Disney e o galego

O galego aínda é hoxe unha lingua restrinxida en moitos ámbitos. No audiovisual, desde a creación da CRTVG, a lingua de Rosalía avanzou moito e conquistou ámbitos onde nunca antes estivera presente. Non obstante, ese vieiro aínda non se percorreu de todo, e aínda é moito o camiño que nos queda por facer. Escoitar galego no cine ou no formato doméstico, por exemplo, son uns deses pasos que nos quedan por andar. Eivas que os nosos compañeiros cataláns xa fecharon hai tempo.

O caso das películas Disney é especial. Os máis dos cativos viron estas longametraxes durante a súa infancia e non existiu a opción de poder sentilas en galego. Non por rexeitamento da empresa do rato, nin moito menos. No ano 1997, A Mesa lanzou unha proposta de dobraxe destas películas ao galego, que a propia multinacional aceptou, pero que foi rexeitada pola Xunta. Houbo recollidas de sinaturas e apoio xeral, pero o tema quedou aí.

Non se trata dun antollo. Estas películas teñen un público potencial moi amplo. Non só están dirixidas aos cativos, senón tamén aos pais que os acompañan. E non só dan para unha reprodución. Senón para decenas de veces nas que os pequenos poñen as películas para ver as mesmas escenas unha e outra vez máis. Escenas que servirían para se veren reflectidos neses personaxes na súa lingua.

É certo que a TVG emitiu unha película de Disney. Mais foi só unha (fago alusión a esta lista) e nun pase: A meiga novata (Bedknobs and Broomsticks) no Nadal de 2004. Iso si, cunha dobraxe fantástica, como cumpriría esperar, con guións e cancións integramente en galego. Pero non é dabondo. Á parte de que non se incluíu esa dobraxe en ningunha edición comercial da película, precísanse títulos máis rechamantes e modernos.

bb41e1fcc19b816c4d375d34ee3349c0c9085f50

© Walt Disney Productions

 

Xa se demostrou que as nosas traducións son boas e teñen éxito con filmes e series que temos todos gravados na memoria. Pero agora a tradución audiovisual ao galego precisa máis vida, pois este non é o seu único punto feble. Por que se emitiu o ano pasado Doraemon en galego á mañá e non á tarde, para así poder competir coa emisión en español dunha canle estatal e gañar audiencia agora que a serie volve estar de moda? Por que se destinaron cartos a esgalla a un vídeo musical dun cantante perralleiro e non aos subtítulos de series actuais de amplo público como si fan os gobernos catalán e vasco? U-la vontade? U-la normalidade?

Advertisements

4 comentarios en “Disney e o galego

  1. Fágome as mesmas preguntas. É máis, por que deixaron de emitir todas esas series xa dobradas ao galego que tanta audiencia xeraban? O detective Conan, Shin Chan, Doraemon, Evangelion… Desapareceron ou cambiaron de horario (a horas intempestivas): Dragon Ball, por exemplo, pasou a emitirse nunha canle secundaria (TVG2) de noite (á unha da mañá), mentres que filmes coma Sherlock Holmes ou Harry Potter (é dicir, destinados a un público novo) nunca poden verse de tarde (agás en días especiais, coma en Nadal). É triste ver que Pulp Fiction se emite ás 22.30h na TVG e Sherlock Holmes (por seguir co mesmo exemplo) é emitido, cun pouco de sorte, a continuación (ás 00.05h) ou, sen nada de sorte, ás 00.30h e na TVG2. E por que xa non se dobran series coma A Nanny ou O príncipe de Bel Air? De seguro que “The Big Bang Theory” ou “How I met your mother” arrasarían en galego.
    En fin, todo isto fai que se pense que a dobraxe en Galicia non paga a pena porque non ten público, que non é rentable, que a xente prefire ver os filmes actuais en castelán ou en versión orixinal. E non falamos dos cines, que ese xa é outro tema.
    En canto a Disney, chámame a atención que só unha película fose dobrada, xa que na TVG teñen dobrado filmes para xente nova de TMS, Estudos Ghibli, Asahi TV, Shogakukan, Warner Bros., Toei Animation, etc. con bastante éxito de audiencias. Parece ser que á TVG élle máis barato mercar series e filmes xaponeses, pero nin con esas hai máis dobraxe…

    Liked by 1 person

    • Ola, alquinsol. O primeiro: grazas por comentares.

      A verdade é que os motivos polos que esas series desapareceron da grella da TVG son moi variados. Nalgúns casos débese a que a serie xa se emitiu na súa totalidade (o caso de Evangelion, por exemplo). Noutros, os dereitos mercounos unha televisión estatal (Antena 3 no caso de Shin-chan). E hai casos nos que non parece haber un motivo claro (o caso d’O detective Conan ou Doraemon, onde por certo, de emitirse esta última en mellores horarios a audiencia había ser maior, pois o público xa consome a versión en español en Boing).

      No caso das longametraxes que comentas dobradas ao galego, por que non gozan de máis promoción? Por que produtos que poden contar cun gran público (o caso de Historias de San Valentín ou series como Crónicas vampíricas ou Breaking Bad) non se emiten en mellores horarios? O problema non é que se trasladen á segunda canle, pois outros produtos semellantes funcionan en canles secundarias estatais con grande éxito. O problema, persoalmente, é a falta de publicidade (nas redes sociais, por exemplo) e un atraso no sistema. Efectivamente, series como The Big Bang Theory ou How I Met Your Mother, traducidas e dobradas con moito cariño (pois son produtos moi coñecidos polo público) funcionarían moi, moi ben en galego. Desleixamento por parte da TVG? Ou ben é iso ou ben os dereitos non están dispoñibles para as canles autonómicas (FORTA).

      Con respecto aos filmes xaponeses, cales che constan que se dobraron ao galego? Porque segundo a información que eu manexo, alén de Ran, Violent Cop, Queen Millenium, as películas de Doraemon, Dragon Ball, Shin-chan, Evangelion e O detective Conan non se dobraron máis longametraxes nipoas. Pero si que se podían traducir máis, como fai TV3 (ou mesmo nalgunha ocasión Canal Nou), que ademais despois cede de balde a pista catalá (ou valenciana) para o DVD. Xa se viu coa estrea de Dragon Ball Z: A batalla dos deuses, hai dobraxe en español, catalán, éuscaro e valenciano, mais a Xunta non estivo interesada en apoiar unha tradución ao galego. Se che interesa o tema, apuntar que a Generalitat e mais a Eusko Jaurlaritza subvencionan os subtítulos de series e películas actuais para Canal+ ás súas respectivas linguas.

      Temos aínda moito camiño por andar, está claro!

      Liked by 1 person

  2. Ola, Manuel. Grazas por responder 🙂

    Dicía o das canles secundarias porque en moitas zonas rurais de Galicia, ata hai relativamente pouco tempo, non se podían ver (polo tema do TDT). Eses anos nos que as canles secundarias non podían ser vistas por unha parte da poboación traducíronse en audiencia perdida. Por suposto, agora xa non é un problema primario, pero creo que sempre é bo ter todos os factores en conta. Por outro lado, no caso da TVG2, é máis difícil seguir a programación do día (ao contrario das canles secundarias doutras canles estatais), xa que moitas veces teñen a información da TDT sen actualizar [“programación por determinar”] e iso significa que, en ocasións, a xente descoñece que películas se van emitir nesa canle. En calquera caso, e como dicía, agora semella que xa non é un problema tan grave coma hai uns anos.

    En canto a que filmes nipóns de animación sei que se dobraron ao galego, teño coñecemento de que se dobraron (para nenos) as 8 primeiras películas do Detective Conan, as de Shin Chan, algunha de Doraemon… máis que nada, as que ti mencionas. E o filme de animación “Cando o vento sopra”, de J. Murakami, tamén foi dobrado, pero neste caso está dirixido a un público adulto. Pola contra, se falamos de películas nipoas en xeral, hai algunha máis: “Akahige (Barbarroxa)”, “Tôkyô Monogatari (Contos de Tokyo)”, “O Anxo ebrio”, “20th Century Boys”, “Boiling Point”, “Dolls”, “O inferno do odio”, “Nacín, pero…”, “Os malandros dormen en paz”, “O can doente”, “A fortaleza escondida”, “Seppuku” (traducida coma “Harakiri”), “Os sete samuráis”, “Trono de sangue”… case todas elas de Akira Kurosawa. Os filmes “Shozo: o retrato de Midori”, “Ohayô”, “Sanma no Aji: o sabor do allo” (“El sabor del Sake”, en castelán), “O cazador” e “Sonatine”, por exemplo, só foron subtitulados. A verdade é que, buscando en internet, atopei moitos máis filmes xaponeses para adultos dobrados ao galego dos que xa coñecía, o cal foi toda unha sorpresa.
    Por outro lado, se falamos de películas (de animación) en xeral para xente nova dobradas ao galego, podemos atopar “Ant Bully”, “Alicia no País das Marabillas” (a versión do ano 2007), as pelis do oso Yogi, as de Astérix e Obélix, algunha de Batman, “o Nadal de Casper”, “Shrek”, algunha das Tartarugas Ninja, “Ga’Hoole: A lenda dos gardiáns”… En cambio, coma ben dis no artigo, só hai un filme de Disney dobrado ao galego.

    Non é moito, pero algo é algo…

    Gústame

    • A verdade é que me constaba que as películas xaponesas que citas estaban subtituladas, non dobradas. Grazas pola información!

      O problema é que esas películas infantís (e as de público adulto tamén) están dobradas, mais esas dobraxes despois non acaban nos formatos domésticos. Por que? As versións catalás figuran porque TV3 cede de balde estas dobraxes pero a TVG esixe un pagamento que, para as empresas, é inasumible. Se mudasen estas políticas gañariamos todos: o galego e mais nós. Se cadra, coa creación dun Servizo Galego de Dobraxe (semellante ao Servei Català de Doblatge) o problema daríase solucionado.

      Gústame

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s