Damages e a normalización lingüística do eido xudicial

O dereito é un dos ámbitos en que comezou a substitución lingüística en Galicia no pasado e hoxe en día foméntase a tan arelada implantación da nosa lingua nel. A CRTVG, que foi creada co obxecto de difundir o idioma galego, encargou a tradución dunha produción televisiva pertencente a este campo, que achegou un referente audiovisual da lingua elevada e xurídica galega.

Damages é unha serie estadounidense, emitida entre os anos 2007 e 2012, centrada no eido xudicial. Conta con 59 episodios, divididos en cinco tempadas, en que se narran os litixios da avogada Patty Hewes, a máis sobranceira xurista de Nova York, e da súa aprendiz Ellen Parsons, que se lle acaba de incorporar recentemente ao bufete. En termos xerais, Hewes carece de escrúpulos e o seu único fin é conseguir a vitoria custe o que custe.

damages

© ZKZ Productions

A relevancia da tradución e dobraxe desta serie é altamente simbólica: os personaxes pertencen ás clases máis elevadas de Nova York e enmárcanse dentro dun eido que, para o galego, se encontra en vías de normalización. Por iso, escoitar os multimillonarios e avogados a falaren en galego é considerablemente positivo para a normalización lingüística. Fiscal Chase foi outra das series de temática xudicial que se mergullaron no eido do dereito en galego, mais non de maneira tan explícita coma Damages.

A serie de Damages dobrouse na súa totalidade no estudio de sonorización SODINOR S.A. (Vigo), durante os anos 2010 e 2014. A tradución asinouna María Alonso e Charo Pena foi a encargada do axuste e a dirección. As decisións en materia de lingua proveñen destas dúas profesionais, mais tamén do equipo completo que interviu na serie.

É evidente que a terminoloxía xurídica había que extraela dos corpus galegos. Charo Pena confirma que así se fixo, aínda que grazas á calidade da tradución coa que se traballou, as eivas foron as menos. Para ela, dirixir este produto e interpretar a Glenn Close (Patty Hewes) nesta serie foi «unha sorte profesional, ao lado doutros produtos coma Cabaleiros con aquel (The League of Gentleman), que nalgún sentido tamén foi transgresora».

SHAW. Eu non dixen o da seguridade nacional, foi o departamento de Defensa.

PATTY. En cuxo caso, Señoría, esta sala do tribunal foi nomeada polo Pentágono.

SHAW. Señoría, non poden culpar a High Star das directrices que usa Defensa.

Damages (episodio 47): A guerra vai durar eternamente

Cómpre ter en conta a recepción desta serie en Galicia (país con lingua en vías de normalización) en comparación co éxito que alcanzou nos Estados Unidos (país con lingua normalizada). Charo admite que todo «depende dos gustos do público. Se o público se alimenta de calidade, este será máis esixente cos produtos que consome. Se non, admitirá calquera tipo de audiovisual sen deterse a valorar a súa calidade. Os cambios de horario e día das emisións foron tamén outro contribuínte destrutivo para o éxito de Damages». É dicir: que a serie apenas se coñeza aquí nada ten que ver co feito de que o eido xudicial en galego estea aínda por acadar unha normalización plena.

Así e todo Damages, malia ser unha serie centrada no campo do dereito, non tivo problemas para presentarse en galego. Isto é sinónimo da importancia da tradución audiovisual (e máis especificamente da dobraxe) para a normalización da lingua máis, se callar, en campos tan reticentes coma este.


Agradecementos á tradutora María Alonso e á directora e actriz de dobraxe Charo Pena. Sen contribucións como as súas, entradas coma esta non habían ser posibles.

Advertisements

4 comentarios en “Damages e a normalización lingüística do eido xudicial

      • Xa, iso claro que non cho discuto, eu xa nin me parei a falar da calidade… Xa se sabe que a día de hoxe, por desgraza, a audiencia non sempre valora a calidade. Hai xente que si, que se fixa nos pequenos detalles e no conxunto que estes conforman, pero eu diría que unha ampla maioría come do que lle poñen no prato sen prestar moita atención a se está ben de sal ou non. As grandes canles non terán series de tan boa calidade nin con traducións tan ben pulidas, pero teñen as súas estratexias para vender…

        Liked by 1 person

  1. Pingback: O tratamento das referencias culturais na tradución de Damages | DERRUBANDO ISOGLOSAS

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s