A domesticación dos referentes culturais na tradución d’Os novos

Nos máis dos textos adoitan abundar referentes culturais propios da área onde se fala a lingua de composición. As estratexias que toma a tradución para tratar con estas referencias son moi diversas e dependen, basicamente, do coñecemento que teña o receptor do texto meta delas. Unha das solucións, se cadra a que máis imaxinación require, é a domesticación.

A domesticación, segundo Lawrence Venuti, é a adaptación da referencia cultural mediante equivalentes do lugar ao que se dirixe o texto meta ou por elementos universais co obxecto de facilitar a compresión. Cómpre ter en conta que esta estratexia é moi útil cando se están a traducir, por exemplo, textos humorísticos pois, alén da propia referencia, o que máis importancia cobra é que se produza o mesmo efecto ca no texto orixe.

Un caso moi curioso na dobraxe en galego onde abunda este tipo de estratexia é Os novos (The Young Ones). Malia falarmos xa anteriormente desta tradución, o enxeño que Lois Pereiro verteu sobre ela é tal que ben merecía outra análise, desta vez non desde o punto de vista lingüístico, senón cultural. A serie dobrouse nos oitenta no xa desaparecido estudio Sonor, seguindo a tradución de Lois Pereiro na primeira temporada.

lois pereiro

© Concello de Monforte

A continuación, recóllense varios exemplos de domesticación n’Os novos, correspondentes ás dúas temporadas, aínda que no caso da segunda o texto non sexa obra de Lois Pereiro. Cómpre lembrar, unha vez máis, que o texto definitivo non foi elaborado por un único individuo (tradutor), senón que o equipo que o sucede (estudio Sonor) tamén ten voz no proceso. Daquela, o máis probable é que o monfortino non contase con carta branca durante a mediación.

Most I can manage these days is to stuff down a few pages of the Guardian before they’re ripped out. O máximo que podo facer hoxe en día é engulir unhas follas d’A Voz de Londres antes da cagarría.
But he looks like Tesco‘s when the beans are reduced! Parece Alcampo cando hai fabas de oferta.
I mean, nobody’d buy Evian water if it was called Blackburn water, would they? Nobody’d wear Kicker boots if they were made in Scunthorpe! Abba, Swedish? I knew then when they were a Lancashire clog-dancing trio! Arthur, Betty, Boris and Angela! Solzhenitsyn, Solzhenitsyn–a former pipe-fitter welder from Harrogate! Ninguén mercaría Auga de Evian se se chamase Auga do Carballiño, por exemplo. Ninguén mercaría zapatos se se fixesen en Allariz. ABBA, ABBA, suecos? Coñecinos cando bailaban con zocas no mesmo Caurel! Xurxo, Marica, Fuco e Ánxela! Solzhenitsyn, Solzhenitsyn, antes era fontaneiro, un soldador de Coirós!
This is a student residence! A seat of learning? Esta é unha residencia de estudantes! Coma o Burgo das Nacións!
This is the band Radical Posture, and my name is Alexei Yuri Gagarin Siege of Stalingrad Glorious Five-Year Plan Sputnik Pravda Moscow Dynamo Back Four Balowski. Me Dad was a bit of a Communist, know what I mean? Esta é a banda Resentida Postura e eu chámome Alexei Reixa Gagarin Sitio de Stalingrado Gloriosos Plans de Cinco Anos Dinamo de Moscú Galletas Kokoschka Igor Balowski. O meu pai era un pouco comunista, sabes?
Ha ha, Mike! Landed on Old Kent Road. Ha, Mike caeu nos Aparcamentos de María Pita!
Let’s give him some Barry Manilow! He really gets off on Barry! Poñamos un chisquiño de Julio Iglesias. Encántame escoitar Un canto a Galicia!
Oh, Rick! We were watching ‘Bastard Squad!’ Oh, Rick, estabamos vendo O libro gordo de Petete.
No! I’m just in time for Afternoon Plus! A ver que di a Galega!
Point Three: Dexy’s Midnight Runners playing free, daily, in the University library! Punto 3: Que Dexy’s Midnight Runners toquen gratis no Teatro García Barbón!
Rick, Thirteen Credibility Street‘! Rick, Rúa da Falperra, número quince!
Fine, I’ll tell you then. I was Paul Squires! Ben, diréivolo entón. Era Antón de Santiago!
Crap! What about some Hawkwind or Marillion? Merda! Por que non veñen Resentidos ou Milladoiro?
Now don’t ask any questions, let’s just say I didn’t get them at Tesco’s, ok? E non fagades preguntas pero non digades que as collín en Tobaris.

Tamén é certo que se empregaron outras estratexias de tradución, máis alá da domesticación. Por exemplo, unha cita á canción Summer Holiday de Cliff Richard convértese na canción Congratulations do mesmo autor. O licor babysham no orixinal convértese nun parfait amour na versión en galego. Hai tamén outros casos nos que se emprega un xenérico e outros nos que a referencia cultural permanece inalterada.

young-ones

© BBC 2

Sen dúbida, o fin presente no texto orixinal cúmprese na versión en galego e o efecto que se produce é o mesmo en ambos os dous textos. Desde logo, malia o pouco recoñecemento do que goza o traballo de tradutor, o proceso de mediación é un dos máis complexos, un dos que require máis imaxinación e, sobre todo, coñecementos sobre calquera eido do saber para ser quen de dar os anchos.

(Agradecementos a Uxío Couto pola información achegada. Sen persoas coma el, entradas como esta non habían ser posibles).

Advertisements

2 comentarios en “A domesticación dos referentes culturais na tradución d’Os novos

  1. Pingback: O tratamento das referencias culturais na tradución de Damages | DERRUBANDO ISOGLOSAS

  2. Pingback: Retrospectiva da tradución audiovisual ao galego | DERRUBANDO ISOGLOSAS

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s