A docencia da dobraxe

A dobraxe, como se definiu nunha entrada anterior, é un engano para soñar. Un engano que nos achega culturas e linguas distantes e dispares, posible grazas ao fenómeno da tradución e a unhas técnicas artísticas determinadas. Na Universidade de Vigo iniciouse no curso académico 2014/2015 a docencia dun título propio co obxecto de ofrecer unha preparación regulada neste oficio: Especialista en dobraxe.

O título está dividido en catro módulos: tradución, fonoloxía/fonética, axuste e dobraxe. Entramos nunha das clases deste último, con Antón Rubal no atril perante uns alumnos interesados que devecen por aprender as técnicas e especificidades deste tan fermoso labor. Antón é director, actor de dobraxe e responsable de axeitar os compoñentes artísticos das versións galegas de Pulp Fiction, O príncipe de Bel-Air ou A nanny, alén de emprestarlles voz a actores como Ben Affleck ou Daniel Graig. El mesmo confesa que recorda con cariño cada un dos personaxes que interpretou e tivo a sorte de dirixir.

ESPECIALSITA EN dobraxe

© Universidade de Vigo

A paixón por un oficio en que traballou toda a súa vida é o anhelo co que traballa en cada clase e que tenta transmitirlles aos alumnos. «A dobraxe é a ferramenta indispensable para lles servir ás novas xeracións un exemplo claro e sobresaliente de galego estándar», subliña el.

Nesta clase, traballa co orixinal en inglés da serie canadense O amigo Ed (Best Ed). Failles reparar aos alumnos en que cómpre facer unha análise das voces (mesmo na animación infantil en que, como é o caso, a personalidade do personaxe transmítese a través da súa voz e do seu propio idiolecto). Non son bonecos que aparecen nunha pantalla: teñen unha personalidade que o tradutor, o director e mais o actor deben estudar para brindarlle ao receptor o resultado máis análogo con respecto á versión orixinal.

Hai moito máis do que se nos transmite cunha simple escoita. O texto audiovisual de calidade é tan complexo coma un texto literario de calidade. Neste caso, un dos personaxes -o propio Ed- é un cadelo zarabeto e hai que interpretalo como é propio na versión galega. «Debémonos ao orixinal», sentencia Antón. Hai que ter en conta cuestións como a proxección da voz, a interiorización do ton da versión na lingua de partida, a velocidade, a música de cada frase… E, por suposto, o respecto aos compañeiros en cada take (as divisións en partes que se fan do produto audiovisual para organizar as convocatorios de dobraxe).

O tradutor xoga un papel clave neste proceso. Para o actor é moi importante a puntuación do texto, grazas á cal o intérprete poida levar a cabo unha lectura comprensiva do guión traducido. Xa que logo, a tradución tórnase nunha partitura na que hai que adaptar o orixinal á música galega, ás nosas curvas fónicas, ás notas e melodías de noso. E iso é algo que teñen os alumnos en mente cada vez que baixan ao atril para experimentaren coas súas posibilidades; sempre desde o respecto a un orixinal e a unha tradución que marcan o ronsel do proceso de dobraxe.

O tradutor debe coñecer como se dobra para poder axustarse á encomenda. Por iso é moi recomendable pescudar, afondar nestas cuestións e respectar sempre todas e cada unha das engrenaxes que conxuga este tipo de tradución audiovisual. Porque, como remarcou o propio Antón: «nós non dobramos bocas: dobramos sentimentos». E así é, tamén na tradución.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s