Cea de bo dente entre doentes

A boa literatura é como a boa comida: hai que saboreala pouco e pouco para expremerlle o gusto o máximo posible. E son precisamente os bos textos os que non son inocentes nin na oración máis cativa nin nos parágrafos que poidan parecer máis sobros. Por iso, á hora de trasladar un escrito dunha lingua a outra, cómpre reparar ata nos detalles máis nimios, para respectar sempre o autor e a esencia orixinal que este imprimiu na súa obra.

Neste libro a gastronomía e a exquisitez dos pratos vense ensombrecidas ante o cansazo persoal e a decadencia social. Mentres se vai servindo o menú, vanse abrindo os claros dun suceso terrible que lles afecta directamente ás vidas dos comensais desta novela. O luscofusco da realidade establécese entre as aparencias e a verdade.

Este é o resumo que ofrece Galaxia no seu sitio web sobre A cea de Herman Koch: «A novela relata o encontro de dous matrimonios -dous irmáns e cadansúa muller- que quedan para cear nun restaurante fino. Falan de cine e plans de vacacións, eludindo ata o final o tema que os levou alí: o futuro dos seus fillos Michel e Rick, de quince anos. Estes fixeron algo que lles pode desgrazar a vida para sempre. Paul Lohman, o narrador e pai de Michel, quere o mellor para o fillo. E para iso está disposto a facer o que faga falla. O seus compañeiros de mesa teñen tamén os seus propios propósitos ocultos. Durante a cea saen a relucir emocións, conflitos latentes entre os irmáns, ata que, por último, chegan ao punto no que teñen que tomar unha decisión transcendental».

A crítica social encérrase nas palabras de Koch e ese é un dos mellores distintivos desta novela universal. As personalidades dos personaxes revélanse paseniño nas páxinas da obra e todos teñen cadansúas peculiaridades reais. O conflito ético permanece latente en todo momento e as antíteses agroman ao longo de todos os capítulos: a verdade e a mentira, o éxito e o fracaso, a cordura e a loucura, a violencia e a seguranza…

acea

© EDITORIAL GALAXIA, S.A.

Poida que as comidas do restaurante de luxo non nutran os padais dos clientes, pois os pratos traen consigo unha chisca do agre pasado á mesa. A novela trata, alén do uso da tecnoloxía no noso día a día ou da violencia xuvenil, temas de actualidade como as adopcións, as diferenzas culturais entre pobos, as discrepancias dos sucesos históricos, a transparencia da clase política, os problemas neurais ou as tensións familiares.

Os rapaces. Nin diso se podía acordar o conainas. Claro que era imposible acordarse de todo de todos. De que a profesora de francés vivía cunha moza, diso un acórdase. Porque resaltaba. Pero do resto? O resto non resaltaba. O resto eran casados con fillos. Ou sen fillos. Ou cun fillo só. Michel montaba nunha bici con rodíns. No momento en que lle desmontasen a Michel os rodíns da bici eu ía estar na cadea. Só o ía saber de ouvidas.

O estilo é moi claro: un narrador en primeira persoa e diálogos que polarizan os pensamentos dos personaxes desta obra. Por iso a lingua que se usa é moi natural, carente de artificios e ornamentacións innecesarias, e rica en matices. Se se enfadan, non teñen reparos en espetar un «mecagoentodo!». E iso, talvez, sexa o que denote vivacidade e realismo a un texto sobresaliente que tamén se adaptou á gran pantalla da man de Menno Meyjes no ano 2013:

Cómpre lembrar que a novela levou o Premio Novela Europea Casino de Santiago do ano 2011 e, grazas a iso, incentivouse a súa tradución ao galego. Unha tradución magnifica, que capta palabra a palabra a esencia do autor e transmite os pensamentos de Paul coa finura, a elegancia, a sinxeleza e a sinceridade que encerra o seu maxín.

A cea (Het Diner) de Herman Koch

Editorial: Galaxia

Colección: Biblioteca Compostela de Narrativa Europea

ISBN: 978-84-9865-463-9

Tradución de María Alonso Seisdedos e Antón Vialle

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s