Quérennos comer a boroa

Os falantes de linguas minoritarias non falamos nas nosas linguas por antollo ou rebeldía. Falámolas porque son o medio de expresión que nos aprenderon os nosos devanceiros, que queremos conservar como o noso vehículo comunicativo. Mais… Ata cando imos seguir aturando expresións como que, ao falármolas, estamos a «volver á aldea»? El ten algo de malo a aldea?

Medir as linguas pola súa funcionalidade non leva a ningures, porque daquela o resultado sería a absoluta e innegable hexemonía do inglés, isto é, alén da lingua de Shakespeare ningunha outra había ser útil para nos comunicar co resto do mundo. Linguas como o francés, o español, o quechua ou o sentinelés ben poden desaparecer porque mentres non sexan lingua franca pouco lles interesan a estes entendidos da filoloxía.

Xa abonda. As linguas non poden formar parte do debate político e menos as linguas minorizadas, que deberían gozar dun trato especial e dunha protección exemplar como parte do legado cultural que son. Ata cando imos deixar que mexen por nós e haxa que dicir que chove? Ata cando imos permitir que haxa xente que afirme sentirse discriminada por falar en español? Como pode ser tan fácil virar as tornas dunha situación tan claramente desfavorecedora para o galego?

É que unha lingua non é un «simple» conxunto de palabras diferentes doutro «simple» conxunto de palabras. Unha lingua reflicte a cosmovisión do pobo que a emprega, reflicte a súa realidade, a súa orixe, o seu pasado, a súa maneira de pensar… Os pirahãs non dan contado alén do tres, os esquimós diferencian varios tipos de nevaradas e os suecos teñen unha palabra para referirse ao reflexo da lúa na auga. Por que? Porque se encontran condicionados polo mundo en que viven.

palabras

A lingua non é dos políticos, nin pertence a unha ideoloxía concreta nin é bandeira de nada. A lingua é posesión da persoa que a fala e a estima. E punto redondo. Xa abonda dos prexuízos de sempre, de tentar comerlle a boroa á xente coas mesmas mentiras e falacias de outrora. O único momento en que unha lingua pode ser un atranco é cando se tenta que desapareza para impoñer outro idioma sobre ela. Nunca máis.

Hai xente que rexeita a normalidade, que rexeita que o galego se poida utilizar para facer as beiras nunha noite de esmorga ou ao falar co doutor. Pero o galego é a lingua do amor e é a lingua pola que avogan moitos dos nosos médicos. Tanto dá que sigan esbardallando e digan que falando valenciano, galego, catalán ou éuscaro volvemos á aldea. A xente non é pitoña e agora coñece ben a verdade. Non ha caer en prexuízos tan absurdos coma eses. Non ha deixar que unha persoa, que representa un pobo que posúe unha lingua de seu e nin sequera se molestou en aprendela, decida o que teñen que pensar no que concirne á súa fala.

E de existir problemas entre linguas, aí habemos estar nós, os mediadores: filólogos, tradutores e intérpretes. Como ben dixo George Steiner, «sen a tradución viviriamos en provincias lindeiras co silencio». O noso traballo é impedirmos esas provincias ermas e silandeiras. E niso andamos.

Advertisements

3 comentarios en “Quérennos comer a boroa

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s