Etílica algueirada

“Ían fechando portas tras de si e guindando coas chaves”

Un dos maiores clásicos da literatura galega foi recentemente adaptado ao cine: A esmorga de Eduardo Blanco Amor. Un proxecto sen precedentes na historia do cinema galego, onde a publicidade do produto gozou dunha importancia clave: carteis nos autobuses urbanos das cidades ou en grandes postes, desde onde nos fitaban os tres protagonistas.

A historia é de sobra coñecida. Os tres protagonistas, o Cibrán, o Bocas e mais o Milhomes pasan unha xornada e mais unha noite enteiras de troula, deixando un regueiro de desgrazas e atropelos polo camiño, sen seren conscientes da repercusión social que están a causar na tranquila cidade de Auria.

a esmorga

© Vía Láctea Films

As escenas da película foron moi coidadas. As escenas chuviosas, os exteriores naturais de monte, o pazo, as tabernas e os locais onde fan noite os protagonistas marcan un distintivo propio que o texto reclama, que imprimen as propias palabras de Blanco Amor. A actuación dos personaxes é realmente extraordinaria. Alén de Morris e Miguel de Lira, que están fantásticos, a gran sorpresa vén da man de Karra Elejalde, que se defende de maneira brillante coa lingua galega, e máis co dialecto ourensán que se utiliza na fita. Subliñar tamén o extraordinario panel de secundarios, con mención especial a Alfonso Agra e a Covadonga Berdiñas.

No guión, estableceuse de vez unha diferenza espazo-temporal co libro orixinal. Mentres este último discorre na cidade imaxinaria de Auria, a película si define explicitamente que nos encontramos en Ourense. Segundo as declaracións do propio autor do texto, os feitos aconteceron noventa anos antes da súa posta en papel, isto é, a finais do século XIX e non nos anos cincuenta do século XX, como nos suxire a película, con lenes mencións ao réxime franquista. Diferenza mínima, desde logo, pero que axuda a reforzar o carácter de denuncia social da etílica pándega.

Tamén existen dous temas de fondo relacionados coa propia denuncia social que toca Blanco Amor no libro e se salientan no filme. Por unha banda, a homosexualidade do personaxe do xastre, que se fai latente ao longo da obra e cobra importancia no clímax desta.

Por outro, a lingua. Malia posuíren alcumes de seu, os protagonistas tiñan nomes oficiais traducidos ao español: Cipriano (Cibrán), Juan (Xan) e Eladio (Aladio). Ademais, cómpre aludir tamén ao personaxe da Socorrito que fala o castelán para gozar de maior prestixio, ou á xustiza, que permanece inerte ao non realizar as súas funcións na lingua que fala a testemuña, e fica en silencio, muda.

O final consiste na derradeira declaración de Cibrán, seguida dun conxunto de fragmentos extraídos do propio final da novela. Recórrese ao texto en pantalla, pois mostrar un desenlace presencial desfaría as susceptibles interpretacións do lector/espectador.

esmorga publi

© Faro de Vigo S.A.

Ignacio Vilar realza o noso propio cinema, dálle un pulo absoluto e lánzao alén das nosas fronteiras. A dobraxe en español xa se realizou e contará con lixeiros modismos galegos, pois, malia tratarse dunha historia universal, a súa galeguidade non pode esquecerse. Os sentimentos, a chuvia isolacionista, a censura, a represión do texto orixinal; trazos de noso que se espallan ao mundo grazas a unha longametraxe sobranceira.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s