Retrospectiva da tradución audiovisual ao galego

A historia da tradución audiovisual ao galego avanza parella á historia da Televisión de Galicia, pois é imposible desligar o produto do seu máis potente cliente/consumidor. Desde o ano 1985 optouse, como tendencia xeral, pola dobraxe como estratexia de tradución na importación da produción audiovisual allea. Esa práctica responde ás convencións que asume a sociedade verbo da recepción deste tipo de produtos, se ben nalgúns momentos houbo tentativas —tan absurdas que nin lle pasaron pola cabeza ao que asou a manteiga— de alterar esta praxe.

Tan importante é a escolla da modalidade de recepción destes produtos (o que determina as estratexias de tradución aplicadas), como o tipo de produto en si mesmo. Aquí cobra especial relevancia a FORTA (Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos). Un dos seus fins principais é a negociación «para a adquisición de programas e dereitos de emisión». Polo tanto, as dinámicas de transacción da produción audiovisual do ente galego non son independentes: están condicionadas, indivisiblemente, polas de outras televisións da mesma natureza.

Alén diso, exerce un papel crucial a Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual. Esta establece, no seu artigo 5, que «os fornecedores do servizo de comunicación televisiva de cobertura estatal ou autonómica deben reservar para obras europeas o 51% do tempo de emisión anual de cada canle ou conxunto de canles dun mesmo fornecedor con exclusión do tempo dedicado a informacións, manifestacións deportivas, xogos, publicidade, servizos de teletexto e televenda».

Esta lei, froito dunha vontade política (evidentemente, non casual), procura potenciar a difusión das producións europeas, en detrimento da consolidada práctica de invasión de produtos estadounidenses que, ende mal, condiciona unha bidireccionalidade inexistente de recepción-exportación de material audiovisual. Noutras palabras, a tradución audiovisual que máis imperou (e impera) no mercado actual é aquela que ten a lingua inglesa como idioma de partida no proceso de mediación —sen termos en conta as producións galegas rodadas en español que se someteron, a posteriori, a un proceso de dobraxe—.

cinemar

Cinemar Films, estudio de dobraxe

Respecto ás estratexias de tradución aplicadas nos propios textos traducidos, podemos observar un cambio de tendencia, máis ou menos xeral. Nun primeiro momento, agroman as traducións domesticadas, adaptadas a un público galego. Así e todo, co paso dos anos e o avance da chamada «globalización», a estranxeirización tórnase na tendencia maioritaria. Ademais, actualmente, consolidouse a boa calidade neste tipo de traducións, vinculada á idiomaticidade e a fala espontánea como non podía ser doutra maneira ao seren os «actos de fala» obxectos da tradución.

Por outra parte, se temos en conta a modalidade de tradución, en todos estes anos a dobraxe foi a opción maioritaria en todo tipo de produtos, con reclamos puntuais do subtitulado (no denominado «cine de autor», habitualmente) e as voces superpostas (producións documentais, polo xeral). Só a partir do 2012 comezou a se xeneralizar o subtitulado para xordos en galego, na TVG, mais sempre como unha opción paralela á propia dobraxe. Neste caso, o contraste con Portugal —onde a dobraxe para o público adulto é unha opción testemuñal— é palpable.

O audiovisual, canda a literatura, é o «modo global» da circulación de ideas. Xa que logo, contarmos con boas traducións audiovisuais é importante para favorecer un entendemento real, non-unidireccional, que se emprace no contexto dunha Galicia universal, somerxida en pleno século XXI. E por desgraza, cómpre lembrar, que a tendencia esmagadora actual parece ser prescindir deste tipo de diálogos… unha tendencia que só pode prexudicarnos a nós mesmos neste contexto intercultural en que vivimos.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s