A tradución do bulebule

Shin-chan foi, desde logo, un dos produtos audiovisuais en galego que máis éxito tivo na historia da Televisión de Galicia. Contaba cun público fiel de todas as idades, que foi seguidor dunha serie traducida con gran mestría. E para mostra, un botón: as expresións de Shinnosuke son célebres de Ribadeo á Guarda e iso é grazas á calidade da tradución, ao coidado da súa expresividade e á naturalidade do guión. O mérito teno Yoshito Usui, abofé, mais aquí tamén debemos recoñecerlle o creto á profesional da tradución que lidou cos máis dos capítulos e que converteu Shin-chan nun referente galegofalante.

María Alonso Seisdedos (re)creou a versión galega —acompañada por Margarita Díaz nalgúns episodios—. Matías Brea e Alfonso Valiño foron os directores de dobraxe que coidaron ao máximo o eido artístico da serie nos case 400 episodios e nos 12 filmes que se encontran dobrados ao galego. Pois, se non fose por estes profesionais, que rapaz galego había saber que Shin-chan é «falangueiro, descarado e bo larpeiro»?

Desde os primeiros versos da canción de inicio ata a voz do propio Shin-chan: a versión galega está repleta de neitegadas que condicionan a súa calidade. Marc Bernabé e Verónica Calafell xa fixeron un bo traballo na versión catalá, que sería a que se utilizaría de referencia na dobraxe española para que esta, á súa vez, facilitase a mediación ao galego. Entre os froitos do traballo de Bernabé e Calafell destaca a adaptación dos nomes propios, sobre a que Marc xa deixou algo escrito no seu blog.

XAPONÉS CATALÁN ESPAÑOL GALEGO
しろう[Branco] Nevat Nevado Nevado
Action Kamen Ultraheroi Ultrahéroe Ultraheroe
ぶりぶりざえもん [Buburizaemon] Porquet Pirata Cerdito Valiente Porquiño Pirata

Claro que, para se gabar dunha versión de Shin-chan de calidade —que disque supera mesmo a española— cómpre falar con coñecemento de causa. O seguinte é un exemplo do episodio 33, en que se xoga cos lapsus linguae de Shin-chan, pois este interpreta que vai cear «caldo de elefante» ao lle entender mal o que lle di súa nai (e, para máis inri, aparece na imaxe un elefante). Na versión española non se adaptou a brincadeira, co que o diálogo perdía todo sentido, pero na dobraxe galega argallouse un xogo de palabras entre denantes e elefantes.

ESPAÑOL GALEGO

MISAE: ¡Shin-chan, entra! ¡La sopa se está enfriando!

SHIN-CHAN: Sopa de elefante… E-le-fan-te. ¡Oh! Ah, ah, dónde está el elefante? ¿Dónde está el elefante? ¿Dónde, dónde?

MISAE: Shin-chan, entra! Ven come-lo caldo denantes de que arrefeza.

SHIN-CHAN: Caldo de elefantes… Oh, elefantes… Oi! Ah, ah, a ver, a ver, onde están os elefantes? Onde están os elefantes? Onde, onde están?

E é que desde a súa estrea na TVG no ano 2002, Shin-chan foi un éxito de audiencia e non deixou ninguén indiferente. Aínda que sexa considerado un produto infantil na nosa terra, non o é en absoluto. Alén das brincadeiras escatalóxicas dos Nohara, a serie encerra unha forte crítica ás tradicións xaponesas e á sociedade nipoa que se reflicten na propia familia e na personalidade do resto de personaxes. Crayon Shin-chan non é, de feito, unha serie para nenos no país do sol nacente.

aa1

© TV Asahi

As versións galega e española tamén se diferencian no estilo de lingua que utilizan. Como comentaba a propia tradutora non é o mesmo «enseñar el culo» que «andar co cu ao aire» ou «temblar de frío» que «tremer como unha vara verde». Nos diálogos do guión galego plásmase esta riqueza idiomática:

ESPAÑOL GALEGO
CERDITO: ¡Estoy hambriento!

SHIN-CHAN: ¡Pues te espabilas!

PORQUIÑO: Ai, que burato teño no bandullo!

SHIN-CHAN: Pois anda máis fino!

A tradución condiciona o éxito dun produto e de aí vén a importancia de acadar calidade no proceso de mediación entre culturas e linguas. A mercadotecnia e a mais a sona de Shin-chan así o constatan. Como diría este pícaro zolado: «en fin, éche o que hai».

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s