A distancia interlingüística na tradución

Se ben é certo que os tradutores realizan o seu labor partindo, normalmente, dunha lingua orixe a unha lingua meta, ocasionalmente, aparecen outros códigos lingüísticos nos textos de partida. E é que no noso día a día non somos ouvintes dun só idioma, senón que xa polo feito de pertencermos a unha comunidade con dúas linguas oficiais, os ouvidos detectan palabras provenientes de dúas naturezas diferentes.

Este realidade plurilingüe plásmase talmente nos textos literarios e audiovisuais e supón un atranco máis que enfrontar durante o proceso de mediación. Se aínda por riba esta realidade non é só pasiva (está presente pero non se lle fai alusión), senón activa, cómpre adoptar unha serie de estratexias para alcanzar un resultado óptimo e axeitado.

breaking_bad_,_ruptura_total

© AMC

Na cuarta temporada da serie de televisión Breaking Bad, ruptura total (Breaking Bad), concretamente no episodio 39 (Cornered; na versión galega Acurralado) o protagonista da serie, o profesor Walter White, contacta cun grupo de suramericanas co obxecto de ofrecerlles un emprego. Como é natural, na versión orixinal o profesor White fala inglés (así como os máis dos personaxes), pero as rapazas non posúen coñecemento ningún desa lingua. Desta maneira, o protagonista fai o esforzo de falar o pouco castelán que sabe. Como resolver isto na tradución? A distancia lingüística entre o inglés e o español facilita a inintelixibilidade entre os personaxes, non así o intervalo que existe entre o galego e o español. Así se fixo:

VERSIÓN ORIXINAL

WALTER Buenos días, ladies. Buenos días. Uh, do you speak English? ¿Se habla inglés?

WOMEN No, no, no.

WALTER Okay, uh yo– Yo, uh– Help, help– Uh, ayon– Ayonda.

WOMAN 1 Ayuda.

WALTER Ayuda, ayuda. Gracias, gracias. Uh, yo necesita– Necesito ayuda a limpio. ¿Sí? ¿Sí? ¿Qué? I need help to clean. Yes, sí, ¿comprendes, sí?

WOMAN 2 ¿Qué?

WALTER No, no, no. Es bueno. Uh. Uh, por favor, por favor. Atrás, atrás, ¿sí? Muy bueno, muy bueno.

DOBRAXE EN GALEGO

WALTER Buenos días, señoritas. Buenos días. Ah… ¿Alguna me entiende? ¿Me com…?

MULLERES No, no, no.

WALTER Vale, eh… Yo, yo… ¿Cómo perdírselo? Yo necesi…

MULLER 1 ¿Ayuda?

WALTER ¡Ayuda! ¡Ayuda! ¡Gracias, gracias! Yo necesito… Ayuda, ayuda para limpiar. Sí, sí, necesito que me ayuden a limpiar. ¿Comprende, sí?

MULLER 2 ¿Qué?

WALTER No, no, no. Tranquilas. Por favor, por favor, vengan, veñan, é algo bo, algo bo.

(Tradución ao galego de Lucía Vázquez)

Na versión en inglés, o señor White fala o pouco español que pode e as mulleres tentan comprendelo. Na versión en galego non se fai referencia a se estas mulleres falan inglés («do you speak English?»), pois na dobraxe non se fala inglés, senón galego. Optouse por unha solución en que non se citase o nome de ningunha lingua («¿alguna me entiende?»). Pero ao dirixirse a elas en español si debería entendelas («¿Alguna me entiende?» no canto de, por exemplo, «enténdenme vostedes?», frase que posiblemente non capten) e deberían ser capaces de comprender o que di, pero non o fan.

Tamén, sendo que a palabra ayuda é moi similar a axuda non sería crible que o señor White tivese problemas con ela, polo que o que fai unha das mulleres, na tradución ao galego, é completarlle a frase a White («yo necesi… ¡Ayuda!»). O único momento en que Walter fala na súa lingua propia na dobraxe (enténdase, o galego) é ao final. Namentres, as súas intervencións en inglés, no orixinal, son moito máis numerosas.

Produtos con estas dificultades hai moitos. No episodio 4 da serie O detective Conan (Clave: o peixe de luces), a Asociación de Detectives Xuvenís encontra o que parece ser o mapa dun tesouro. Nel, ademais dun conxunto de pictogramas, aparece representada unha palabra: ORO. Os falantes das linguas románicas non han ter problema para descubrir que se corresponde co ouro da lingua italiana, pero é normal que os protagonistas (xaponeses) non coñezan o significado da palabra e de feito, teñan que recorrer a un dicionario italiano-xaponés para dar coa resposta. Cal é a solución da tradución galega? Sinxela, pero eficaz: ler a palabra oro como se fosen unhas siglas O.R.O. (O, erre, o). A tradución ao galego realizouna María Alonso.

vlcsnap-2015-08-25-15h56m22s65

© TMS Entertainment

É o caso tamén da serie Modern Family: a personaxe colombiana de Gloria, fonte de moitas brincadeiras na serie, supón un problema engadido para os tradutores da dobraxe en español. É o que fai que, por exemplo, unhas spanish lessons sexan, na versión en español, unhas clases de acento colombiano ou que haxa que encher os díalogos que están en español no orixinal cunha gran cantidade de modismos para darlles credibilidade ás escenas que denotan problemas idiomáticos.

Sen dúbida, este tipo de dificultades son unha das belezas que presenta a tradución e que a converten nunha actividade apaixonante, na que hai que darlle ao caletre co obxecto de atopar a solución máis axeitada para o receptor. A distancia interlingüística é un aliciente máis.

Advertisements

Un comentario en “A distancia interlingüística na tradución

  1. Pingback: A presenza do español nas producións audiovisuais dos Estados Unidos | teaorcoffeeuvigo

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s