A maxia da invisibilidade

Os tradutores son un colectivo case invisible, coma criaturas fantásticas que non se ven pero están sempre presentes ao noso redor. Os tradutores están agochados en todas as nosas angueiras diarias: as noticias estranxeiras que lemos nos xornais involucrarán, posiblemente, o labor dun tradutor; ao irmos ao cine sentimos nos máis dos casos as palabras traducidas e, ao programarmos a lavadora habemos precisar dun manual traducido, vertido ao noso romance por algún dos moitos profesionais da tradución.

Cómpre que se dignifique o oficio, desprezado en moitos casos por reducidas e irrisorias tarifas e un prexuízo social latente: «calquera, mesmo o tradutor de Google, dá traducido calquera cousa». Abonda con ver algún dos resultados chafalleiros destes tradutores automáticos ou incluso de xente que non coñece nin a lingua de partida nin, se cadra máis importante, a lingua de chegada.

hamlet ori

 © Wikimedia Commons

old man ori

 © Scribner’s

A tradución é un engano, o engano que funciona á perfección e pasa desapercibido (aga cando se fai mal) e é precisamente a súa parte de ocultismo a que lle garante o éxito. Ávidos lectores devoran as páxinas escritas por Shakespeare ou Hemingway e ignoran que se encontran fronte a unha tradución e que os citados autores non compuxeron tan sobranceiras obras na lingua de Manuel Antonio. Mais, non é iso o que procura a tradución? Non queremos que un lector de Viana do Bolo, Muros ou Tomiño recoñeza ese texto como seu, coma se formase parte do seu propio acervo cultural? A tradución consiste, como diría o grandísimo Cunqueiro, en «anosar» o texto, co obxecto de traslado á nosa realidade e outorgarlle un valor cultural de seu.

31u0yZ3h-IL._SY344_BO1,204,203,200_

© EDITORIAL GALAXIA, S.A.

9788482882352

© EDITORIAL GALAXIA, S.A.

O lector debe coñecer que se encontra ante o Hamlet traducido por Miguel Pérez Romero ou O vello e o mar de Carlos Casares e confiar plenamente no seu traballo, sen desprezar e insinuar que o tradutor masacrou o texto orixinal, pois as decisións que se toman neste eido xamais son aleatorias. Un tradutor é un autor e, como tal, o seu nome debe figurar en calquera libro que traslade á lingua de destino, mesmo na portada, pois derramou gran cantidade dos seus dotes na obra orixinal. Pero non podemos crer que nos encontramos ante dúas obras totalmente discrepantes. A tradución, feita ben, con tempo e esforzo garante un resultado pleno, garante que, neste caso, o lector galego goce e sinta exactamente o mesmo ca o lector de fala inglesa.

Autor e tradutor camiñan da man e non deben soltarse en ningún momento. O un sen o outro están perdidos: a obra do autor reduciríase á súa propia idiosincrasia e o noso pobo non tería a oportunidade de entender obras da literatura universal indispensables para nos enchoupar de cultura. Texto orixinal e texto traducido son sempre un todo, un só, nunca están arredados o un do outro.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s