Os nenos que falaban galego…

Hai certos individuos, con artillaría pesada cargada de prexuízos, que pregoan aos catro ventos que, dun tempo a esta parte, aos mozos galegos lles estiveron a cambiar a súa lingua. Cómpre ter coidado con estes tolambróns: están presentes na internet, nas marquesiñas do autobús e á saída de colexios e institutos. A súa xenreira é tal que ata crean xogos en liña, tan fanáticos coma estúpidos, contra a suposta imposición lingüística. Nin paga a pena facerlles propaganda nin servirlles de altofalante, pois a fin de contas é o que queren, pero basta con abrir ben as orellas e escoitar, escoitar que falan na rúa os nosos nenos, o que por desgraza desautoriza as teses destes mangantes.

Os nenos que falan galego non o fan porque así llelo obriguen na escola nin porque lles cambien a súa lingua. O que eu experimentei ao longo destes anos foi algo totalmente oposto: un cambio que decenas de nenos que eu coñecín, cuxa lingua materna era (e segue sendo, porque isto de lingua materna é para toda a vida) o galego, facían. Así, mudaban a súa propia por outra, nun proceso que tiña lugar normalmente arredor dos seis anos. E facíano desde a inocencia que daquela lles supuña que algúns dos seus compañeiros de clase falasen esoutra e se tivesen que pregar, os primeiros, a esta, á hexemónica.

Ese é o verdadeiro cambio: esa é a lingua que se está a cambiar, a que lles están a cambiar (e lles cambiaron) a milleiros de cativos. E algúns, hoxe en día de maneira consciente, mesmo renegan do que foron e do que son, ende ben que algúns ignoren que na súa fala quedou pegada deses trazos fonéticos tan senlleiros que delatan e desenmascaran o seu tan escuro pasado. De todos os xeitos, teño a certeza persoal de que esta tendencia absurda si se ha dar redimido. 

Manifestación de Queremos Galego

© Queremos Galego

Eu, mentres escoitaba todos os días o galego na casa e, xaora, no mellor axente normalizador do idioma (o Xabarín Club, que ninguén teña dúbida) tamén sentía prexuízos e prexuízos con sentenzas que mesmo afirmaban horribles barrabasadas sobre a terrible posibilidade de o galego contar cunha variedade estándar.

E isto, coido, xa está máis que superado, pero non está de máis recordar que a Academia, cos seus erros e acertos, é unha institución científica e, como tal, basea a norma que difunde nuns estudos e nunha análise seria e contrastada. Pero todo isto do invento sentíase mentres se supuña que nos impuñan iso do xis ao caldeiro(?), mentres se cuestionaba que era iso de aprender as partes do corpo en galego (grazas, Migallas!) ou no tempo en que se soltaban gaitadas como «el gallego es una lengua preciosa, y hay que estudiarlo como una lengua preciosa».

Cal é, hoxe en día, o desolador panorama da lingua? Pois podo asegurar que no benquerido programa do porco catódico hoxe a súa presenza está reducida a reposicións e programas tan infantís que é imposible que lle interesen ao verdadeiro público meta: a xuventude, os consumidores da televisión que necesitan enchouparse de bo galego e non teñen ningún tipo de espazo dirixido a eles.

E agora, os nenos falan cada vez cun castelán máis castizo e, si, cun galego máis castelán tamén —se é que falan algo—. Estou convencido de que é porque apenas teñen referentes orais da lingua galega orixinal (e non do artefacto explosivo que usa a campaña que dá pé a que eu escriba este artigo, que iso, velaí, é o galego[?] inventado). Pero eu, entusiasta por antonomasia que son, estou certo de que o futuro está na xente nova e que nós habemos coller o leme do porvir lingüístico co maior apaixonamento posible.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s