Os referentes culturais: alén dos Estados Unidos

O inviolable e imperioso audiovisual estadounidense está presente en todas as programacións de TV e carteleiras de cine. Esta invasión, invisible e case imperceptible, motiva que moita xente nova recoñeza a festa do Halloween por diante da Festa dos maios, que sinta máis próxima a figura de Santa Claus ca a da Santa Compaña ou que coñeza ao detalle como se celebra o Día de Acción de Grazas e xamais vira un carro de vacas na súa vida. A fin de contas, a tradución é cultura e, a cultura, transmítese. Por iso, é interesante coñecer tamén como se tratan, na tradución audiovisual, os referentes culturais de natureza non-estadounidense; ben polo seu grao de descoñecemento entre o público meta, ben para intentar que se introduzan (ou non) na sociedade.

A tradución audiovisual da combinación francés-galego non é das máis habituais, por detrás de linguas como o español e o inglés —aínda que cumpriría contar aquí cun estudo cuantitativo académico sobre a tradución audiovisual ao galego—. Así e todo, podemos ofrecer outros exemplos de produtos audiovisuais vertidos ao galego desde o francés, como son Primeiros bicos, As aventuras de Tintín, Astérix, Spirou ou Marsupilami, ademais de longametraxes como Alphaville, O salvaxe ou Terra de paixóns. Nesta análise, preséntase o resultado das decisións que figuran no texto galego definitivo da longametraxe Intouchables (Intocable; 2011). A tradutora encargada da mediación foi Rosa Moledo e a profesional que asumiu a dirección da dobraxe foi Charo Pena.

intouchables

© Gaumont

Lawrence Venutti recoñece dúas posibles estratexias en tradución que se utilizan no momento de lidar cos referentes culturais, recollidas do intelectual alemán Schleiermacher:

Admitting (with qualifications like “as much as possible”) that translation can never be completely adequate to the foreign text, Schleiermacher allowed the translator to choose between a domesticating method, an ethnocentric reduction of the foreign text to target- language cultural values, bringing the author back home, and a foreignizing method, an ethno deviant pressure on those values to register the linguistic and cultural difference of the foreign text, sending the reader abroad.

Venuti, xa que logo, define dúas estratexias: a domesticación e mais a estranxeirización.

DRISS : Je voulais chercher mon papier.

YVONNE : Oui, oui, on vous attendait.

DRISS : Par rapport aux…

YVONNE : Entrez.

DRISS : …les ASSEDIC.

DRISS: Veño busca-lo meu papel.

YVONNE: Si, agardaba por vostede.

DRISS: É polo da…

YVONNE: Entre.

DRISS: …prestación.

Domestícase o referente cultural. ASSEDIC é a Asociación para o Emprego na Industria e no Comercio (Association pour l’Emploi dans l’Industrie et le Commerce), o equivalente, salvando as distancias, ao noso actual SEPE (Servizo Público de Emprego Estatal).

DRISS : Toi, Def, va faire un tour, là !

DRISS: E ti, guapo, vai dar unha volta!

Def Leppard é un grupo de rock do Reino Unido, cuxo vocalista garda certa similitude física co personaxe ao que se dirixe Driss, un dos protagonistas, na escena. Na tradución adáptase a referencia mediante un xenérico (guapo), aínda que outra estratexia posible —como a substitución por unha celebridade semellante— tamén había ser válida.

TRAVAILLEUSE : Ah, oui ! J’aime bien Goya.

DRISS : Ah, c’est pas mal. Mais depuis « Pandi Panda » elle n’a pas fait grande chose, quand même.

TRABALLADORA: Si. Gústame Goya.

DRISS: Ah, non está mal. Pero á parte dos premios de cine, tampouco fixo moita cousa.

Neste diálogo preséntase un xogo de palabras relacionado co pintor romántico Francisco de Goya e a cantante francesa Chantal Goya. Un dos álbums desta última titulouse Pandi-Panda —publicado no ano 1984— e, segundo Driss, a artista non fixo grande chose desde aquela. Visto que esta cantante non é tan coñecida entre o público galego, decidiuse mudar o xogo de palabras entre pintor-cantante pola brincadeira que se crea entre pintor-premio, é dicir, o texto traducido fai referencia aos premios Goya do cine, coñecidos en Galicia, mais tamén a nivel internacional. Desta maneira, a finalidade que se induce do texto orixinal —a situación cómica— permanece na tradución.

DRISS: Je te dérange pas, Patrick Juvet ?

DRISS: Moléstote, Patrick Juvet?

Neste caso, a estratexia é a estranxeirización. Patrick Juvet é un cantante e modelo nacido en Suíza e moi coñecido en Francia. Aínda que a súa sona non sexa tan elevada como no país galo, o referente cultural fica na tradución.

DRISS : J’ai trouvé ! José Bové ! Vous avez la même tête !

DRISS: Xa sei! José Bové! Ten a mesma cara!

Tamén se aplica nesta escena a estranxeirización. José Bové é un deputado do Parlamento Europeo polo Partido Verde, que alén de desempeñar ese cargo, traballa como agricultor e sindicalista. É posible que, neste caso, se conservase o nome propio de José Bove en vista da súa incidencia no ámbito europeo, máis aló das fronteiras francesas.

intocable

© Gaumont

Pódese observar, xa que logo, que conviven as estratexias da domesticación e a estranxeirización en todo o texto traducido. O tradutor pode operar como censor, pois ten a enorme responsabilidade de decidir qué se intoduce na cultura meta e qué non. Ten a responsabilidade, en definitiva, de regular o tráfico entre as pontes de cultura, polo que debe evitar as conxestións e favorecer sempre a circulación.

Advertisements

Un comentario en “Os referentes culturais: alén dos Estados Unidos

  1. Pingback: Doraemon e a internacionalización da cultura xaponesa | DERRUBANDO ISOGLOSAS

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s