Alumnado con voz propia

Pero esta non é a voz de calquera alumnado. É a voz da segunda promoción de estudantes do Título Propio de Especialista en dobraxe da Universidade de Vigo, que se forman semana tras semana para se converteren en expertos da disciplina da dobraxe. Desde os aspectos teóricos da tradución audiovisual ás habilidades interpretativas, pasando por nocións de fonética e fonoloxía ou conceptos técnicos do axuste. Este título ofrece formación pública e regulada impartida da man de recoñecidos profesionais do sector. A voz do alumnado é a que queremos escoitar hoxe, aínda que xa quedou plasmada nas diferentes frases que se foron publicando no Facebook do título propio. Moitas grazas por aceptardes esta entrevista colectiva!

El por que se decidiron a cursar este título e cal foi a súa motivación? É unha pregunta ben interesante, porque o alumnado provén de campos moi variados: algúns son locutores e actores de imaxe de vello, mais outros son graduados en Tradución e Interpretación, Xornalismo, Psicoloxía ou Economía. Alén da súa procedencia, os máis deles argumentan que sempre sentiron gusto pola dobraxe e que querían traballar e xogar coa súa propia voz.

O título está dividido en módulos. Ante a pregunta de cal deles foi o seu favorito hai unha clara predilección polo da dobraxe. Aman o atril e apreciaron moito as explicacións dos docentes que lles impartiron clase ata o momento: Antía Álvarez e Antón Rubal. Din de Antía que esta lles quitou a ferruxe, o medo e a vergonza a interpretaren, pois estaban moi cohibidos ao principio das clases. Con Antón contan que practicaron berros, prantos, risos… en definitiva: como facer que as emocións fosen cribles sen recear da calidade do seu propio ton de voz. Ademais, deron descuberto rexistros persoais ignotos e afirman que, malia traballaren coa voz, o silencio na dobraxe tamén é moi importante e significativo.

20160224_183420[1]

© Manuel Arca

Estes estudantes cursaron tamén un módulo de Fonoloxía e Fonética. Salientan que a profesora Rosalía Rodríguez lles inculcou a necesidade de lidar coa teoría, pois é conveniente no momento de interpretar. Destacan a boa organización deste módulo: puideron traballar un amplo abano de aspectos, desde a respiración ata a proxección da voz. O equilibrio entre a parte teórica e práctica deste módulo pareceulles excelente. 

Da modalidade do axuste, que cursaron con Charo Pena, comentan que é moi ardua. Din que foi moi interesante e afirman que tradución e axuste deben ir sempre da man para que todo saia ben diante do atril.

Outro punto que mencionan é que a súa perspectiva do mundo da dobraxe mudou por completo des que comezaron o curso. Parécelles que é un oficio moito máis complicado do que pensaban: cómpre interpretar con naturalidade, captar as emocións vocais, entender o código cinematográfico, optimizar a propia voz…

Defenden, ademais, a convivencia da dobraxe co subtitulado e, de feito, algún deles declara que antes de empezar o curso era un detractor da primeira das opcións. Admiten que agora valoran a boa dobraxe, aínda que recoñecen que isto é pouco habitual entre o público, pois o que se adoita facer comunmente é criticar os erros e xamais se aclaman os acertos. Así e todo consideran, con desesperanza, que a produción que se dobra ao galego é moi limitada, pero aspiran, dalgunha maneira, a deixar a súa pegada (e voz) no micrófono.

ESPECIALSITA EN dobraxe

© Universidade de Vigo

Como conclusión responden cun si rotundo á pregunta de se recomendarían este título. Aseguran que entre eles fan un bo equipo, que os profesores transmiten paixón pola profesión e que queren seguir a aprender e a formarse. Impera a sede de atril e recoñecen que ás veces marchan á casa con ganas de máis horas, de máis días á semana de dobraxe. Gustaríalles dispoñer dunha organización diferente, que lle dese máis preferencia á práctica sobre a teoría e que ampliase as horas de micrófono. Pero admiten que a dobraxe non é só voz e que o resto de disciplinas son necesarias.

Entre o conxunto de anécdotas deste alumnado hai ceas, escenas que se resisten diante do atril e mesmo palabras que se atrancan no momento da interpretación. Iso si, subliñan, por riba de todo, que estar a gusto co profesorado e os compañeiros posibilita a boa aprendizaxe da que gozan. Aprendizaxe que este alumnado, con voz propia, ha verter nos produtos traducidos, naqueles que atravesan as pontes culturais.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s