaxe filolóxica sexa oportuno na formación destes profesionais. Sexa como for, cumprirá decidir sempre que se adecúa máis ás finalidades do texto en cada caso: contactar co público actual desde a perspectiva da lingua do século XXI ou dirixirse ao receptor desde a época en que foi concibido o orixinal. Disque as palabras as leva o vento… ou será o tempo?

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s