A tradución das variedades diatópicas do xaponés

Malia que poida parecer que é unha lingua estandarizada e totalmente estática, o xaponés presenta unha gran variedade dialectal ao longo de todo o aquipélago nipón. Esta riqueza diatópica reflíctese nos seus produtos culturais: na súa produción literaria e audiovisual. Os autores empregan estes xeitos de falar propios para darlles aos personaxes das súas obras unha particularidade de seu. Non obstante, este trazo pode presentar problemas no proceso de tradución, e desde unha visión panorámica pódense utilizar varias estratexias: neutralizar a fala do personaxe, buscar unha linguaxe equivalente, crear un terceiro código…

Nos produtos xaponeses, adoita aparecer o chamado dialecto de kansai (kansai-ben), que é a variante da lingua xaponesa que se fala na rexión de Kansai e que abrangue zonas como Osaca ou Quioto. Normalmente, os personaxes que falan neste dialecto asócianse á imaxe esteriotipada de cómicos, avarentos ou badocos. Por isto, é frecuente que esta dificultade se resolva utilizando unha linguaxe coloquial axeitada á propia fala dos personaxes.

japanese-dialects-650x313

© Japan Info, Inc.

Na novela Botchan de Natsume Soseki, o protagonista trasládase desde Toquio a impartir clases nunha escola da prefectura de Ehime. Alí teñen unha maneira propia de falar e unha expresión moi característica: namoshi, que vén sendo, máis ou menos, un «non si?». A tradución ao galego correu por conta de Mona Imai, galardoada co Premio Plácido Castro por este mesmo texto. Adoptou a seguinte solución:

– Profesor!

“A ver que quere este agora”, pensei. El continuou:

– Fala vostede tan á présa que non hai quen lle entenda nada, vamos… Fálenos máis amodo –dixo.

Aquel vamos…, acompañado da lentitude coa que se dirixiu a min, chegou a alporizarme. Daquela contesteille:

– De acordo. Se queredes que vos fale máis amodo, fareino, pero tende en conta que son de Toquio enon podo falar coma vós. Se non me entendedes ben, non vos preocupedes que xa vos acostumaredes.

Bot-chan (Botchan), tradución de Mona Imai

tras_do_solpor

© EDITORIAL GALAXIA, S.A.

Vamos posúe, igual ca namoshi, un certo sentido de coloquialidade, polo que o receptor do texto galego e o xaponés equidístanse. O mesmo trazo de informalidade se aplica na obra Tras do solpor de Haruki Murakami. A personaxe de Grilo (Koorogi), segundo un dos tradutores da obra, falaba «no dialecto de Kansai, mais o detalle explícase dentro do texto e non era demasiado relevante para a obra». A solución que tomaron foi neutralizalo e darlle ao seu xeito de falar un toque coloquial.

 

– Desculpa. É que me desfixen do meu nome verdadeiro -di Grilo, cun sotaque da rexión de Kansai. Á primeira vista parece que lle leva uns cantos anos a Komugi.

(…)

– Ese puto psicópata cos collóns podres temos que collelo e darlle unha boa malleira! -di Grilo.

(…)

– Seguro que mesmo o computador cagou de medo.

After Dark (Tras do solpor), tradución de Mona Imai e Gabriel Álvarez Martínez

Tamén houbo casos de animación que se tiveron que enfrontar a esta clase de dificultades no proceso da tradución. No episodio dezaoito da serie Keroro Gunso (Sarxento Keroro), un dos personaxes inventa unha pistola que provoca que a vítima do disparo empece a falar no dialecto de Kansai.

keroro

© Sunrise

Así se resolveu na tradución: un ton coloquial e mediante unha substitución da alusión ao «kansai-ben» por «acentiño de chulería»:

NATSUMI: É que, sabes que? Macho, tío, en serio, o certo é que son prima de Natsumi e… Ela sempre me conta cousas túas cando falamos por teléfono ou por correo electrónico. Por certo, tío, pódese saber que andas facendo ti por aquí?  (…) A ti tamén che gustan esas movidas, Saburo? (…) Agora que teño este acentiño de chulería podería conseguirlle o Dangale a Saburo.

(…)

NATSUMI: Hai que ver o cascado que está o país, colega! (…) E o demo do paspán do presi?

Keroro Gunso, ep. 18: «Natsumi Bakushô! Otona no Kaigan Monogatari de Arimasu» (Sarxento Keroro, ep. 18: «Risas en bikini! Natsumi está feita unha muller!»), tradución de Andrea Martínez Beiras

Como se pode observar, a resolución desta serie de dificultades implica tirar dunhas estratexias e ferramentas diferentes segundo o contexto en que encontre o problema de tradución. Neste campo nada é aleatorio e todo cómpre estudalo detidamente para dar, sempre, coa solución máis axeitada que garanta a mediación cultural.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s