Unha utopía para o galego?

O retroceso do número de falantes do galego non é sorprendente para ninguén. Evidentemente, ante unha vontade inexistente por enxalzar e visibilizar o valor da lingua é esperable un decrecemento cuantitativo de amplas magnitudes. No período comprendido entre os anos 2001 e 2011, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), os falantes habituais de galego pasaron de achegarse ao 60% da poboación a non acadar o 45%. Calquera falante habitual de galego pode percibir, alén dunha redución cuantitativa da presenza da lingua, unha redución cualitativa na súa forma.

É utópico soñar cuns políticos que falen nun galego correcto, aceptable, como representantes do pobo que son? Admítese un desleixamento tal como o que pulula polo Parlamento de Galicia no célebre Westminster ou na Assembleia da República? É unha quimera pensar nuns medios de comunicación públicos que non maltraten o idioma con tempos compostos e fonéticas alleas, máis alá da manipulación ideolóxica que os caracteriza? Como se poden mesturar os allos cos bugallos ao crer que os falantes do galego profesan un pensamento político concreto por falaren na lingua propia deste país?

davila

© Luís Davila

Para moitos, o estigma polo seu, pola súa fala, brilla pola súa ausencia. Intentar falar con corrección non está ben visto e, ás veces, parece que hai que se coutar e recear da palabra correcta en galego ante unha posible mirada de repugnancia ou desagrado. Entendo que, ante circunstancias así, temos que sorrir e facer pedagoxía… ir gañando batallas aos poucos: ao pedir o bocadillo de luras ou ao solicitar un café morno. Mais, fóra da oralidade, tamén, ao lle explicar a alguén por que en galego escribimos varrer con uve e non con be, visto que parece que temos a ortografía máis díscola e complexa de entre as linguas todas do planeta.

Reloucarei de contento o día en que nos sintamos orgullosos de falar un galego bo —bo en todos os aspectos— igual ca nos sentimos orgullosos de falarmos un bo español ou un inglés correcto. Estarei coma un cuco cando os rapaces aos que lles aprenderon galego na casa non reneguen del e teñan a confianza e autoestima suficientes como para o usaren ao se relacionaren con xente que non o fala. O futuro está, precisamente, en que eses mesmos rapaces defendan a súa lingua ante unha situación de desvantaxe e abafamento innegable. O meu degoxo non é máis ca que nos estimemos por como somos, sen caer en estereotipos resesos e simplistas que, por exemplo, nos intentan vender desde certos programas de humor (?) da televisión pública galega.

En definitiva, a miña utopía non é tal. O único que deberiamos ter en conta, os coñecedores activos ou pasivos da lingua galega, é que esta é tan verdadeiramente válida e útil como calquera outra. En deixando de lixar de estereotipos e prexuízos o idioma, habemos vivir nunha situación de plena normalidade en que todos nos habemos sentir orgullosos de contar cunha fonte de riqueza cultural viva como o galego. «Renunciar ao idioma é ser mudo e morrer», que dicía o da Terra Chá.

Advertisements

2 comentarios en “Unha utopía para o galego?

  1. Concordó ao cen por cen. Que tristura esoutro día cando, no colexio Público en Becerreá, puiden comprobar como os pais galegofalantes lle falaban aos cativos en español. Nin un só dos pequenos empregaba a nosa lingua. A iso colaboraba o feito de que os metres e mestras eran todos alérxicos ao galego.
    E concordo tamén plenamente co argumento de que, neste país, parece que o ben visto é falar mal o idioma. Xa case te miran mal se dis onte e non “aier”, limpo e non “limpio” ou xaneiro e non “enero”. Penso que, de non mudar a situación política, á batalla está perdida. Os nenos de menos de 7 anos son xa maioritariamente castelán falantes ata nas aldeas máis pequenas onde isto era impensable hai só un lustro. Que mágoa.

    Liked by 1 person

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s