A ambición move ao delirio

As películas obxecto de comparación nesta entrada son: A Streetcar Named Desire (Un tranvía chamado desexo, 1951) e Blue Jasmine (2013). Mentres que a primeira estivo dirixida por Elia Kazan, na segunda obsérvase a pegada característica que deixa Woody Allen en todas as súas longametraxes.

Un tranvía chamado desexo é un filme baseado integramente nunha obra de teatro homónima, que relata a vida da noviña Blanche DuBois, que vai na procura da súa irmá Stella en Nova Orleáns ao ver esboroado o seu pasado. Isto xera unha serie de roces co seu cuñado, Stanley, quen sospeita da vida vertixinosa de Blanche e das circunstancias que a trouxeron a vivir onda eles. O pasado da protagonista determinará o seu presente e non poderá liberarse do peso del, sumíndose nunha loucura amorosa e nun destino final que apaga as luces de neon que cría ver Blanche na súa vida.

Blue Jasmine é un filme baseado na primeira película. Non obstante, neste caso a protagonista é Jasmine, unha muller que se movía nos altos barrios de Nova York e que remata na casa da súa irmá Ginger en San Francisco. A película vencella integramente o fío do pasado e a súa influencia coa actualidade: o ruín home de Jasmine era un estafador que facía cartos afundindo na miseria o resto da xente. Por un delito de defraudación a Facenda é detido, a súa fortuna desaparece da noite para mañá, e Jasmine buscará acocho na casa da súa irmá, a cal tamén sufrira as estafas do seu ex. Teimosa coa idea de atopar parella, Jasmine pérdese na loucura, nunha vida baseada no consumismo e baleira de sentimentos e amizades.

«A ambición move ao delirio» podería resumir a idea que se presenta nas dúas longametraxes. Mentres na primeira o que anhela a protagonista son homes e amores, na segunda a felicidade baséase nos cartos e no consumismo; ambos coma fontes de felicidade. Blanche obsesiónase coa idea de atopar un home que a queira, e pinta as situacións coma se se tratasen de novelas románticas, moi posiblemente pola súa docencia de Literatura no instituto. Por outra banda, para Jasmine é o diñeiro o que arrampla con todo na súa vida, e o que a leva a anhelar riqueza, a mentirse a si mesma e á xente do seu redor, coa idea de que esa riqueza aínda está presente. Poderiamos falar dunha clara referencia, en ambas as dúas películas, ao tópico clásico «Ubi Sunt?»: u-la felicidade do pasado? Pero se cadra convén preguntarse se este pasado era tan marabilloso ou era tan só unha rede de mentiras enganosas.

Blue_Jasmine_-poster

© Sony Pictures Classics

O pasado das protagonistas, o fracaso que sufriron e a desesperación dunha sociedade que as condiciona desembocan no delirio de ambas as dúas. O tranvía chamado desexo é o tranvía que Blanche non colle, ao que non sobe; namentres, o Blue Moon simboliza o pasado de Jasmine e o seu significado no presente.

Na primeira película, as referencias que se fan ao pasado da protagonista son moi sutís. Por exemplo, sabemos grazas aos testemuños de Stanley que Blanche vivira nun hotel, que se deitara cun dos seus alumnos e que os cartos e a desaparición dos seus terreos non sucederan da maneira que ela o contara. Na segunda, os flashbacks de Woody Allen ilustran o pasado de Jasmine, a decadencia que sufriu ao longo do tempo e os trastornos psicolóxicos que lle causaron a infidelidade do seu marido, a perda do seu fillo e, sobre todo, a perda da sona e o diñeiro.

En ambas as dúas películas atopamos historias secundarias parellas ao desenvolvemento da trama principal. No filme de Elia Kazan, o matrimonio de Stanley e Stella amosa situacións de inestabilidade e machismo, que se fan latentes en toda a longa e que finalizan coa fuxida do domicilio de Stella co seu fillo en brazos. Woody Allen, actualiza ese matrimonio, co divorcio de Ginget e a aparición dun mozo na súa vida, vulgar coma Stanley, pero a diferenza deste, respectuoso coa súa muller e que provoca un clima de felicidade na vivenda. Esta perspectiva, se cadra, inflúe na relación que aparece nas dúas películas. Na de 2013, o principal tema é a relación entre as dúas irmás, pero a de 1951 céntrase na relación que ten Blanche co seu cuñado.

Cómpre dicir que ademais da ambición atopamos outros temas derivados dela. Consecuente á primeira, a loucura está presente en ambas as dúas películas, así como o baleiro e a incomprensión que esta lles provoca. Por unha parte, son seres incomprendidos nun mundo que non se para a fitar para elas ou para os seu sentimentos. Por outra, as dúas protagonistas son personaxes fracasados, que non conseguen os seus obxectivos e que se encontran baleiras no seu interior. A mentira é tamén outro dos temas que aparecen na duración da fita. Co obxecto de sentírense máis realizadas, enganan a xente que as rodean, negando ou obviando o pasado, ou mesmo chegando a crear unha realidade paralela inexistente. É importante saber que as protagonistas son o que son por causa do seu pasado, e que este se encontra sempre, ligado á opinión da sociedade.

A vida que viviron as protagonistas estivo chea de luxos. Mentres Blanche buscaba encher o oco do seu corazón cos homes que se lle presentaban na porta do seu cuarto de hotel, Jasmine vía satisfeitas as súas necesidades con cartos, roupa ou grandes mansións. Estas vidas frenéticas, ese nivel de vida estoupa e espétalles nos fociños a realidade a Blanche e Jasmine.

No medio das longametraxes, cobran importancia os homes que coñecen Blanche e Jasmine. O primeiro era amigo de Stanley, e cae coma un pimpín ante os seus enganos. Ao mozo de Jasmine acontécelle o mesmo, e queda choucho ao escoitar as súas mentiras. En ambos os dous casos a verdade sobreponse á mentira, e con isto, comeza a decadencia final da vida das protagonistas. A primeira tolea de todo ao recibir a noticia, e a segunda, refúxiase na desesperanza e na hipocresía, decatándose da feliz vida que leva a súa irmá sen cartos e da súa ruín fortuna no desenlace da trama.

Poster - A Streetcar Named Desire_02

© Warner Bros

O final tamén sofre algunhas modificacións. Verbo diso, Stella remata a súa vida de casada fuxindo cas súa veciña e escapando de Stanley. Porén, a vida sorrille máis a Ginget, de xeito que esta termina feliz co mozo que coñeceu que, á vez, non era propietario de grandes terreos nin tiña grandes aspiracións, non sendo a felicidade ao pé da súa namorada. Isto pódese interpretar de dúas maneiras. Segundo a primeira película, a loucura de Blanche non era tal, e polo tanto, soubo ver a realidade na relación da súa irmá co brután de Stanley. Non obstante, a mensaxe da película de Allen pode ser «os cartos non dan a felicidade» e, ademais cunha interpretación máis fonda se cabe, «a felicidade está presente nas cousas pequenas e non nas grandes pretensións».

Un aspecto cultural a destacar da película son as actualizacións que sufriu por causa do tempo que discorre entre elas. Así, na película de 1951, Blanche utiliza o seu nome para distinguirse como afrancesada de prestixio entre a xente do seu redor, utilizando Francia como máxima expresión literaria e cultural (recórdese que Blanche era profesora de Gramática e Literatura, e tiña especial contacto con todas estas tendencias). Pola súa parte, Janet muda o seu nome na procura de distinguirse como dama americana da aristocracia por Jasmine, que vén significando xasmín en galego. Tamén o uso que se fai da tecnoloxía na película do 2013 e da realidade do barrio e do ambiente no que se moven os protagonistas muda de maneira radical.

Proba da universalidade de Un tranvía chamado desexo é a existencia de Blue Jasmine, que bebe directamente dela. Os temas tratados, así como os personaxes de senllas obras, supoñen unha caracterización dos valores e das aspiracións das sociedades do século XX e do século XXI.

Sesenta e dous anos tiveron que pasar para que Woody Allen realizase un remake da obra de Elia Kazan. Non cabe dúbida que Blue Jasmine se consagrará entre unha das grandes películas do director, tras éxitos internacionais como Medianoite en ParísA Roma con amor ou Maxia no luar. Allen retorna aos ambientes cosmopolitas do seu país orixinal, e pouco queda por dicir xa do seu maxestoso cinema de autor. A escena dos berros de Stanley por Stella na película de Kazan, así como a harmonía musical e o ambiente da película de Allen ofrecen escenas sobranceiras para o cine de todos os tempos. Agardemos que o tranvía chamado Desexo non deixe nunca de circular, e que o xasmín azul do cinema dos nosos días non murche xamais.

Advertisements

Deixar un comentario

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s