Traducir a Onda Vital

Moitos foron os cativos que sentaban diante da pantalla do televisor cada serán para veren os debuxos do Xabarín Club, o que sen dúbida é o mellor axente normalizador que ten o galego. Os seus produtos son variados, o seu humor desenfadado e a calidade da lingua que nas dobraxes se utiliza está, polo xeral, moi coidada. O éxito que tivo nos noventa é moi apreciable: o clube medrou ata conseguir máis de cen mil socios e todos conservamos, na nosa casa, a famosa tarxeta que nos facía membros do club máis catódico da televisión.

Pero se hai unha serie que destaca sobre todas as demais e que tivo un éxito que se constata aínda nos nosos días esa foi, sen dúbida ningunha, As bólas máxicas (Dragon Ball), xunto coa súa secuela Dragón Ball Z (Dragon Ball Z). Xuntas suman 444 episodios e todos contan con versión en galego. Os seus seguidores forman parte da chamada Xeración Son Goku e hoxe, como corresponde, imos analizar a tradución que tivo esta serie na nosa lingua.

dragonball-z

© TOEI Animation

Os tradutores que traballaron ao longo destes episodios foron, segundo certas fontes informativas Miguel Vijande, María Alonso, David Canoa, Helena Pombo e María José García. A lingua orixinal da que partiron foron os guións internacionais en inglés da Toei Animation e a tradución en francés da versión de AB Distribution. Cómpre indicar que moitos dos guións da dobraxe galega se traduciron para a dobraxe en castelán. A calidade lingüística do resultado final é moi variable, mais cómpre pensar que a dobraxe desta serie se iniciou no ano 1989 e rematou arredor do ano 1997. As fontes de documentación sobre a nosa lingua eran escasas. O galego estándar construísase aos poucos e, precisamente, grazas a medios coma a tradución audiovisual.

— Por certo, como te chamas?

— Chámome Son Goku. E ti como te chamas? Por favor, eh!

— Eu, eu… Bulma.

— Bulma?! Que nome máis raro!

— Claro, por iso non quería dicircho.

— Bulma!

— Déixao xa! A min amólame esa actitude! Por iso non me gustan os nenos!

As bólas máxicas (Episodio 1: «Bulma e Son Goku»)

Estrea no Xapón o 26 de febreiro de 1986

Estrea na TVG o 8 de febreiro de 1990

Co obxecto de conseguir o maior éxito posible, a tradución desta serie seguiu unha serie de adaptacións para ofrecerlle ao público galego un produto comprensible e verosímil. A maxia da dobraxe había facer o resto. Xa o propio título da serie é unha tradución libre: As bólas máxicas é, no orixinal, Dragon Ball. Durante a serie estes famosos obxectos que protagonizaron as tramas de Son Goku e mais os seus amigos recibiron o nome de bólas máxicas, bólas do dragón ou bólas de luz. A técnica de combate máis habitual era a Kamehameha (Grande onda da Tartaruga, se nos apoiamos nunha tradución literal) pero en galego recibiu o nome de Onda Vital. O castelán, por certo, adaptou este nome sen alteracións.

Outros nomes adaptados foron o de Son Goku e Son Gohanda (Goku e Gohan simplemente no orixinal), Guerreiros do Espazo (os Saiyajin en xaponés) ou Máxico Bu (Majin Bu no país nipón). Tamén houbo algunhas adaptacións fonéticas en relación á romanización dos nomes xaponeses: Toranks (Trunks), Vexeta (Vegeta), Kaido (Kaio).

Outros puntos que destacan deste produto foron a censura e a tradución das sintonías da serie. A censura que exerceu a distribuidora francesa sobre o máster orixinal consistiu na supresión dalgunhas escenas, se cadra consideradas inadecuadas para o público occidental. Tamén se suavizaron certos diálogos co obxecto de tentar dirixir o produto cara a un público máis infantil. As cancións traducidas desta serie aínda se cantaruxan e son ben coñecidas por todos os membros da sobranceira Xeración Son Goku.

Este produto foi un éxito e por iso o autor, Akira Toriyama, decidiu continuar neste ano 2015 as tramas nunha nova serie de animación: Dragon Ball Super. A tradución e a dobraxe destes novos episodios debe ser impecable, xa non só porque o produto orixinal o mereza, senón porque é unha forma de agradecerlle e recoñecerlle a unha serie todo o que fixo pola normativización e a normalización da lingua galega. É de xustiza que a nova Onda Vital estea máis coidada e se berre máis en galego ca nunca.

(Agradecementos a Uxío Couto pola información facilitada. Sen colaboracións como a súa, entradas como esta non habían ser posibles).


Máis información sobre as dobraxes galega, catalá, valenciana, basca, portuguesa e castelá de Dragon Ball: Retrospectiva de Dragon Ball – Historia das súas dobraxes en España.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s