Traducir entre pantallas

De lle suprimirmos as súas dúas compoñentes principais ao texto audiovisual (son e imaxe, como transloce a propia denominación), este carecería de senso, pois é un «todo», e cómpre analizalo como tal. No caso da tradución para a dobraxe, o produto audiovisual non se traduce como un conxunto, pois nin todo o son se traduce (pensemos nas bandas sonoras, no soundtrack…) nin, moito menos, toda a imaxe (os símbolos icónicos, os signos culturais non-verbais…). 

O concepto de paratradución, desenvolvido polos investigadores da Universidade de Vigo, vénnos moi ao caso para tratar este tema, pois que nos máis dos casos non se alteren o son e a imaxe non deixa de ser froito dunha convención. En liñas xerais, a paratradución xorde para explicarmos todos os elementos ou circunstancias que rodean o traballo do profesional da tradución e que inflúen en como realiza este o seu traballo (isto é, en como traduce e como interpreta). Por iso, a paratradución é a que nos dá a clave para comprender por que se adoptan unhas decisións determinadas en certos casos (por que se adopta unha convención concreta).

Para lidar cos propios textos presentes na imaxe os signos verbais da pantalla, chamados comunmente insertos—, preséntanselle ao tradutor (mellor dito, ao iniciador da tradución) catro estratexias posibles: a non-tradución, a tradución por medio dunha voz superposta (alteración da canle sonora, mais non da imaxe), a tradución por medio dun subtítulo (alteración da imaxe) e a tradución do fotograma por medio de técnicas de edición de imaxe (alteración, valla a redundancia, da imaxe).

trad_doraemon

Non se altera a imaxe. Unha voz en off traduce o texto (Doraemon, ep. 673: A primeira aparición de Dorami! A aventura no fondo do mar). © TV Asahi

Damages_traducion_visual_sub_1

Tradución do signo verbal mediante un subtítulo (Damages, ep. 4: Pois saber sabe a Ho-Ho). © KZK Productions

This slideshow requires JavaScript.

Neste último caso, pode percibirse a incursión da letterbox ou formato de bandas negras na pantalla, para cadrar o formato orixinal da relación de aspecto 16:9 coas pantallas en 4:3. Isto comporta unha manipulación da imaxe orixinal, posiblemente co obxecto de facilitar a comercialización do produto no mercado internacional. Pois, a fin de contas, a tradución é un produto, subordinado a decisións empresariais e financeiras, que son as que determinan a escolla dun ou outro procedemento de tradución da imaxe, dunha ou doutra convención. Por outra banda e alén dos signos verbais, falarmos de manipulación da imaxe supón referirmonos tamén á censura de signos non-verbais da pantalla

Este exemplo, pertencente de novo á serie Détective Conan (neste caso á versión en francés do episodio 28: La réunion de classe de Kogoro II), testemuña a censura da imaxe, realizada co obxecto de adaptar o material a outro público (transvasamento Xapón-Francia). Esta «tradución» dá conta do cambio de perspectiva cultural: a animación é vista como un produto infantil e, como tal, debe rexeitar a violencia. Alén diso, cumpriría elaborar un estudo sobre a relevancia da deíxe nos casos da censura visual, pois a alteración da imaxe implicaría un posible cambio no propio guión. 

En definitiva, fóra análises técnicas do código audiovisual, a información que transmiten os signos verbais e non-verbais da imaxe é vital para o proceso da tradución. A tradución do código visual fai máis noso o texto e axuda o espectador a se aproximar á realidade da propia pantalla: fai que sinta que se esfarelan as distancias culturais.


Para considerar un enfoque científico e máis profundo sobre o tema, recomendo consultar «Traducir para la pantalla: el traductor entre el texto y la imagen» do profesor José Yuste Frías, da Universidade de Vigo.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s