A subtitulación de produtos para a TVG

Desde o ano 2012, a CRTVG impulsou a subtitulación dos novos produtos que emite a súa grella para apoiar a accesibilidade das persoas xordas. Sen dúbida, é unha noticia moi positiva para a comunidade galega e para o idioma, pois é a primeira vez que se impulsa un sistema de tales características na nosa lingua. Así e todo, Televisió de Catalunya (TV3), por exemplo, leva desde o ano 1990 ofrecéndolles subtítulos aos seus espectadores e Euskal Irrati Telebista (EITB) fai o propio desde finais da década pasada.

En materia de tradución, os graduados en T&I reciben formación para se converteren en subtituladores, tanto de xordos como de ouvintes. O caso da primeira modalidade acaba de nacer, como xa se dixo, na televisión galega e a segunda é residual na CRTVG, pois a maior parte da produción allea desta canle está dobrada. Iso non implica que para a audiencia non estea dispoñible tamén a opción de seleccionar os subtítulos canda o audio orixinal pois, afortunadamente, a tecnoloxía ofrécenos as dúas posibilidades.

As características dos subtítulos da TVG son as que cumpriría agardar dun texto audiovisual para xordos: paratextos en que se apuntan indicacións sobre o emisor do código auditivo, cores para diferenciar personaxes e oracións axustadas ao tempo e ao ritmo que imprime a pantalla. Aínda que nos máis dos casos o texto é practicamente o mesmo ca o da dobraxe, tamén se observan reformulacións e sínteses para facilitar a lectura.

vlcsnap-2016-01-16-20h22m25s35

© TMS Entertainment

vlcsnap-2016-01-16-20h22m42s229

© TMS Entertainment

vlcsnap-2016-01-16-20h22m56s128

© TMS Entertainment

O profesor Xoán Montero propón a subtitulación de produtos como unha vía para visibilizar a norma escrita das linguas en vías de normalización, en concreto, para o caso asturiano. Visto que a dobraxe é unha das canles máis potentes para difundir o estándar oral dun idioma, o apoio dos subtítulos pode funcionar tamén como transmisor dunha ortografía regrada, mais nunca como substitutivo da primeira, pois velaí o estrambótico resultado da subtitulación en galego dos Teletubbies na tvG2.

Cómpre reflexionar sobre cal debería ser o futuro da subtitulación en galego. A subtitulación para xordos debe seguir presente na TVG, por suposto. E a subtitulación de ouvintes debe ter o seu porvir nas plataformas dixitais que ofrecen contidos audiovisuais —como Netflix, por exemplo—, porque convén considerar a posibilidade de incluír, canto antes, contidos subitulados ao galego nelas. Claro que a dobraxe é necesaria tamén, mais neste tipo de plataformas —que destacan pola súa inmediatez e un público afeito á subtitulación en castelán— cumpriría ofrecer unha boa subtitulación en galego que supla esta carencia.

A tradución, neste caso materializada como unha pista de subtítulos, favorece a normalización do idioma. Os consumidores de audiovisual do país que devezan por ver series e filmes alleos deberán subordinarse ao castelán para facelo. É conveniente non perder o horizonte e ofrecerlle á lingua alento tamén no eido da subtitulación, para non perder outra batalla lingüística nesta lide imperdible.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s