A (des)normativización do galego

O outro día estiven vendo un dos programas de máis éxito e que máis atrae o público adolescente da TVG: o Land Róber. Supoño que todos tedes ouvido falar del: a rapazada pásao en grande coas seccións e os chistes que fan e a verdade é que o humor que constrúen está moi ben deseñado. O mellor de todo é que é un programa da terra, familiar, moi próximo á nosa idiosincrasia e con moita retranca, claves do éxito do formato.

Poucas veces o público adolescente se ve representado nalgunha franxa da TVG. Os últimos que o conseguiron foron desde logo Matalobos e Serramoura, gañadoras de premios aquén e alén e que demostran a boa calidade dos nosos produtos. Pois ben, resulta que para moitos mozos galegofalantes estes son os únicos espazos aos que se van achegar que estean na súa lingua… E o que é igual de perigoso: para moitas persoas representan o único contacto que teñen co galego na súa lingua.

Esta reflexión nace partindo dunha canción que se parodiou no programa Land Róber este mércores: Soplando (que conta coa base musical de Bailando, de Enrique Iglesias). A calidade da canción orixinal é cuestionable pero, desde logo, a versión que lle fixeron no programa é moi boa. U-lo problema? O quid da cuestión está no tipo de galego que se utilizou. De onde vén iso de *soplando? De verdade non son conscientes de que en galego debemos dicir soprando? Entendo perfectamente que se trata dun programa de humor e que non teñen que empregar un rexistro estándar absoluto, pois nin nos formatos semellantes noutras linguas se fai. Pero de aí a introducir castelanismos e interferencias a dar cun pau e que, ademais, estes sexan facilmente evitables… É comprensible que ao presentador e aos colaboradores se lles escape de cando en cando algún erro e desde logo unha lingua popular é necesaria. Pero unha lingua popular non é falar un dialecto do español.

Que son *soplando, *mín, *tontos, *loca, *en outro, a vacilación entre *pa e pra…? E só por citar os máis destacables, os que me parecen máis corrixibles para calquera falante medio. Desde logo, son resultado dun desleixamento absoluto pola lingua e pola corrección. En galego parece que vale todo, que a norma non importa e que está feita por uns repugnantes que pouco entenden do que é o galego normal e, xa que logo, o que toca é inventar segundo nos pareza. Citando a parodia: que me estás contando? Humor si, sempre, pero non nos mofemos da lingua. Shin-chan sempre foi chistoso e ocorrente, mais nunca lle deu unha patada ao dicionario. Ten el máis respecto ca nós polo galego?

A pregunta é moi sinxela. Queremos construír un dialecto do español ou dignificar a lingua de noso? Que porvir queremos para a nosa fala? Non é preciso poñerse puristas, é dicir, os erros dos que falamos son os que non saen dun galego normal e coherente: son claros castelanismos. Visto que teñen un dez absoluto na fonética e en enxeño, estas interferencias son toda unha mágoa. Así como hai que recoñecerlles a orixinalidade e o papel normalizador nunha situación lingüística tan eivada, hai que tratar de corrixir estes erros que só empobrecen a nosa lingua e só nos afastan do verdadeiro legado dos nosos devanceiros. E sobre todo, sabendo que a iniciativa parte da televisión pública galega, estas cousas resultan intolerables.

A chave, o camiño da normalidade está aí, nestas iniciativas, estou convencido, pero sempre mantendo unha pureza na lingua, por ela e por nós.

Advertisements

15 comentarios en “A (des)normativización do galego

  1. Mas é que esse modelo de língua que criticas e que esvara cada vez mais para o espanhol é o que vai implícito no modelo de língua que argalhou o Filgueira Valverde e que a própria RAG defende, promove e homenageou com o Dia das Letras Gal(l)egas deste ano.

    Modelo linguístico que, por outra parte e suponho que inconscientemente e sem teres refletido muito nisso, usas e legitimas tu próprio com a tua escrita.

    Enfim..

    Saúdos.

    Liked by 2 people

    • Un comentario moi agradecido!

      Non vou entrar no debate normativo, mais imaxino que a CRTVG, como organismo público que é, debe adoptar o estándar oficial da propia Xunta de Galicia. Reservo a miña opinión sobre o Decreto Filgueira mais, desde logo, non teño receo ningún ao reintegracionismo.

      A miña crítica vai máis ben orientada cara ao (in)cumprimento do papel normativo que ten a TVG de amosar un estándar de lingua galega, alén do modelo ortográfico que utilice. Quero salientar que non se está a desenvolver con éxito (polo menos neste programa) e sobre todo a escasa preocupación que existe por este tema pois, polo xeral, son erros que calquera corrector automático identificaría. Vai enfocado cara ás actitudes que teñen certos entes públicos (que deberían servir de exemplo) cara ao galego.

      Ademais, opino que as diferenzas RAG/AGAL no oral son mínimas, e que mesmo Roberto Vilar podería falar empregando o estándar reintegracionista sen que apenas se decatase o público. O problema vén, xa que logo, das excesivas interferencias do español, que eu só entendo como procedentes do desleixamento. Eu mesmo tiven este curso un profesor que utiliza a normativa reintegracionista e foi unha experiencia moi enriquecedora.

      Gústame

      • Agradecido eu polo tom da tua resposta, Manuel.

        A cousa contudo é que, sem menosprezar a importância da ortografia, a questão do modelo linguístico galego vai para muito além disso: é a própria conceição da língua que fai com que o ‘galego autonómico’ escoe cada vez mais para o espanhol. É a diferença entre considerar o galego como uma língua internacional plena da qual a nossa variedade é berço e origem ou considerá-lo apenas uma língua autonómica espanhola com a língua oficial do estado como modelo e, portanto e inevitavelmente, como fim e fronteira e subordinada àquela.

        Além disso, os “medios públicos” podem ser um elefante, mas eles não inventaram a língua nem vão fazer com que ela se mantenha e continue viva, mas os centos ou miles de formiguinhas que fazemos dela o nosso médio de comunicação diária habitual e quotidiana.

        Saúde.

        Liked by 1 person

      • Concordo, e habería que traballar cara a esa dirección: a importancia que ten o portugués como modelo e a importancia da nosa «língua internacional» no mundo. A recepción das canles portuguesas e mais a implantación do portugués como segunda lingua no ensino habían ser medidas ben útiles para lograrmos este propósito. É, se cadra, o único camiño, porque considerarmos o galego como legado e patrimonio parece que non é razón abonda para que os galegos defendamos o noso. Agredézoche, de novo, estes pequenos debates dos que tanto se aprende. Saúde!

        Gústame

      • Desde logo, temos que facer diso unha realidade presente, non hipotética. Se callar expreseime mal, mais non pretendín en ningún momento dicir que o reintegracionismo renegase do galego como legado e patrimonio lexítimo. Por suposto que non. E efectivamente, o seseo de Mazaricos é un retallo dun trazo que si conservan os nosos irmáns do sur do Miño e que nos fai un só. Beizóns polo comentario!

        Gústame

  2. canta razón tes meu amigo..
    Mira que me da coraxe ver como a tvg e a Xunta desprestixian o noso idioma.
    Tódolos chistes que se fan na tvg son do ghallegho cateto e da garda civil, ¿qué pasa? ¿non se pode satirizar a figura dos políticos? sempre o ghalleghiño. Que se metan cos políticos e coa realidade social que estamos a vivir, e que para traballar na TVG se fale galego como debe ser, (sempre se che pode escapar unha castelanismo) pero non se pode permitir que o programa con máis audiencia fale castrapo.

    ¿E as novas? Onte en xinzo un raposo entrou nun galiñeiro e papou un galo.. ide rascalo carallo! para dar esas novas mellor que pechen a TVG. Xa so falta que poñan misas en latín

    O que máis noxo me da e ver como os dous grandes diarios de galicia (La Voz e o Faro) repartense as subvencions da Xunta sen escribir en galego. A edición en galego é unha puta traducción que parece que fixo un mono. Manda carallo, subvencionando un traductor automático…

    E xa o deixo aquí, moi bo artigo. espero que máis xente coma tí de a coñecer esta merda de realidade…

    A ver se algún famoso galego fala en galego algún día…

    Liked by 1 person

  3. Non vos decatades que facer do galego un dialecto do castelán é o mesmo que facelo un dialecto do portugués. O voso galego artificial, ainda moitos portuguesismos da RAG, afastan o 95% da poboación.

    Gústame

      • Como é obvio, un galego standard nada ten que ver co portugués nin co castelán. Se alguén dí “soplar” por “soprar”, pode ser correxido, pero con esa excusa da corrección non se pode aproveitar pra sustituir o propio polo portugués, como di algún que escribe neste fío.
        Os dialéctalismos, ademáis, son minimos en galego.

        Gústame

      • A súa e a del son dúas propostas diferentes para a normativización do galego. Por suposto, ambas teñen os seus puntos fortes e os seus puntos febles mais, indiscutiblemente, a norma, sexa cal for, é necesaria para o galego.

        Gústame

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s