Kikujiro e Saki

Se sodes afeccionados ao cinema oriental e de autor, é posible que oísedes falar do director xaponés Takeshi Kitano, célebre por obras coma Violent Cop, Boiling Point, Dolls ou Sonatine, as catro que, se non me engano, emitiu dobradas ou subtituladas ao galego ata o de agora nalgún momento a TVG.

Takeshi Kitano é cómico, pero se é coñecido alén das terras nipoas é grazas ao seu cine: dramas policíacos ou de mafiosos, con personaxes profundos e pingas de comedia negra. No ano 2001, Kitano publicou unha obra sobre a súa infancia como toquiota: Kikujiro e Saki, e empregou para o título os nomes dos seus pais. O libro gozou de tal éxito que se adaptou o texto nun especial de televisión o mesmo ano e, máis adiante, transformouse nunha serie de televisión. Rinoceronte Editora publicou o libro na nosa lingua, baixo a tradución directa do xaponés de Mona Imai.

9788492866403

© Rinoceronte Editoria, S.L.U.

Se sodes coñecedores da cultura xaponesa é posible que teñades a sensación de que esta conserva trazos machistas, moi tradicionais. Non obstante, os pais do autor non pasan en absoluto por estes distintivos, ao contrario, arrédanse deles. O pai é un zoupón, un antiheroe, un perdedor, un papaleisón. A nai é intelixente, espelida, e se ten que rifar co home, rifa con el. Esta denuncia social faise máis notable se temos en conta que os feitos que nos presenta o libro fican lonxe (aínda que se cadra non tanto) dos nosos días.

Kikujiro e Saki está cheo de humor que agocha dalgún xeito as penurias polas que pasou o pícaro Takeshi. Hai escenas realmente cómicas, coma cando a irmá do autor coida un pitiño e, ao non teren que comer, o pai propón fervelo e papalo. Retallos da memoria que inciden na denuncia social do pasado nipón, pero que están cheas de forza, carisma e sentido do humor. E malia todas estas descricións e imaxes que poden parecer tristes, as palabras revélannos que Kitano admira o seu vello e o seu labor de carpinteiro. O director tamén aproveita para falar dos seus inicios como cómico e do rexeitamento que sufriu na súa familia cando lles comunicou a intención de entrar no mundo dos faranduleiros.

takeshi-kitano-5

© Takeshi Kitano

O desenlace é realmente conmovedor, ou polo menos, a ensinanza que se pode tirar del. Valores coma o egoísmo desmóntanse completamente cun xesto de Saki que se desvela ao final. O farelo dun pasado triste e duro gárdase no corazón dun presente cheo de éxitos, que Takeshi Kitano non dubida en atribuírlles a seus pais e en agradecerlles no libro. E malia que a figura de Kikujiro pode ser a máis danada de todas no libro, é tamén á que o lector sen dúbida se ha apegar máis pola súa naturalidade.

O autor explica ao final que todo é fantasía e que os feitos que relatou non se aproximan á realidade, o que nos introduce na disxuntiva de se todo foi ficción ou se é que o xaponés, cómico, xoga connosco e quere enganarnos. Kitano, director, cómico, actor… E agora escritor.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s