Depenando o «rousigaio»

Poucas actividades hai tan apaixonantes e satisfactorias como a da tradución. A pesar do pouco recoñecemento de que goza na sociedade actual e a pesar dos apertados prazos de entrega, os tradutores conseguen facer marabillas e superar o prexuízo do traduttore, traditore. O seu traballo pode ter un impacto social inmenso cando, por exemplo, aceptan a encarga de traduciren unha saga comercial (quer literaria, quer audiovisual) que goza de grande sona no país de orixe e á que se lle supón, entre os receptores do texto albo, un impacto análogo. É o caso de The Hunger Games, da autora Suzanne Collins, que conta con tres libros publicados entre os anos 2008 e 2010 e catro adaptacións cinematográficas estreadas durante os anos 2012 e 2015.

Na obra orixinal, The Hunger Games preséntanos un personaxe que, consonte avanzan os fíos argumentais, vai gañando peso na trama: o mockingjay. Este nome é resultado dun acrónimo en inglés enxeñado coas palabras (nothern) mockingbird e (blue) jay, ao tempo, provenientes dunha cita do libro, da autora norteamericana Harper Lee, To Kill a Mockingbird: «shoot all the blue jays you want, if you can hit’em, but remember it’s a sin to kill a mockingbird». Estas dúas especies reciben as denominacións vernáculas galegas texo da praia e gaio azul.

mockingjay

© Lionsgate

O caso é que o personaxe cobra tanta importancia na saga que pasa de ser citado unhas poucas veces ao inicio dela a se tomar para bautizar o terceiro dos libros (adaptado no terceiro e cuarto filme na versión cinematográfica). Sendo que o nome do paxaro ten unha importancia crucial no final da saga (ou, polo menos, na imaxe corporativa e no reclamo que suscitan os títulos das obras entre o público), a adaptación debería estar á altura do nome orixinal. E é ben curioso observar o moito que difiren entre elas as adaptacións galega, portuguesa, catalá e española:

MOCKINGJAY

Rousigaio / Tordo / Muntagarlaire / Sinsajo

A adaptación galega rousigaio, empregada na tradución de Os xogos da fame, o primeiro filme (estreado na TVG o 8 de decembro de 2015 e o único material de toda a franquía que conta con versión galega), é, como se pode apreciar no nome, un acrónimo entre rousinol e gaio. Haberá quen nel perciba un erro de tradución pois, como se indicou anteriormente, o mockingbird é un texo da praia e non un rousinol. Mais aquí está o celme da cuestión. A imaxe que posúe o mockingbird na cultura de partida é a dun paxaro indefenso, xa que «matalo é un pecado», como se indicaba no propio To Kill a Mockingbird.

De aí que sería un erro, precisamente, verter mockingbird coa denominación vernácula que lle corresponde en galego, pois non evoca (nin provoca) o mesmo senso na nosa cultura. Por iso, a adaptación galega é brillante e encontra abeiro na tradución española do propio To Kill a Mockingbird, coñecida como Matar un ruiseñor (cuxa adaptación cinematográfica en galego, mentres non muden as políticas da CRTVG, levará o mesmo título). O outro elemento, o gaio, encárgase de reforzar tan acertada equivalencia dinámica. Alén diso, nótense a sonoridade e a musicalidade do nome galego, que cumprirá a función de reclamo publicitario cando se estrearen as seguintes partes da saga.

Non obstante, non sucede tal cousa nos casos portugués e catalán. No primeiro, decidiuse suprimir o xogo de palabras e a referencia á obra de Harper Lee, pois a solución tordo, aínda podendo evocar algún tipo de paralelismo co mockingbird, perde a intertextualidade e a carga semántica do nome orixinal. No segundo, a solución muntagarlaire, que responde a unha creación discursiva (algo así como «reclamo falangueiro»), mantén a sonoridade e a relación coa ornitoloxía, mais non o significado total que imprime o orixinal. Talvez, precisamente por iso, os títulos da terceira obra, en vez de se corresponderen co inglés Mockingjay son, respectivamente, A Revolta (en Portugal) e L’ocell de la Revolta (en Cataluña).

a_revolta

© Editorial Presença

locell_de_la_revolta

©Estrella Polar

E que sucede no caso español? Pois que estamos perante unha equivalencia formal, ao se verter o orixinal por sinsajo, acrónimo de sinsonte (a mesma especie que o nothern mockingbird) e o arrendajo (nome vernáculo español equivalente ao blue jay do inglés). Aínda achándomos plena comuñón co nome orixinal, a adaptación perde todo paralelismo (dentro do polisistema español) coa obra To Kill a Mockingbird, pérdese o carácter de inocencia do paxaro e, sobre todo, dilúese a sonoridade que se espera do híbrido. Así e todo, nestes casos, gardouse o título orixinal da terceira obra ao se traducir esta, como cabería supor, por Sinsajo.

En definitiva, non é a correspondencia formal co orixinal o que define unha boa tradución, pois é a traizón á literalidade (el será acertado falarmos de traduttore, traditore?) o que garante unha correlación total. Os prazos de entrega da tradución deben ser asisados, para deixar o mediador depenar con vagar e pericia o mockingjay e para lle dar as ás que este precisa.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s