A normativa dos mínimos nos primeiros tempos da TVG

Durante algún tempo, o estilo e mais a calidade dos textos da produción allea da TVG quedaban á vontade do tradutor, do lingüista encargado da revisión e do estudio de dobraxe. Por iso, nestes primeiros produtos podemos encontrar un claro espírito normativista, mais acompañado dunha obvia inexperiencia. Os tradutores proviñan de ámbitos moi variados (a carreira de Tradución e Interpretación non existía) e habían ser eles os que construirían aos poucos, pedra a pedra, produto a produto, a tradución audiovisual ao galego que hoxe tanto apreciamos.

Á parte de poder brindar produtos audiovisuais en galego (cómpre recordar que a produción propia era moi limitada, case inexistente), o obxecto da dobraxe era o de ofrecer un estándar de galego oral correcto, é dicir, espallar a normativa tan recentemente aprobada da RAG e mais o ILG (1982). Así e todo, os produtos non se salvaron de conteren interferencias e calcos do español. Mais é curioso como algunha das primeiras series non seguiu a normativa «oficial», senón que fuxiu cara á chamada normativa dos mínimos.

A normativa do reintegracionismo dos mínimos foi aquela publicada pola Asociación Sócio-Pedagóxica Galega no ano 1979, que buscaba un achegamento ao portugués. Non utilizaba de maneira explícita a ortografía portuguesa, mais si o seu léxico e certas convencións prescritas.

OS NOVOS

© BBC 2

Nalgúns produtos fíxose uso desta norma. É o caso dalgún dos traballos que realizou Lois Pereiro, poeta monfortino ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas no ano 2011 e que foi tradutor de guións ao galego. Pereiro foi o encargado de verter á nosa lingua os textos da primeira temporada da serie Os novos (inglés>galego) e neles emprégase esta normativa. Tamén se utilizou nos primeiros 25 episodios da serie de animación xaponesa O doutor Slump e Arale (de directividade inglés>galego, posiblemente), mais non hai dato que confirme se tamén foi obra do monfortino. O que tampouco se pode afirmar é se a decisión de utilizala foi de Pereiro, xa que o texto pasaba despois por mans dun filólogo e do equipo da dobraxe.

OS NOVOS (THE YOUNG ONES)

EPISODIO 1: “DEMOLICIÓN” (DEMOLITION).

ESTREA: 1982 (galego: 1986).

RICK: Non son de xelo, sabes?

NEIL: Guau, isto está tan suxo! Canta merda! Seguro que podes mirar en tódolos fornos suxos do mundo. Mesmo os que haxa no fondo do inferno e non acharías un tan suxo coma este.

MIKE: Sei moi ben como te *sintes, ás veces os pratos facíanme enoxar a min tamén.

BALOWSKI: Gracias a el non me como unha rosca, pero aínda así góstame moito.

MIKE: E eu que pensaba facer aquí un complexo de entretenimento!

RICK: Esta é unha Residencia de Estudantes!

O DOUTOR SLUMP E ARALE (DOKUTA SURANPU)

EPISODIO 14: “SOPAMÁN, O HÉROI” (EIYU SUPPAMAN).

ESTREA: 1981 (galego: 1986).

SOPAMÁN: Normalmente vou vestido cunha roupa máis vulgar e percorro as cidades día e noite ata que unha paz duradeira estexa *garantizada neste planeta. (…) E podo saltar un arrañaceos facilmente.

RAPAZA: É certo, enoxoume tanto…

PELICANO: Tes un cerebro que máis te valería non telo!

SOPAMÁN: Para a resposta correcta, non vale calquer número. (…) Somente me queda un. Somente un!

VENDEDOR: Cal lle gosta máis de todas? Cal lle gosta?

AXENTE: É esa rapaza incríbel! (…) Oh, por que teño que facer eu sempre o traballo suxo?

NAI: Todo xogar e nada de estudar, vas-te *convertir nun parvo coma Sopamán!

SOPAMÁN: Moi ben, agora xa podo ser héroi outra vez. (…) Así que queres xogar para vingarte do partido de dedos que perdeches?

Podemos estudar, máis alá das interferencias do español, palabras como arrañaceos, suxo, xeloentretenimento, enoxar ou héroi. Mais tamén certas conxugacións verbais estrañas, a medio camiño entre o español (sintes) e o portugués (estexa). E tamén entradas que acabarían por aparecer no VOLGA tras a reforma normativa do 2003 (caso de incríbel ou estudante). É curioso ouvir estas palabras nestes produtos experimentais, que no caso d’Os novos non se mantiveron na segunda tempada e na serie O doutor Slump e Arale desapareceron a partir do episodio 26. Porén, mesmo nos episodios que analizamos non se mantén a coherencia normativa e hai tamén, por exemplo, palabras coa terminación en -ble.

DOUTOR SLUMP

© TOEI Animation

Cómpre lembrar que, por unha parte, o fin da tradución audiovisual ao galego é o espallamento dun modelo de galego estándar, ademais de que o público recoñeza xente en calquera contexto a falar na súa lingua. Se isto se esquece, se a calidade da lingua se subordina a outros intereses, este exercicio perde todo sentido. Non se entenda isto coma unha crítica ao modelo normativo que se utilizou nestes produtos audiovisuais. Por outra parte, hai que admitir que daquela non existían os recursos lingüísticos en papel ou na rede que temos ao noso dispor hoxe en día. Velaí a proveniencia de certos erros.

Unha época de inexperiencia, abofé, pero de moito entusiasmo e ilusión. Alén de todo, o interese pola lingua e o bo coñecemento desta son a garantía máxima dun produto de calidade que o público acepte. Lois Pereiro demostra nestes traballos o seu bo facer e o seu infinito enxeño.

(Agradecementos ao director e actor de dobraxe Antón Rubal e mais á tradutora María Alonso pola información achegada. Sen eles, entradas como esta non habían ser posibles).

Advertisements

3 comentarios en “A normativa dos mínimos nos primeiros tempos da TVG

  1. Graciñas pola entrada. O teu blog paréceme moi interesante e os temas son de interese. Pra un estudante de filoloxía románica que é catalán e a quen lle gusta moito o galego, é moi interesante. Parabéns polo teu traballo!

    Liked by 1 person

  2. Pingback: A domesticación dos referentes culturais na tradución d’Os novos | DERRUBANDO ISOGLOSAS

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s