Arcaísmos na tradución audiovisual

A figura do tradutor audiovisual representa un dos labores máis versátiles. E é que tanto pode traducir unha comedia coma un drama, un documental ou cinema de autor. E non só iso. Mesmo pode que nunha soa obra aparezan personaxes variados, estrafalarios, distintos. E sempre, un dos trazos máis definitorios de cada personaxe é o seu xeito propio de falar, o seu idiolecto.

Un dos casos máis salientables e que maior labor de documentación esixe é o dos personaxes que aparecen do pasado. Cómpre destacar especialmente o da película Shin Chan: A ambición do Kakafede (クレヨンしんちゃん 雲黒斎の野望 Kureyon Shinchan: Unkokusai no Yabō ), cuxa trama se sitúa durante as guerras civís do Xapón, ano 1570.

kakafede

© TV Asahi

Alén do éxito que tivo a serie e o que supuxo para a normalización do galego, neste filme a tradución volve gañar outra medalla. Velaquí algúns exemplos da maneira de falar dos personaxes cos que se atopa a familia Nohara na película, que supoñen un verdadeiro desafío para a tradutora e mesmo para os propios actores de dobraxe:

«Atendía a vosa chegada. A miña graza é Fubukimaru, señor do noutrora sobranceiro castelo de Kasukabe. Son o herdeiro daquesta fortaleza. Intúo que me acho perante os tres heroes e o can que conforme a lenda han acudir redimi-los bastións seus. (…) Mal pecado, un can que departe! Oh, non atendía eu tal milagre…»

«A graza del é Angie, é a cabalgadura máis garrida de toda esta contorna. Sé indulxente. Angie é sabedor da súa valía e moitas vegadas obra por vaidade»

«Presumo que naquesta tenzón non hai razón que valla»

«A fachenda é a única arte na que fazen mestría»

Documentarse para acadar unha lingua medieval que soe crible é difícil. Pero se aínda por riba lle sumamos a eiva que presenta o galego, unha lingua en proceso de normalización, o reto duplícase. E é que achegarlle ao espectador o texto sen ter que recorrer ás expresións do castelán que si recoñece como arcaicas (Pardiez!, por exemplo), é dicir, sen contaminar a propia lingua é merecente de recoñecemento. Outras palabras que se poden ouvir na película en boca destes personaxes son: caristía, coteife, facenda, felón, ousar, doncel, acometida, ficar…

Desde logo que se consegue o resultado buscado de maneira admirable. A empresa levárona a cabo María Alonso e o equipo de dobraxe do estudio SODINOR.

Advertisements

2 comentarios en “Arcaísmos na tradución audiovisual

  1. Teño descargada esa película no meu computador e non pasei por alto eses detalles, arcaísmos que descoñecía en galego, mais que seguen usándose en linguas coma o catalán (aquesta, vegada, etc.). Pareceume un labor magnífico de adaptación, ademais de ser un galego precioso, que a min me soa moi elegante.
    Graciñas polo blog, aínda non atopei unha entrada que non fose interesante! 🙂

    Liked by 1 person

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s