O noso último (e non derradeiro) filme en galego

Uns flocos de millo, un despacho de billetes, un filme… Os nosos cines pouco, ou nada, senten falar en galego. Aga algunha produción propia que se estrea non temos a oportunidade de escoitar os grandes actores do mundo (alén dos nosos, claro) falaren na lingua de Rosalía. Cal é o problema? A rendibilidade das salas? O escaso interese?

A primeira película que se estrou en cines dobrada ao galego foi O pico das viúvas (Widow’s Peak) alá polo ano 1993. Os propietarios das salas daquela tiveron unha resposta nefasta: só se exhibiu dous días, en sesión de menor audiencia, nun só cine. Parece que nada mudou desde aquela, pero agora o experimento volveuse repetir: O noso último verán en Escocia (What We Did on Our Holiday), desta vez en máis cines e en varios horarios.

A verdade é que todo ser humano é ridículo á súa maneira. Así que non deberiamos xulgar os demais… Porque ao final nada diso importa.

A película foi producida pola BBC, dirixida por Andy Hamilton e Guy Jenkin e conta con David Tennant, Rosamund Pike e Billy Conolly nos papeis protagonistas. O argumento consiste en que unha parella residente en Londres, pais de tres fillos bulideiros, téntalle ocultar ao pai do home no seu 75º aniversario o seu inminente divorcio. Desprázanse a Escocia, onde á parte do avó viven os tíos e mais o fillo destes. Aínda que é fundamentalmente unha comedia, a longametraxe tamén se somerxe en temas transcendentais e vitais.

Coma en todas as producións da BBC o traballo é magnífico. O elenco de actores, moi coral, é sobresaliente, pero merecen unha cualificación especial os tres nenos protagonistas: Emilia Jones, Bobby Smalldridge e Harriet Turnbull. Estes pequenos artistas saben dotar os seus personaxes dos toques de inocencia, picardía e curiosidade que necesitan. Imprimen de maneira espectacular o carácter infantil dun pícaro e só con fitarlles para os ollos un é capaz de se decatar das interpretacións maxestosas que fan.

CGKa_WrWIAAR1nu

© BBC Films

A película mergúllase en varios temas. Un deles é o sentido da vida, analizado desde a perspectiva dun vello de setenta e catro anos ao que xa poucas cousas lle importan. Ten un concepto de familia único, que alén de rifas e berros debe permanecer unida. A antítese desa experiencia da vida é a morte. Na película aparece reflectida nun momento clave, mais tamén nos recordos do vello: o irmán del morreu loitando contra Hitler, pero reaparece a súa miraxe no momento oportuno para levar, consigo, os recordos da infancia.

Unha infancia que, precisamente, ten moito que ver coa que viven os netos do vello hoxe en día, chea de inocencia (os conceptos de verdade e mentira nos que tanto porfían), curiosidade (os cativos cando non entenden, preguntan: que é un vendedor en curto, unha lesbiana, o cancro…) e a sinceridade (os raparigos soltan todo o que pensan e non comprenden as leas do mundo dos adultos). Tamén se contrapón á infancia o mundo adolescente do curmán dos nenos, pero sobre todo, o mundo adulto das aparencias, retratado na depresión, a fachenda ou o divorcio.

Así e todo, é o humor o que zarrapica seguido o guión da película con pequenas brincadeiras intermitentes e na profundidade do argumento. Tamén as diferenzas culturais entre a Escocia e Londres son motivo de escarnio na longametraxe. Hai xiros bárbaros e a velocidade da película vailles ao xeito. A intertextualidade tamén emerxe na obra: mencións a Simba ou a Bambi, bromas con Wallace & Gromit…; que a fai moi amena e axeitada aos nosos tempos onde, ademais, os protagonistas utilizan o Youtube e chían no Twitter.

A verdade é que un dos mellores aspectos é a música. Unha obra mestra, tanto as composicións de soundtrack como as propias pezas escocesas que interpretan os personaxes. Estas crean un vencello moi forte coa Galiza xunto as paisaxes e as augas frías do Atlántico: unha conexión directa coa nosa terra.

O traballo de dobraxe é magnífico. Con respecto á tradución, o primeiro que chama a atención é a modificación do título na versión galega, que procede do título en español (algo habitual nos títulos das longametraxes na dobraxe galega) e que posiblemente responda a cuestións de mercadotecnia da distribuidora. Hai dúas cousas curiosas. A primeira é que ao comezo da película aparece o texto en español (Nuestro último verano en Escocia) coa voz de Luís Iglesia recitando o título galego. Non se puido traducir tamén o paratexto na pantalla? A segunda é unha mención que fai un dos nenos con respecto a cando conte na clase «o que fixo nas vacacións», unha clara referencia intratextual ao título (orixinal) da película, mais que se perde na tradución.

Hai que recoñecerlles o traballo a todos os actores de dobraxe, á directora Charo Pena, ao estudio Cinemar Films, á tradutora Rosa Moledo e mais ao resto de profesionais que colaboraron na longa. Pero hai que salientar a magnífica interpretación de Ana Ouro, Ana Lemos e Teresa Santamaría dos nenos: quedaron mallados á versión orixinal e parecen cativos mesmo. Esa é a ilusión da dobraxe que se traduce no éxito dun traballo ben feito. Parabéns a todos! E grazas aos promotores da iniciativa por nos deixar vivir unha experiencia cinematográfica tan estupenda, en alta definición e a son de primeirísima calidade, na nosa lingua. Oxalá esta sexa só a partida dunha singradura ben longa: nos cines, tamén, en galego!

Advertisements

2 comentarios en “O noso último (e non derradeiro) filme en galego

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s