O mediador cultural

A tradución é unha operación que vai alén das linguas: ten relación total coas culturas e os pobos do mundo. Por iso, decote, os tradutores empregan distintos procedementos á hora de resolveren os problemas que lles presenta o proceso de mediación. Unha solución moi aplicada é a adaptación dos referentes culturais, mediante o texto ou a través do paratexto, o que supón nalgúns casos un custo engadido.

Hai centos de exemplos que poden servir para expor o concepto que estou tratando. Un deles é o de Case Closed, que xa difire no título da versión orixinal e da galega (Meitantei Conan, O detective Conan). A tradutora da serie para a lingua inglesa foi Clyde Mandelin, que é normalmente a encargada de verter desde o xaponés as máis das series que se dobran para os Estados Unidos. Ás veces os cambios culturais non son obras dos propios tradutores, senón dos clientes ou do equipo que teñen ás costas. Neste caso, houbo varias mudanzas respecto da versión orixinal. Os acontecementos da serie xa non suceden no Xapón, senón nunha parte indeterminada dos Estados Unidos. Aínda que a adaptación dos códigos e enigmas está moi ben feita, ese transvasamento cultural supuxo modificarlle o nome a todos os personaxes da serie (principais e secundarios) e ás propias localizacións espaciais.

O personaxe Heiji Hattori é de Osaca e fala co dialecto de Kansai (do oeste) no orixinal. Na versión inglesa chámase Harley Hartwell, é de Alberta e fala en inglés canadense. Son lícitos estes cambios? Ao non se modificar a imaxe, por exemplo, cando Heiji lles mostra aos protagonistas no episodio 124 a súa cidade, amósalles sitios propios desta: o zoo de Tennoji, o pavillón de Osaca e a torre Tsutenkaku. Na versión inglesa, Harley sinala estas propias localizacións na imaxe pero fala duns supostos lugares emblemáticos (inventados) da realidade da provincia de Alberta.

Na versión galega respectáronse todas estas referencias culturais nipoas, pero tamén houbo algúns cambios co obxecto de facilitar a recepción. Nalgúns guións adaptáronse certos comentarios e nas películas da serie traducíronse os letreiros mediante a manipulación dixital da imaxe.

ORIXINAL XAPONÉS INGLÉS GALEGO
Kogorō: Sendo que os números 3135134 se poden ler coma nomes propios, as vítimas van ser 31-san e 51-san? Richard: Maybe the code’s trying to tell us the location of a buried treasure, or the secrets of the Egyptian pyramids, or maybe it’s just the recipe for the perfect batch of chocolate chip cookies. Kogoro: Pois proba isto a ver: 3135134. 313 é Moe, 513 é Larry e 4 é Curly. Estamos a falar dos Tres Chalados.

O xogo, presente no episodio 15 da serie, (O atentado da mensaxe enigmática) está en que en xaponés o número tres e a palabra señor se len igual: san. A adaptación galega tamén se aplicou na versión catalá e hispanoamericana, con toda seguridade porque estaba presente no guión internacional —un guión en inglés traducido directamente desde o xaponés que a produtora envía para facilitar a tarefa de tradución—. Como curiosidade, na versión española, Kogoro fai referencia aos Reis Magos e na versión valenciana aos Beatles.


movie-03-box-08j

movie-03-box-08e

vlcsnap-2013-07-06-11h25m11s254

© TMS Entertainment

Os fotogramas son parte da terceira película da franquía (O derradeiro mago do século). O primeiro correspóndese co orixinal, o segundo é da dobraxe inglesa e o terceiro pertence á versión galega. É, neste caso de alteracións, onde a adaptación no paratexto supón un custo engadido.

Outro caso de americanisation dáse coa serie Doraemon, o gato cósmico. Aínda que aquí a serie xa nos chegou nos noventa, nos Estados Unidos aínda se estreou o ano pasado e fixéronse unha serie de cambios moi interesantes, tanto no guión como na imaxe. Dobráronse só 26 episodios. Cambiáronse os nomes: Nobita é Noby, Xigante pasa a ser Big G., Suneo convértese en Sneech e Shizuka en Sue. Tamén as bandas sonoras dos propios capítulos chegan a occidentalizarse. Pero o que máis chama a atención son as propias alteracións culturais. Unha imaxe vale máis que mil palabras.

doraemon-Usa-2

© TOEI Animation

doraemon-usa-1

© TOEI Animation

DORAEMON-usa-3

© TOEI Animation

Cómpre salientar que ao galego non chegou esta versión: nós recibimos a imaxe xaponesa e os guións traducidos en base a esta: non estamos perante unha tradución ponte en inglés, senón que a serie se traduciu desde o propio orixinal xaponés da man de Marta E. Gallego, Jesús Espí, Enric Joga, Gersom Peris, Sandra Ruiz, Octavi Sánchez e Salva Santacruz ao español, e partindo da castelá naceu a galega. Os máis dos referentes culturais permaneceron intactos e a imaxe tamén. Si que houbo episodios censurados e, ademais, orixinalmente no Xapón os capítulos duraban dez minutos, mentres que aquí se xuntaron para formar episodios de vinte e cinco minutos. Pero, alén de Dokodemo Door que pasa a ser Porta Máxica, poucos cambios máis houbo nos 979 episodios(!) que xa se dobraron ao galego desde o ano 1994.

As culturas xogan un papel clave na operación da tradución: os mediadores culturais non só se dedican a se comunicar a través de códigos lingüísticos: detrás destes espállanse unhas realidades e unha forma de pensar xenuína da saída e da meta do proceso porque, tras a lingua, estamos nós, os falantes.

Advertisements

2 comentarios en “O mediador cultural

  1. Pingback: Masacres entre as pontes de cultura | DERRUBANDO ISOGLOSAS

  2. Pingback: Doraemon e a internacionalización da cultura xaponesa | DERRUBANDO ISOGLOSAS

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s