O Ishiguro traducido

Kazuo Ishiguro é un autor de orixe xaponesa, afincado no Reino Unido e influenciado totalmente pola literatura e o estilo británico. A editora encargada de publicar as súas obras na nosa lingua é Galaxia, quen ata o momento sacou do prelo a novela longa Non me deixes nunca (2005) e a colección de relatos curtos Nocturnos (2009).

A primeira foi traducida por Eva Almazán á nosa lingua. Con todo, foi María Alonso a encargada da tarefa de verter as verbas de Ishiguro ao galego en Nocturnos, que leva por subtítulo «Cinco contos de música e anoitecida».

Tal e como evoca o subtítulo, os temas que se desenvolven ao longo da obra gardan relación coa música e mais o solpor, presentando varios personaxes de fonda crise interior que xogan co seu pasado e son vítimas do presente que lles toca afrontar, onde as luces de neon de outrora xa se apagaron. A facilidade de Ishiguro para nos trasladar aos ambientes que el desexa, cunha adxectivación e unha descrición brillantes, é merecente de mención. Malia que cumpriría facer unha análise sobre os temas tratados polo autor e o seu argumento, o comentario que hoxe presento non vai enfocado nesa liña, senón no estilo e na forma empregados pola tradutora á hora de achegarnos o texto orixinal á nosa lingua.

«—A min? Non, ho. Eu non aparecín en escena até algo máis adiante. Foi que casou co Dino Harman. Non ouviches falar do Dino? (…) Coitado o Dino»

«—Entón, Charlie, non me dás ningún consello?

— Non! Non che dou un carallo de consello! — gritaba outra vez a pleno pulmón —. Záfate! Ti colle o teu avión, que eu collo o meu. E xa veremos cal dos dous se estampa!»

«— De puta madre! Tes o choio controlado. Fantástico! Puto amigo teño…»

«Andaba a enredar coa teteira, pero virouse a fitar para min outra vez.

— Non, Raymond, non fales así. Nin de broma. Na vida che quero ouvir falar así.

— Non, entendíchesme mal. Dixeches que escachaba, pero se estou no bordo dun precipicio, caio, non escacho.

— Ai, coitadiño. (…) Es soamente o farelo do Raymond que fuches»

No orixinal inglés, Kazuo Ishiguro distingue estes personaxes dos doutras novelas polo ton coloquial que empregan. É así que, nun esforzo por manter ese espírito, a tradutora aplica, moi atinadamente, o uso de formas coloquiais plenamente galegas. Atopamos expresións que denotan esa coloquialidade (ho, de puta madre, a pleno pulmón…).

9788498652826

© EDITORIAL GALAXIA, S.A.

O léxico que reforza o ton do orixinal tamén enriquece o texto (puto, záfate, carallo…) e apoia a intención principal: transmitir a naturalidade lingüística, a linguaxe espontánea dos personaxes, que ás veces pode resultar moi difícil de acadar.

Fago unha especial mención a un trazo morfosintáctico salientable: a aparición do artigo precedendo o nome propio (o Dino, o Raymond…). O motivo de que sexa algo estraño é polo seu escaso uso no eido literario, sexan traducións ou textos de noso, e non desde logo pola súa infrecuencia na lingua oral. Un trazo tan distintivo, tan particular, tan senlleiro non pode (ou non debería) caer no esquecemento, senón que debería ser reivindicado, utilizado, explotado, co obxecto de recuperar o oco que lle pertence na nosa lingua. Aínda que no español está considerado como un trazo vulgar, no galego isto non sucede e verbo diso, habería que facer máis uso dunha particularidade viva da nosa lingua así como, por exemplo, fai un uso excelente dela o catalán (de Cataluña e Baleares), onde o artigo é sempre obrigatorio.

Ora ben, cómpre ter en conta o perigo que afronta un tradutor á hora de empregalo. Sendo que ás veces non se aclara o sexo dos personaxes (ben porque non interesa ou ben porque non é necesario facelo) e os nomes estranxeiros poden ser bastante traizoeiros, o tradutor pode enganarse e adxudicarlle a un personaxe un sexo que non lle corresponde. Por iso adoita ser un traballo moi laborioso porque ademais habería que comprobar que non se nos esquece artigo ningún (de poñer un, por razóns estilísticas, habería que poñelos sempre).

event_20485_original_0

© Kazuo Ishiguro

Aínda non entrando en aspectos da tradución, o texto é riquísimo precisamente pola decisión de empregar ese trazo que, malia utilizarse con nomes ingleses, non debera estrañarnos senón achegarnos ás nosas propias raíces, á nosa propia idiosincrasia.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s